InicioEn profundidadeEmprendedoras sen medo á pandemia

Emprendedoras sen medo á pandemia

Coñecemos, da man de tres mulleres do sur de Lugo, como se leva un ano tan difícil como este 2020 para sobrevivir economicamente e non ter que baixar a persiana.

Publicado o

- Advertisement -

Nun ano para esquecer, no que a pandemia trouxo con ela unha grave crise económica de resultados aínda por ver nos vindeiros anos, atopamos casos de resistencia que axudan a ter esperanza e a non poñerse sempre no peor.

Sen saír do sur de Lugo falamos con tres emprendedoras: Lourdes Pombo de Torta de Sarria, Verónica Núñez de Caurelor e Lucía Seoane de Artesanía do Caurel para coñecer como están saíndo adiante nestes momentos tan difíciles.

Primeiro imos a Sarria, vila na que ten o seu obrador reposteiro Lourdes Pombo, a creadora de Torta de Sarria e emprendedora que demos xa a coñecer tempo atrás en Xornal de Lemos.

Cóntanos que nos meses de corentena tivo que recorrer á prestación para autónomos pero despois xa non, que está aguantando e que vai traballando, non como antes pero contenta porque se vai vendendo. Lémbranos que antes da pandemia as canles de venda dos seus produtos eran as tendas especializadas, os restaurantes e tamén as feiras de produtos artesáns e gourmet; precisamente nestes mercados era onde se daba a coñecer e facía contactos con novos clientes e con propietarios de novas tendas nas que vender os seus doces. Este era o seu punto forte de promoción, de xeito que ao desaparecer tivo que buscar alternativas, como foi aproveitar o escaparate de internet e as redes sociais.

“A presenza cada vez maior nas redes e a oportunidade de vender a través delas pareceunos unha oportunidade para seguir promovendo a marca nestes momentos”, comenta Lourdes. Neste senso ofrece propostas coidadas para envíos a domicilio, incluso como detalle para terceiras persoas, e recoñece que preparar un paquete que vai ser un agasallo para alguén resulta reconfortante en tempos como estes nos que se está a perder o contacto directo. “Recibir un agasallo fainos ver que alguén está pensando en nós”, engade.

Unha das cestas de agasallo que acaba de enviar. Foto: L..P.

Actualmente tira para adiante co negocio aproveitando o que pode este escaparate de internet e segue a distribuír os seus produtos en puntos de venda de Sarria e en tendas especializadas de fóra.

Lourdes Pombo: “Recibir un agasallo fainos ver que alguén está pensando en nós

Falamos tamén con Verónica Núñez, de Caurelor, unha empresa que comezou dedicándose á comercialización de castaña, fresca e produtos derivados, e á venda especializada de marmeladas artesáns alá polo ano 2005. Co tempo foron incluíndo outros produtos como licores, queixo, salsa de tomate ou mel entre as súas referencias.

Segundo nos conta Verónica, está agradecida coas axudas que están chegando para autónomos pois a caída de vendas foi moi acusada, sobre todo nos peores meses da pandemia coa corentena. E sen feiras neste 2020, un dos seus escaparates de venda importantes, a cifra de negocio viuse minguada. “Se che fallan as feiras, sobre todo as de verán e agora as de Nadal, nas que traballamos sempre moito, notámolo moito”, recoñece esta emprendedora de Quiroga.

Verónica Núñez: “Se che fallan as feiras, sobre todo as de verán e agora as de Nadal, nas que traballamos sempre moito, notámolo moito”

A tenda online é un recurso importante, e máis este ano, no que aínda se pode sacar algo de produto, e estalles axudando a termar do negocio. “As cousas non están ben e non sabemos como se poñerán, pero despois de 15 anos con Caurelor agora non o imos deixar”, sincérase Verónica.

De cara a Nadal están facendo cestas para consumo familiar e tamén para detalles e/ou agasallos que como cada ano están tendo bastante demanda.

Cesta de agasallo de Caurelor. Foto: Verónica N.

E rematamos a rolda de conversas con Lucía Seoane, artesá da madeira en Santa Eufemia, no concello de Folgoso do Courel.

Este mes de novembro vén de cumprir un ano como autónoma co seu proxecto Artesanía do Caurel e dinos con orgullo e satisfacción que por sorte non tivo que recorrer a ningunha axuda porque “tivo un volume de traballo enorme”. Aproveitou a pandemia para dedicarlle máis tempo ao marketing dixital e dende marzo non para de recibir encargos.

Lucía Seoane celebrando o primeiro ano de Artesanía do Caurel. Foto: L. S.

“No comezo da pandemia pensaba que tería que pechar, porque non era un ben necesario o que eu facía… e resulta que dende marzo teño un volumen de traballo enorme, pasei de pensar que ía ter que pechar a estar valorando aumentar a produción e en novos proxectos relacionados coa artesanía”, comenta con felicidade Lucía.

Ao non ter tenda física, a súa canle principal de venda é a online, a través de redes sociais e whatsapp. Aínda que lle gusta facer entregas en persoa para coñecer ao cliente, coas circunstancias actuais está reducindo ao mínimo esta opción.

Lucía Seoane: No comezo da pandemia pensaba que tería que pechar, porque non era un ben necesario o que eu facía… e resulta que dende marzo teño un volumen de traballo enorme…”

Pensando no Nadal, Lucía dinos que “estaba moi desilusionada vendo a situación que vivimos e que vai ser un Nadal atípico”, pero vista a repercusión en redes sociais das decoracións navideñas que anunciou e as moreas de encargos que lle entraron o baixón axiña se lle foi. Ten xa encargos para Reis e “aínda que o estrés é grande, a satisfacción de poder levar a miña creatividade aos fogares da xente é o que importa”, sentencia esta artesá do Courel.

Decoracións de Nadal. Foto: Lucía S.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....