“Lanzamos unha escola dixital pero a nosa principal aposta seguirá sendo a formación presencial”

Con estas intencións se presenta Gonzalo Herrero, director da Escola de Música Moderna de Monforte, diante dunha nova realidade docente marcada pola pandemia.

Gonzalo Herrero / XdL

Este moderno centro de ensino musical comezou a matriculación o pasado 17 de agosto e iniciará as clases o vindeiro luns 14 de setembro. Gonzalo, responsable do centro, cóntanos como afronta o novo curso pero tamén o novo reto para ofrecer unha formación segura dende o punto de vista sanitario por mor da covid19.

“A vindeira semana lanzamos unha escola dixital, que ademais abrimos a toda España”

Como se presenta esta volta ás aulas tan atípica?

Con moitas novidades. Extremamos as medidas de seguridade para ofrecer unha actividade totalmente segura a todo aquel que desexe recibir unha formación ou educación musical de calidade.

A vindeira semana lanzamos unha escola dixital, que ademais abrimos a toda España, de forma que alumnos e alumnas de todo o país poidan entrar nas nosas aulas virtuais en directo e asistir a tódalas materias do centro, desde instrumento a teoría ou harmonía moderna, ou incluso presentarse aos exames oficiais. Sen embargo, a nosa principal aposta seguirá sendo a formación presencial, polo que destacamos as medidas de hixiene que se tomarán como: desinfección de mans e pés, aulas desconxestionadas, toma de temperatura, desinfección e ventilación das aulas cada hora, desinfección de zonas comúns, posibilidade de recibir a clase online no caso de sintomatoloxía compatible co virus, etc.

E para os máis pequenos?

No caso dos máis pequenos faremos grupos “burbulla”. É dicir, os grupos de ata 10 nenos pasarán a ser de 5 ou 6 e sempre cos mesmos compañeiros. Deste xeito, mantendo unha distancia social sempre que non sexa imprescindible a interacción e contando cun aula de case 60 m2, garantimos unhas condicións de hixiene moi amplas, convertendo a nosa actividade da Escola Montessori nunha das máis seguras para nenos de 2 a 6 anos que se ofrecerán na cidade. Como apunte dicir que nesta aula, extremando aínda máis as precaucións os nenos e pese a non ser obrigatorio en educación, traballarán con mascarilla no caso das interaccións entre eles. Ademais, estritamente na aula soamente entrará o persoal de limpeza e os nenos cos seus profesores. A entrada na aula non está permitida aos demais profesores do centro, nin eu mesmo, nin tampouco aos pais. Por suposto todo o material será desinfectado tras a actividade polos profesores e o noso servizo de limpeza.

“No caso dos máis pequenos faremos grupos “burbulla”. É dicir, os grupos de ata 10 nenos pasarán a ser de 5 ou 6 e sempre cos mesmos compañeiros”

Contemplas a opción de facer clases online ou alternar a opción online coa presencial?

Si. Como mencionaba anteriormente lanzamos unha escola online, sendo unha das primeiras de España onde se poderá asistir a tódalas materias en directo e presentarse a exames, do mesmo xeito, de escola Rockscholl (RSL). A avaliación dos xuíces RSL, tras un grandísimo esforzo, adaptouse desde este curso para que así poda ser. Isto conlevou un importante gasto en dixitalización das aulas, onde contamos coa última tecnoloxía para vídeo e audio.

Entrada da Escola de Música Moderna de Monforte / XdL

Confías en volver a unha certa normalidade dentro das circunstancias?

Este curso terá moitas etapas diferentes e incertas. O noso deber será ter tódalas variables estudadas para poder adaptarnos a calquera circunstancia que veña sen prexudicar de ningún modo a formación do alumnado. esta organización levounos meses de estudio, reunións e conversas con xente de gremios tan dispares como a informática, a produción, a sanidade ou a dirección doutras escolas de España. Deberemos estar moi rápidos para asumir os cambios que veñan tanto a nivel organizativo como docente, o cal só se consigue cun plan sólido, ben discutido e confeccionado.

“Deberemos estar moi rápidos para asumir os cambios que veñan tanto a nivel organizativo como docente”

Que lle dirías ás familias para quitarlles o ‘posible medo’ de cara á matriculación dos seus fillos/as?

No noso caso diríalles que a nosa actividade é completamente segura, xa que os nosos meirandes esforzos este curso están enfocados nesa dirección. Estamos en contacto con persoal de sanidade e seguimos cada unha das indicacións, por pequena que sexa, que nos dá a administración. Faremos incluso unha interpretación das normas máis restritiva se así o consideramos, como é o caso dos nenos de 2 a 6 anos. Se o comparamos con outras actividades cotiás, asistir a clases na Escola de Música Moderna é máis seguro que ir a piscina ou á praia, ir a un supermercado ou pasear por un lugar concorrido. Tamén estamos completamente seguros de estar ofrecendo á cidadanía unha das actividades máis hixiénicas e seguras para os nenos este curso.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here