InicioEn profundidadePacita, dos Anguieiros, improvisa a frase do verán na Cadena SER

Pacita, dos Anguieiros, improvisa a frase do verán na Cadena SER

Esta galega que vive entre Barcelona e Os Anguieiros, en Quiroga, puxo de moda a expresión “me lo papo vivísimo”. A frase xurdiu dunha colaboración que fixo na sección do seu fillo, o actor e humorista Alberte Montes.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Paz Montes é unha galega moi retranqueira, moi amiga de botar frases, ditos e refráns que encaixa no contexto dunha conversación con total espontaneidade. O filólogo Eduard del Castillo Velasco ten dito dela que é unha fonte de sabedoría popular e o seu fillo, o actor e humorista Alberte Montes, inspírase e apóiase nela para algúns dos guións que interpreta como cómico.

O feito é que este verán, Alberte Montes volveu colaborar no programa “La ventana” da Cadena SER polas tardes, no apartado bautizado como ‘El Recreo’, e nalgunha das súas intervencións botou man da súa nai para confeccionar a súa sección. Nunha delas, a “Pacita”, tal como se lle coñece nas terras de Quiroga, tivo unha ocorrencia fóra de guión que se puxo de moda na Ser. A frase, dirixida ao presentador Roberto Sánchez, foi “me lo papo vivísimo” no programa do once de agosto (minuto 11:38) e deu pé incluso a que se fixeran bolsas de tea e camisolas.

Achegámonos aos Anguieiros, en Quiroga, para falar con Paz Montes.

Que querías ser de pequena, Paz?

Con dezaseis ou dezasete anos quería ser bailarina e cantante.

E fixeches algo para perseguir ese soño?

Pois non, non tiven posibilidades e quedou esa ilusión en nada.

Como tomaches no seu día que o teu fillo, Alberte Montes, decidise ser artista?

Tomeino ben, só que me deu certa pena que deixara a carreira por facer arte dramático.

E logo por que?

Porque podía facer as dúas cousas a un tempo. Pensaba que se o de artista non lle era posible tería máis oportunidades coa carreira de dereito.

Visto en perspectiva, cres que fixo ben collendo un camiño e deixando o outro?

Visto hoxe creo que acertou porque é a súa ilusión. Estou orgullosa e véxoo feliz.

Comparado contigo, cres que o tivo máis doado?

Si, el tivo máis apoio en todos os sentidos.

Ségueslle todos os traballos que fai?

Case todo porque estou xubilada pero nas redes sociais non porque non teño.

Non che gustan as redes sociais?

Gústanme os adiantos das novas tecnoloxías pero non me gusta que a xente se expoña tanto, ás veces dígolle ao meu fillo que non se poña tanto en interné.

Gustáronche as colaboracións de Alberte na Ser?

Si, moito. Facíano todos moi ben.

“Como o escoitaba tanto fíxome tamén ilusión participar”

E como te enleou para colaborar nalgunha das súas intervencións?

Enleoume fácil. Como o escoitaba tanto fíxome tamén ilusión participar.

Paz Montes, na terraza da súa casa dos Anguieiros. Foto: Marga M.

Foiche doado, non tiveches vergoña e saíu a artista que levas dentro?

Creo que me saíu bastante ben e de vergoña nada, só que agora a memoria vaime a menos.

Nunha das colaboracións na que falabas de todo o equipo de “El Recreo” saíronche cousas fóra de guión. Cóntanos.

Cando falei do presentador, Roberto Sánchez, saíume dicirlle “y a Roberto me lo papo vivísimo”. Saíume así, espontáneo. Creo que me poñía que dixera “a Roberto lo como vivo” e a min saíume “y a Roberto me lo papo vivísimo”.

O caso é que caeu en graza a frase e púxose de moda.

Se ve que fixo rir moito e puxérona como frase do verán. E meu fillo púxome por whatsapp que fixeran bolsas e camisetas, a ver se me mandan unha (risas).

“Gustáronme moito sempre as frases, os ditos e os refráns”

A frase de Pacita estampada en bolsas e camisolas. Foto: @soypitita

Seica ti es moi de frases, non?

Si, sobre todo das galegas. Gustáronme moito sempre as frases, os ditos e os refráns. Os meus fillos sempre se rían das miñas saídas e pensaban que non existían, pero cando miraban nos dicionarios vían que si existían, que non as inventaba.

Nunca che fixo falta apuntalas?

Non, sáenme espontáneas.

Algunha das que máis empregas e que che guste especialmente?

Por exemplo “imos loulear”. Dígollo moito a unha amiga de Barcelona. Significa andar sen rumbo. Tamén uso moito “é conto de nunca acabar” cando se lle dan moitas voltas a algo sen chegar a ningunha conclusión.

Mensaxe de Paz Montes tras o éxito da súa frase

Roberto, chicos/as del Recreo. Que poco me esperaba yo este éxito, a mis años ya. Yo quería ser bailarina, pero si tiene que ser radio, pues radio…

Tengo libres los veranos, la Semana Santa, Navidad… Y a Francino tampoco le hago ascos.

No te me celes, Roberto, que vivísimo sólo me papo a uno.

Bicos!

P.D. Ya os pasaré mi whatsapp por privado.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...