InicioEn profundidade“Cada vez hai máis turistas que piden experiencias diferenciadoras e exclusivas”

“Cada vez hai máis turistas que piden experiencias diferenciadoras e exclusivas”

Esta é unha das reflexións á que chega Amparo Montenegro, xerente de Enoturismo Galicia, que nos fai balance dos seus 8 anos vendendo experiencias ligadas ao enoturismo. Aínda que ten proxectos turísticos en varias denominacións de orixe, a Ribeira Sacra é o territorio amparado no que máis traballa.

Publicado o

- Advertisement -

Amparo Montenegro é orixinaria de Quiroga, terra dos seus pais, concretamente de San Vitorio e A Ermida. Aos dous anos de nacer ela trasladaron a súa residencia a Coruña por motivos laborais e as visitas a terras quiroguesas reducíronse ás vacacións e algunhas fins de semana.

Estudou TCP -Tripulante de Cabina De Pasaxeiros- e Azafata de Cruceiros na Coruña e  formación turística en Santiago de Compostela, estudos aos que quixo engadir unha experiencia de 3 anos en Inglaterra para perfeccionar o inglés. De regreso a Coruña traballou para diferentes operadoras aéreas nos aeroportos de Santiago e A Coruña ata que no 2011 decidiu rematar esta etapa e iniciar unha nova aventura, neste caso por terras Valdeorresas. Fixou a súa residencia no Barco de Valdeorras e, tras un tempo traballando en hoteis e axencias de viaxes, decidiu montar Enoturismo Galicia, empresa con domicilio social en Quiroga dende hai 3 anos.

Coñecemos a Amparo Montenegro, autónoma e xerente da empresa que, en momentos puntuais, tamén contrata xente para poder dar cobertura aos seus servizos.

Dende cando estás ligada profesionalmente ao turismo?

Sempre estiven ligada ao turismo, cando estaba estudando xa facía algún traballo.

E ao enoturismo?

Ao enoturismo en si dende que empecei coa empresa, no ano 2012. Sempre fun afeccionada a este mundo, pero creo que todo isto veu xa que a viticultura estivo moi presente na miña vida. Meu avó era un viticultor da Subzona de Quiroga e sempre estiven moi vinculada a este sector; a pesar de que vivía na Coruña viña moi a miúdo para axudalo no que fose necesario.

“Meu avó era un viticultor da Subzona de Quiroga e sempre estiven moi vinculada a este sector”

En que momento nace o proxecto ‘Enoturismo Galicia’ e en que consiste o voso traballo?

Cando me viñen para Quiroga estiven traballando en hoteis, axencias de viaxes… pero vin que non era o que estaba buscando, así que empecei a investigar e vin que non había ningunha empresa especializada no Enoturismo en Galicia. Pensei moito sobre o tema e decidín poñerme a traballar buscando os diferentes servizos, bodegas, actividades que se podían facer en cada bodega segundo as súas características, e plasmeino na páxina web, que é a carta de presentación da empresa. O noso traballo consiste, logo, en ofrecer todo aquilo que necesita un turista cando nos vén visitar a estas zonas.

Empezastes en Valdeorras e Ribeira Sacra, pero xa abranguedes outras Denominacións de Orixe, non?

Si. A actividade da empresa naceu nas dúas denominacións de orixe pero dende o principio traballouse moito máis en Ribeira Sacra. Puntualmente tamén facemos colaboracións dende hai tres anos cunha adega do Ribeiro e dende hai catro cunha de Rías Baixas.

Que cres que vos diferenza no mercado?

As nosas actividades son diferenciadoras porque queremos mostrar o territorio de xeito que o turista se mergulle na viticultura. Que toque, que palpe coas súas propias mans os diferentes traballos, que realmente viva unha experiencia única coas diferentes actividades que propoñemos, dende o pisado das uvas ata ser adegueiro por un día. A intención é que o naturismo non quede só nunha visita á adega, é amosar o resto de traballos que hai nela durante todo o ano ata que temos ese ben prezado que é o viño, xa na botella, listo para degustar.

Ser innovadores e orixinais, imprescindible para saír adiante?

Eu creo que ambas cousas son fundamentais pero considero que o máis importante é ver o que temos ao redor, o que nos dá o propio medio, e a partir de aquí darlle un valor engadido e ofrecelo aos nosos turistas. Creo que non hai nada máis.

Pódese dicir que fostes dos primeiros en ofrecer na zona experiencias de vendima, de recollida de oliva e incluso de poda? Cóntanos.

Dende o 2012 podo dicir que en Galicia fomos os primeiros. Foron unhas apostas duras, xa que cando falei coas adegas houbo de todo, dende o que me dicía que estaba tola ata o que me apoiou ao 100%. Eu sabía que tiñan que funcionar porque son actividades para todo tipo de público e sobre todo diferenciadoras.

“cando falei coas adegas houbo de todo, dende o que me dicía que estaba tola ata o que me apoiou ao 100%”

Ao principio custou pero cada vez son máis as persoas que solicitan este tipo de actividades. Creo que o importante en todo isto é crer no produto e apostar por el. Para as vendimas, por exemplo, temos un grupo de amigos da Coruña que repiten dende o 2013 e este ano xa se apuntaron tamén á recollida da oliva e á poda.

Grupo de xente participando na vendima. Foto: Enoturismo Galicia
A experiencia da poda. Foto: Enoturismo Galicia

Apostar por percorridos en segway na Ribeira Sacra, outro reto, non?

Cando tomei a decisión de poñer os segway foi algo moi pensado pero decidinme por esta alternativa tamén vendo que noutras denominacións de orixe levan máis de dez anos facéndoo e funciona. A intención destas rutas en segway é poder ter máis oferta e darlle un valor engadido ao Enoturismo, que o turista teña un gran abano de experiencias diferentes para coñecer a Ribeira Sacra.

Ruta en segway. Foto: Enoturismo Galicia

O cliente é máis de adaptarse ás actividades que lles ofrecedes ou tamén hai casos nos que vos piden algo concreto para que lle organicedes vós?

Temos de todo, pero si que cada vez hai máis turistas que piden experiencias diferenciadoras e exclusivas. Xente que quere exclusividade no servizo, como por exemplo familias ou grupos de persoas que queren a visita guiada á adega só para eles, ou ir a sitios reservados para comer onde podan pasar desapercibidos, casos de famosos.

“Temos de todo, pero si que cada vez hai máis turistas que piden experiencias diferenciadoras e exclusivas”

Algún servizo complementario que empece a ter demanda?

Notamos que empeza a haber moita xente que chega sen transporte privado e necesita que lles cubramos os desprazamentos. Chineses e ingleses os que máis, chegan ao aeroporto e non se poden desprazar porque non queren conducir ou porque non teñen carné. Daquela ofrecemos un servizo de monovolumen con guía. Resulta caro pero aínda así cada vez hai máis demanda, incluso de xente a nivel nacional.

Que idiomas e en que orde son os que máis empregas no teu traballo?

Castelán, inglés, galego e francés.

Algunha actividade da que non falaramos ou que teñades en mente impulsar este ano?

Na D.O. Ribeira Sacra en breve sacaremos unha ruta guiada en segway entre os viñedos dos canóns do Sil, visitando algún miradoiro e rematando cun pícnic e desgustando viños da zona.

Na D.O. Ribeiro temos a experiencia “Envi…nagrate”. A intención é amosar que despois dun gran viño aínda se poden facer moitas cousas como é o caso duns vinagres excelentes.

Na D.O. Valdeorrras apostaremos por “Entre covas Valdeorras”. Esta experiencia consiste en coñecer covas dedicadas á viticultura, moi características na zona, algunhas delas de gran beleza.

E tamén, por comentar como curiosidade, na adega das Rías Baixas coa que colaboramos temos unha actividade de “enoastronomía”. O dono é amante da astronomía e ten unha terraza por enriba da adega para ver as estrelas sobre os viñedos.

Tamén comercializades produtos da zona na vosa web. Cóntanos.

Si. Tamén vendemos produtos da Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro. Teñen que ser produtos elaborados artesanalmente e de excelente calidade. A intención é que o turista que vén coñecer estas zonas teña logo a oportunidade de degustar eses produtos únicos na súa casa.

Agradécese o teu labor de ‘vendedora’ da Ribeira Sacra?

A nivel de usuarias e usuarios, por suposto, a xente é moi agradecida e moitos repiten. E o resto de servizos turísticos supoño que tamén estarán agradecidos, moitas veces ofrezo e recomendo propostas que quedan fóra do meu interese comercial. Recomendo, por exemplo, as viaxes en catamarán sen ter ningunha avantaxe comercial.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...