InicioEn profundidade‘Creatividade rural con garabullos’ no Courel

‘Creatividade rural con garabullos’ no Courel

Emprender no rural é posible, atopamos un exemplo en Santa Eufemia, Folgoso do Courel. Lucía Seoane deixou Compostela para apostar por unha vida máis tranquila e tirar adiante cun proxecto relacionado coa artesanía personalizada que emprega a madeira autóctona como materia prima. Coñecemos a súa historia.

Publicado o

- Advertisement -

Lucía Seoane é unha rapaza con xenética creativa que decidiu fixar a súa residencia habitual en Santa Eufemia, unha aldea de Folgoso do Courel. Alí ten o seu obradoiro e alí é onde se cocen e elaboran as súas creacións nas que a madeira autóctona é a materia prima.

Segundo nos conta, súa nai é de Folgoso do Courel e seu pai de Santa Eufemia, aínda que ela naceu en Monforte de Lemos onde se criou con eles. Pero a chamada da infancia e do rural petoulles na porta e volveron aos seus orixes, o seu pai no 1995, súa nai no 2006 e ela o pasado ano para apostar como emprendedora no mundo da artesanía.

Lucía, no relato do seu pasado, dinos con emoción que aínda vivindo en Monforte sempre preferiu o Courel, alí escapaba case cada fin de semana, nas pontes e nas vacacións con seus pais. Alí era feliz. Chegado o momento de ir á universidade escolleu a carreira de Belas Artes porque todo o mundo a animaba sabendo que as artes plásticas se lle daban moi ben e fixo as maletas para ir a Pontevedra. Durou un ano, e non continuou na carreira non porque non lle gustase se non porque non levaba ben a situación persoal de verse alí soa e coa familia lonxe. Daquela tiña dezaoito anos.

A decisión posterior foi ir a Santiago onde tiña amigas e amigos de Monforte de toda a vida e foille máis cómoda a adaptación. Alí estivo traballando e estudando hostalería oito anos ata que nunha escapada a Santa Eufemia tivo unha revelación e decidiu pasar páxina para probar sorte no rural. Volvía a un ambiente que sempre lle gustou -máis que o urbano segundo nos confesa- para emprender un proxecto relacionado coas artes plásticas.

nunha escapada a Santa Eufemia tivo unha revelación e decidiu pasar páxina para probar sorte no rural

Aproveitando que está por Monforte, quedamos con ela para tomar un café e conversar sobre este paso tan importante que deu hai pouco menos dun ano.

De onde te consideras, do Courel ou de Monforte?

Sempre me considerei do Courel. De pequena ía case todas as fins de semana e nas vacacións cos meus pais, e cando estaba en Santiago sempre pensei que tiña que montar algo alí para estar tamén preto deles.

Es máis rural que urbanita logo?

Moitísimo. Considérome rural total, no Courel ‘estou na miña salsa’ (risas).

Dis que sempre che gustou debuxar. Cóntame.

No cole sempre se me deu ben. As cousas de plástica e debuxo que facía están todas gardadas no rocho. Gardábaas miña nai, tando as que fixen no cole como as do ano de Belas Artes. Nos concursos de postais de Nadal da escola gañei moitos anos e tamén noutros concursos da ESO.

“Nos concursos de postais de Nadal da escola gañei moitos anos”

Tiñas algún referente para esa afección polo debuxo?

Miña nai sempre me animou e a ela sempre se lle deu moi ben coser e as manualidades. Eu cosía con ela e supoño que algo me transmitiu.

O teu talento igual é xenético, logo?

Si, de tal nai tal filla (risas). Creo que xa o mamei de pequena, víaa a ela, axudábame con traballos da escola, nas postais de Nadal sempre estaba ela detrás axudándome…

Polo que dis, túa nai é outra artista…

Si, ten alma de artista e como aínda traballa teno de hobby e disfruta. A min dáme moitas ideas e axúdame moito.

Despois de deixar Belas Artes e pasar anos de estudio e traballo en Santiago decides vivir no Courel. Cando e como foi?

En maio de 2019 estando en Santa Eufemia, algo aburrida, deume por facer cousas coa madeira e pasoume pola cabeza virme e empezar con isto, deixar Compostela. E así foi, en agosto fun de vacacións e alí quedei, en Santa Eufemia.

Lugar de traballo de Lucía Seoane. Foto: Lucía

Tíñalo claro?

Non o pensei moito, volvín porque quixen. A xente dicíame “e como te plantexas o futuro agora?”. Tiña claro que quería virme pero aínda non sabía exactamente de que vivir aquí, quería vivir de algo creativo pero faltaba definilo (risas).

A xente dicíame “e como te plantexas o futuro agora?”

Meses despois desa decisión, que estás a facer?

Como digo eu “creatividade rural con garabullos” (risas). En novembro de 2019 fíxenme autónoma dedicándome á artesanía creativa e así naceu “Artesanía do Caurel”. Pero de momento compaxínoo con estudar, estou preparando oposicións para profe de hostalería.

Que cousas fas?

Cousas bonitas con madeira do Courel (risas).

Que madeiras?

Freixo, bidueiro, coza, cerdeira… e probando tamén con outras madeiras porque non todas valen. Se son moi duras non valen porque rachan. Como digo eu “o que é bo para queimar non é bo para traballar”. A rebola, por exemplo, non vale.

Que plasmas nesas madeiras?

O que máis chama a atención é ver as fotos na madeira. Impregnar a foto na madeira e que esta faga a función de marco.

Que técnica empregas?

Iso é segredo profesional (risas). Cando me preguntan como fago eu contesto “con moito cariño e moito amor.

Que obxectos ofreces aos clientes?

Marcos para fotos, chaveiros, imáns, colgantes, broches… bixutería en xeral, letreiros, detalles de voda e tamén merchandising para empresas impregnando os logos na madeira. Cando me preguntan “pódese poñer isto?”, eu dígolles que se pode poñer o que se queira (risas).

“Cando me preguntan ‘pódese poñer isto?’ eu dígolles que se pode poñer o que se queira”

Que dirías que caracteriza ás túas creacións?

Que non se modifica a forma da madeira. A peza da madeira non se adapta, aprovéitase tal como é. Así sabes que a madeira non é comprada, que utilizas madeira, recurso natural do Courel.

“A peza da madeira non se adapta, aprovéitase tal como é”

Como chegas aos clientes?

Redes sociais basicamente. É o escaparate que máis portas me abriu. Tamén as recomendacións e a través do whatsapp. As novas tecnoloxías son moi importantes pero combinadas co trato persoal. Por moito que mandes unha foto hai que quedar co cliente para explicarlle en persoa. A min gústame ir ensinando o proceso de creación ao cliente e entregar en man sempre que podo. Gústame que haxa comunicación co cliente para que vexa a evolución do encargo e se nalgún momento non lle gusta o diga para poder rectificalo. Vives do cliente, eu son moi esixente cando compro e tamén quero selo cando traballo.

“As novas tecnoloxías son moi importantes pero combinadas co trato persoal”

Tes modificado traballos?

Si, incluso en ocasións teño empezado de novo. As cousas teñen que ir perfectas, como as quere o cliente.

Proxectos para este 2020?

Ía estar por primeira vez cun posto físico no Mercado Medieval na Praza de Abastos de Monforte pero cancelouse pola crise do Coronavirus. Creo que é importante sacar as obras do virtual e levalas á rúa. Tamén penso potenciar a tenda virtual, facer novos produtos e coñecendo o mundo da hostalería penso en cousas para este sector, xa me empezan a reclamar un pouco.

‘Detalle de automotivación’ para pousar lápices e bolígrafos

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...