Julio Ferrín, o quirogués que rescatou o seu soño de ser cantante

Unha sesión vermú da Orquestra Compostela, e ver a Miguel Torres interpretar o mítico “Galicia terra nosa”, desencadearon que este rapaz, que daquela contaba con 6 ou 7 anos, quixese ser cantante dunha gran orquestra. O soño quedou aparcado, reservado para a intimidade de Julio, pero despois de actuar con público en varias ocasións estes últimos anos preséntaselle unha nova oportunidade para sacar o cantante que leva dentro.

Julio Ferrín en Folgoso do Courel, onde di "foi o seu bautismo como cantante". Foto: J.F.

Julio Ferrín naceu na Ribeira, en Quiroga, pero desde o 2008 vive en Arteixo (A Coruña). No 2001 encamiñou o seu destino cara esta provincia na procura de traballo, e polo de agora ten a residencia habitual alí, aínda que non perde o contacto coa súa terriña. Necesita, de cando en vez, visitar a súa Ribeira natal cos seguintes argumentos “primeiro porque a miña familia e amigos seguen aí, e segundo porque necesito vir a ‘desintoxicarme’ da vertixe estresante do día a día do traballo, da cidade, as présas…”.

Dende ben pequeno tivo unha ilusión,  cantar para o público, pero esa vocación instintiva da infancia non saíu fóra ata que foi chegando aos 40 anos. De cantar por afección, como un entretemento e porque llo pedían familiares e amigos, pasou a difundir as súas “actuacións caseiras” polas redes sociais e agora está dando o paso a cantar para o público. Ademais de actuacións para eventos e festas, o pasado 28 de decembro de 2019 actuou no Auditorio de Quiroga dentro da Gala da Televisión Municipal de Quiroga con motivo do seu 25 aniversario. Coñecemos a historia deste quirogués.

A afección por cantar, de onde che vén?

Desde pequeno sempre quixen ser músico. Cando tiña 6 ou 7 anos  acudín da man de meu pai á sesión vermú, despois da misa, na festa da Ribeira polo San Bartolomé. Mentres os outros nenos xogaban, a min intrigábame ver que eran aquelas cousas brillantes que estaban no palco e que chamaban instrumentos. Pouco tardei en descubrir que uns homes a quen chamaban Orquesta Compostela, vestidos con traxes inmaculadamente brancos e camisa azul-turquesa, os ían facer sonar. Foi aí cando se produciu a maxia, que se incrementou cando un dos compoñentes colleu un pau prateado cun cable negro e da súa boca parecían saír sons que viñan do mesmo ceo; Miguel Torres -ese era o seu nome- interpretou “Galicia terra nosa”, e eu nese momento díxenme a min mesmo que eu sería o cantante dunha gran orquestra.

“Desde pequeno sempre quixen ser músico”

Julio cos seus pais cando era un cativiño. Foto: J.F.

Pero tiñas outros soños antes desta revelación?

Pois si, dende ese momento renunciei ao meu futuro como astronauta ou piloto de formula 1, que era no que andaba a miña perspectiva de futuro nese momento. A partir dese intre engadín aos meus xogos infantís un novo entretemento. Aproveitaba como tarima, para facer o meu escenario improvisado, o remolque dun tractor, o rellano da escaleira… collía os sofás da miña casa e colocábaos a modo de altavoces… e así fun fantaseando ata que o peso das etapas da vida foi soterrando esa ilusión. Cos anos fun descubrindo que podía facer certas cousas coa voz que a outros lles custaba e comecei a cantar nas bodegas e nas festas para os amigos e familia, pero sempre coa lousa grande do pudor a ser escoitado, pois nunca considerei que eu fose gran cousa cantando. Hai uns tres anos descubrín unha aplicación de karaoke no móbil e fun compartindo para o público algunhas das cancións que cantaba, e iso foi o que me levou a dar o paso a actuar en público, porque moitos me ían pedindo que me dera a coñecer.

“Aproveitaba como tarima, para facer o meu escenario improvisado, o remolque dun tractor, o rellano da escaleira…”

Cando foron as túas primeiras actuacións con público?

A ver. Lembro que no 2015, nas Festas de Folgoso do Courel, animáronme a subir no descanso da orquestra e aínda que pasei vergoña unha vez alí atopeime cómodo. E ao ano seguinte pasoume o mesmo na Festa da Troita da Ribeira. Insistíronme para que subira cantar e eu non quería… dábame vergoña pero no fondo quería subir. Ao final subín ao escenario e cantei. A orquestra que actuaba ese día era a Orquestra Poceiro e o cantante Miguel Torres, e eu interpretei a canción “Galicia terra nosa”. Foi como pechar o círculo polo que che contei antes. Foi como o meu bautismo e unha das actuacións que me fixo máis ilusión.

A actuación no bar Ferreiriño da Ribeira do pasado ano tamén marcou un antes e un despois. Cóntanos.

Aí actuei o 30 de novembro do pasado ano e non se collía. Recibín moito agarimo e paseino moi ben. A partir desta actuación si, empezaron a chamarme para máis, entre elas a do 28 de decembro no Auditorio de Quiroga.

Catel tipo das actuacións de Julio Ferrín

Tes base académica e estás formándote como cantante?

Non, coma no resto de instrumentos que aporreo, son autodidacta. Ultimamente estou indo a clases de canto para aprender a dosificar a voz e explotar posibles cualidades que por min mesmo non sería capaz.

Como e cando ensaias?

O primeiro ensaio fágoo na casa, memorizo a letra e canto en baixo diante do ordenador. Despois, cando vou no coche, canto xa en voz alta e déixome levar. Na casa dáme algo de vergoña que me poidan escoitar cantando e no coche atopo o momento e tamén a intimidade para soltarme.

Vívelo como unha afección ou aspiras a algo máis?

De momento é só iso, afección. Teño 43 anos e o normal é que esa sexa unha idade máis de retirada que de empezar unha carreira musical. Pero se algo vou aprendendo na vida é que ninguén te vén chamar á casa e se te rendes xa antes de comezar, a túa carreira acaba no momento. Así que vou ir paso a paso pero non vou renunciar a nada sempre e cando non poña en situación incómoda a familia e o meu traballo.

“Pero se algo vou aprendendo na vida é que ninguén te ven chamar á casa e se te rendes xa antes de comezar, a túa carreira acaba no momento”

Atopácheste con alguén que che propuxera traballar e vivir da música e tes valorado a opción de entrar nalgún concurso de talentos?

Non, creo que para vivir da música hai que ter en conta outros factores que eu non posúo, como a dedicación exclusiva, a formación, idade… así que non creo que me veñan a buscar para vivir disto. En canto ao de ir a algún programa de talentos, si que o pensei, e de feito estiven.

En cales estiveches?

Pois estiven no “Téquele, Téquele” e no “Son de Estrelas” da Televisión de Galicia e ata probei sorte nun casting de Operación Triunfo pero non me colleron.

Que opinas dos programas de ‘Cazatalentos’ ?

Os perfís que se buscan non é só cantar ben, se non que se enfoca a que te poidan explotar como un produto, e para iso tes que ter dedicación exclusiva, formarte, ser xoven, guapo… É unha mágoa, pero este mundo funciona un pouco así.

Que estilos musicais prefires cantar e por que?

Estou descubrindo que me podo adaptar a moitos estilos, de feito podo estar interpretando a cumbia do “Negro Xosé”, e ao rato coller unha pandeireta e interpretar a “Xota Delira”. O que necesito é sentirme cómodo cando canto. Sen embargo, si que é certo que me sinto máis satisfeito cando canto clásicos de ópera como “O sole mio”, ou temas dos grandes solistas estranxeiros como Tom Jones, Humperdick, Frank Sinatra, ou españois e galegos, como Nino Bravo, Raphael ou Pucho Boedo.

é certo que me sinto máis satisfeito cando canto clásicos de ópera como “O sole mio”

Pódese dicir logo que es un pouco todoterreo á hora de actuar, tan axiña cantas nunha romaría e festa de aldea como nun auditorio. Cóntanos.

Todo é especial para min… cantar nun auditorio repleto como o pasado 28 de decembro en Quiroga ten unha maxia que me gustaría sentir máis a cotío, porque sentes que es o centro de atención, sentes como a xente che envía calor… non sei como explicalo. Pero cantar nunha romaría… iso é outra cousa. As festas tal e como as coñecemos, con orquestras, comida, a forma en que as vivimos é algo intrínseco á forma de ser dos galegos. Non vin isto noutros sitios… En Guadalajara non fan unha roda coa “Rianxeira” para rematar a festa, iso seguro (risas).

Julio Ferrín actuando nunha festa. Foto: J.F.
Julio no escenario ‘nacional popular’ nunha festa parroquial. Foto: J.F.

Polo que entendo, gústanche as nosas festas populares.

Si, moito. Non quero que se perdan as festas como eran antes, con pasodobres ata última hora, cunha Rianxeira cantada por todo o campo da festa… por iso gústame tanto cantar nas romarías, para conservar algo que nos fai distintos que e que vivimos a festa coma ninguén.

“Non quero que se perdan as festas como eran antes, con pasodobres ata última hora, cunha Rianxeira cantada por todo o campo da festa…”

Se tes diante algunha opción de cantar nunha orquestra que farías?

Non hai moito unha orquestra de Ourense buscaba cantante e estaban interesados en que fixera unha proba, pero dixen que non. Se saía adiante quedábame moi lonxe e podía resultar incompatible coa miña vida laboral e familiar. En adiante non desboto nada, xa irei vendo.

Cónstanos o teu éxito e seguimento na Comarca de Quiroga. Está transcendendo fóra esta simpatía e demanda dos teus servizos artísticos?

Pois o certo é que agora, grazas ás redes sociais, a miña voz chega lonxe, e iso posibilita que me escoiten en Barcelona ou en Brasil. De feito nos últimos meses recibín suxestións de amizade en Facebook, por exemplo, de xente que escoitou algunha canción e me quixo felicitar desde o mesmo Brasil (risas). Pero bromas aparte, si que se están interesando en concretar mais actuacións tanto dentro como fóra da comarca. De momento imos pasiño a pasiño asegurando datas en función dos factores que xa mencionei antes.

Xa logo mánager… ou xa o tes?

(Risas) Iso foi o primeiro que contratei un bo mánager, mellor dito, unha boa mánager. Ela é a que me deu o empuxón para lanzarme a esta aventura e que pola conta que lle trae tamén a ela, mira de conseguir os mellores contratos. Non pode ser outra persoa máis que a miña muller; á que lle deberei todo o que poida acadar nesta singladura.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here