Rafa Aguiar, o ‘todoterreo das ondas monfortinas’

Coñecemos a este apaixonado da comunicación e da música, unha desas persoas que se deixou levar polo instinto e desbotou outros camiños, quizais máis pragmáticos, para ser feliz co que máis lle gusta. Moi popular pola súa dedicación radiofónica na cidade do Cabe recoñece tamén o seu lado friki e cóntanos anécdotas moi divertidas, como o casting para presentar o “Supermartes” ou o seu paso polo Un, Dos, Tres...

Rafa Aguiar nos estudios de Radio Principal Cadena Ser / XdL

Estando en Bilbao, cidade onde naceu, Rafa Aguiar conseguiu o título de FP de Artes Gráficas, como di el “impresor profesional”, profesión que daquela estaba moi solicitada nun momento no que esta cidade vasca era potencia no sector das artes gráficas. Conta que estudou esta especialidade profesional porque o convenceron uns tíos dicíndolle que tiña moita saída e que estaba moi ben pagado. Ao rematar a formación di que lle ofreceron empezar a traballar nunha empresa do sector asegurándolle que “tería traballo para toda a vida”. Chegado este momento no que se lle abría un camiño, empezou a darlle voltas… non se vía nun taller toda a vida, estaba metido xa en grupos de música, gustáballe moito a radio… Total, que xa nin se presentou na empresa. A consecuencia, cabreo monumental da familia pero ilusións intactas para seguir soñando.

A partir desta etapa traballou axudando a seu pai, colaboraba na radio en emisoras locais e rematou un Curso de Produción Radiofónica aínda en Bilbao alá polo ano 1987. Con este título chegou a Monforte nese mesmo ano e, coincidindo que lle ofreceran traballo na Discoteca Camel’s tamén lle saíu traballo para colaborar en Radio Cadena Española -Radio Nacional de España- por tres meses. Esta suma de circunstancias fixo que quedara a vivir en Monforte e, aínda que en principio era provisional, ao renovarlle na radio xa non volveu a Euskadi.

Radio Cadena Española pechou no ano 1991 e Rafa Aguiar recalou poucos anos despois, no 1995, en Radio Principal Cadena Ser, medio de comunicación no que segue traballando na actualidade. Aínda que a súa principal función é a produción radiofónica e pilotar a mesa de son tamén fai de locutor ocasional, dinamizador de redes sociais, comercial e reporteiro. Falamos con el.

Como chega un bilbaíno a Monforte?

Por raíces familiares no Saviñao, pasando os veráns nunha casa de Chantada e colaborando desde que me metín no mundo da comunicación con Radio Cadena Española -Radio Nacional de España- ata que en 1987 (unido á inauguración da discoteca Camel´s) o director Domingo Antonio díxome que “tiña que quedarme a coñecer o frío monfortino” E dende aquela ata agora (risas).

Máis galego que vasco, logo?

Por tempo máis de galego, pero teño a facultade de sacar o que máis conveña en cada momento.

Arrepentido ou orgulloso de ser Monfortino?

Tiven a oportunidade varias veces de estar noutros lugares con diferentes propostas, pero decidín quedar e ser un de Bilbao que loita por Monforte. Un ten que estar orgulloso de ser monfortino pero unido a un comportamento positivo en todo momento, ás veces vese todo negativo sen valorar os esforzos que outros fan para mellorar moitas cousas que poden beneficiar a nosa localidade.

“Un ten que estar orgulloso de ser monfortino pero unido a un comportamento positivo en todo momento”

Tantos anos traballando na radio enganchan máis ou queiman e aburren?

Enganchan máis e para nada aburren porque cada dia é diferente, suceden cousas que non esperas, eu desexo que todas sexan boas, positivas pero xa se sabe que ás veces…  No contacto coa xente coñeces historias, creas vínculos. O que queima non é o traballo se non as condicións nas que te ves obrigado a realizalo.

Rafa Aguiar / XdL

De onde che vén esta paixón polo mundo da comunicación? Algún referente profesional?

Desde pequeno a miña gran compañía foi a radio. Aínda que ninguén o crea cando o comento, eu era, e en parte sigo sendo, moi tímido e non me relacionaba moito. Pasaba as horas no meu cuarto escoitando a radio  e gravando cassettes (aínda conservo máis de 600) para despois facer os meus programas de radio na cociña para a miña nai que non paraba de traballar cosendo para axudar a manter a familia. A gran  oportunidade chegou cando fun co meu grupo de música a unha entrevista á radio e ao final dela preguntei se admitían colaboradores… Así empecei e dende aquela con centos de experiencias neste medio.

“Aínda que ninguén o crea cando o comento, eu era, e en parte sigo sendo, moi tímido e non me relacionaba moito”

En canto a referentes, todos tiran polos clásicos aos que admiro e respecto en conxunto. Pero para unha inmensa minoría, entre a que me inclúo, con emoción e orgullo recoñezo o meu enorme e eterno agradecemento a Carlos Faraco de Radio 3 que me ensinou outros mundos radiofónicos a través do programa Tris Tras Tres “en busca del manantial de la noche” entre 1981 a 1987.

O máis tolo que fixeches diante dun micrófono?

Facía un programa nocturno con vistas á ponte colgante de Portugalete e nunha ocasión convidei a un grupo nudista. Rematamos daquela maneira. Aínda hoxe os oíntes deben de estar facendo apostas se o fixemos espidos ou non, daquela nin se permitían cámaras nin había facebook (risas).

Algunha anécdota laboral inconfesable? E confesable?

Moitas de ambas, con guiño a algún editor de libros ou produtor de series, pero quédome cun programa de verán no que xuntamos a dous perfectos descoñecidos para pasar unha fin de semana na Toxa. El tivo que pedir permiso aos pais dela pero aos poucos anos casaron.

Lembremos que Monforte tivo tamén televisión. Como viviches aquela experiencia?

Aprendendo cada día, moi orgulloso que o meu primeiro cámara fora Dani de la Torre, e recordando a moitos máis compañeiros que agora están en varios lugares facendo grandes cousas incluída Lucía Pérez que con dez anos xa nos sorprendía, en canto colleu o micrófono, coa súa voz nun programa de Karaoke “O voso ritmo”.

Captura de TV7 cando Lucía Pérez participaba no Karaoke que presentaba Rafa

Vaia dous cracks que viches medrar. Orgulloso, supoño?

Quérolle moito aos dous, e feliz de que lles vaia tan ben. Lucía Pérez actuou na radio e na televisión por primeira vez en Monforte, en TV7 e en Radio Principal Cadena Ser; eu son testemuña diso e ela lémbrase e lémbrao cando ten ocasión.

Canto durou a experiencia da televisión local?

Desde finais de 1995 ata 2013.

Tendo experiencia nos dous medios, con cal te quedas?

Cada un ten o seu, na televisión tes o recurso visual, a linguaxe corporal, os xestos; na radio debes utilizar a voz para expresar e transmitir tantas sensacións, os sons e a música, pero non dependes doutra xente, tes máis seguridade. E cunha selección ben variada poden ser horas e horas de radio, a inmediatez, a participación dos oíntes tamén son posibilidades inmensas.

Cónstanos que es un tipo moi versátil e que, entre outras dedicacións tamén es DJ. Ou tería que dicir ‘pinchadiscos’?

Bueno, teño chegado a algún lugar e escoitar “así que ti es o que vas facer ruído”. Ademais, agora é imposible levar discos físicos co volume de música da que se precisa utilizar para cada evento, pero aínda así son un “DJ que pincha discos virtuais de forma manual”; como facía cos pratos dos oitenta, nada automático, sen listas previas, se acaba un tema e eu non lle dou ao botón non hai música (risas).

“son un DJ que pincha discos virtuais de forma manual”

Dende cando ofreces os teus servizos?

Un dia un compañeiro dunha emisora onde traballaba en Bilbao díxome que tiña un amigo propietario dunha sala de festas e que buscaba un pincha pero que tamén animara co primeiro que se lle ocorrera, e alí fun eu. Actuando en  locais -como se di agora, residente- levo desde mediados dos 80, de forma “móbil” desde o 2004.

Un auténtico showman, disque. Que hai de certo? 

Eu onde me contratan vou divertirme e fago todo o posible para transmitilo. Nas actuacións levo moito atrezzo e complementos, un bo equipo de son e recreo moitas cancións interactuando continuamente co público. En calquera caso, a mellor garantía é que os clientes queden satisfeitos; por iso eu non presento vídeos. Dou o teléfono dos que me contrataron antes, eles non van mentir e dirán se o pasaron ben.

Exercendo de ‘Pinchadiscos’ nun evento

Especializado nalgún tipo de música e época?

Se me preguntan como consigo levar tantos anos sempre digo que porque me dedico a poñer música para a xente, toda a xente, pero eu comecei na década dos 80 porque teño con ela vínculos moi especiais

Estreaba cancións e intérpretes entre semana na radio e as fins de semana eses temas soaban na discoteca. Ademais tiven a oportunidade de falar cos protagonistas nos seus comezos: Golpes Bajos, La unión, Loquillo, La Orquesta Mondragón, Aerolineas Federales, Fito Cabrales… con este último coincidín nalgún festival de grupos locais cando eu tocaba a batería. Nesta época teño vantaxe, moitos agora utilizan esa música pero eu estaba no seu nacemento e nunca deixei de programala e pinchala.

Que opinas da febre nostálxica da música dos oitenta? Calquera tempo pasado foi mellor?

Ás veces escoitas “volven os 80”, pero eu sinto que nunca se foron, esas cancións prodúcenche sensacións, recordas lugares, momentos e sobre todo a quen estaba ao teu carón. Moitos saben que eses temas sempre funcionan, eu digo que ese tempo aportounos a maior variedade de estilos que agora tamén son revitalizados.

“Ás veces escoitas “volven os 80”, pero eu sinto que nunca se foron”

Polo que sabemos, contas tamén con experiencias moi curiosas. Que nos podes contar do casting para presentar Supermartes ou da túa participación no mítico “UN, DOS, TRES”? 

(Risas) Bastantes experiencias, si. Cando buscaban presentador para o Supermartes, alí estaba eu no casting. Lembro que vira un anuncio en castelán nun xornal e non se especificaba nin para que programa nin para que televisión. Ao chegar pásanme o guión en galego e decátome de que era para a Televisión de Galicia. Eu levaba pouco tempo en Galicia e claro, de galego pouco. Fíxeno fatal e non me colleron. Sentado ao meu carón cos auriculares postos estaba un tipo tranquilísimo comparado coa hiperactividade e nervios que expresabamos os demais. Resultou ser Super Piñeiro, que daquela ninguén sabía quen era, claro. Anos despois tiven a ocasión de entrevistalo cando presentou un programa na explanada da compañía

E tamén podo dicir que estiven no mítico UN, DOS, TRES. Fun coa miña parella e foi unha experiencia divertidísima. Lembro que mandei parar a gravación da presentación porque a azafata presentounos como residentes en Lugo, e iso non era certo, eramos de Monforte (risas).

Chegastes á subasta final?

Si. Unha das probas para chegar consistiu en facer de Barbra Streisand baixando pola escaleira e soando de fondo “Hello Dolly”. É para verme, que glamur (risas). E despois de dalo todo o premio que levamos foi “durmir unha noite nunha cripta de ósos e caveiras” en Valladolid. O premio foi o de menos, eu paseino xenial.

Algunha anécdota máis que lembres?

A ver, podo contar que fixen unha proba con Jesús Hermida cando fichou por Antena 3 televisión. Buscaba novos valores e fun facer a proba a Madrid, foi a principios dos 90. Fixemos probas de cámara, entrevistas en parella, etc. Non saíu adiante.

Look de Rafa Aguiar para a proba con Jesús Hermida

E como experiencia curiosa tamén podo mencionar a entrevista que lles fun facer no 1989 para Radio Cadena Española ao grupo Locomía que actuaban no Barco. Fíxenme unha foto con eles e regaláronme un par de abanos, que daquela cotizábanse (risas).

Rafa Aguiar co grupo LOCOMÍA
Nunha animación lucindo o mítico abano de LOCOMÍA

Para rematar, cres que hai un ‘xeito de ser monfortino’?

Existe unha páxina no facebook chamada “Monfortinadas”,  e outra que di “Tu no eres de Monforte si no…” aí o deixo.

Eu aposto por ser boa persoa monfortina.

Rafa Aguiar co mítico “Dúo Sacapuntas”
Rafa Aguiar de carallada co actor Sergio Pazos

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here