InicioEn profundidadeA neta da Tula, “anaquiños da nosa terra convertidos en xoias”

A neta da Tula, “anaquiños da nosa terra convertidos en xoias”

“A Mónica de Piñeiros” é unha artesá da Pobra do Brollón que sempre sentiu interese por todo o feito a man. Esa afección está collendo agora unha dimensión especial cun proxecto de bixutería enxebre que bautizou como ‘A neta da Tula’ en homenaxe á súa avoa. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

A Mónica de Piñeiros”, así a coñece practicamente todo o mundo, naceu en Rozavales, no concello de Monforte. Cando fixo un ano trasladouse coa súa nai á casa dos seus avós maternos, en Piñeiros, na Pobra do Brollón, lugar onde se criou e onde vive na actualidade tras pasar antes un período da súa vida na cidade do Cabe.

Despois de rematar os estudos de Técnico Administrativo entrou na escola obradoiro no módulo de carpintería, e ao remate desta etapa fixo varios cursos de restauración de mobles.

Dende aquela ata o día de hoxe foron moitos e moi distintos os traballos que leva realizado desenvolvendo este oficio, aínda que sempre tiña un espazo para dedicarlle á artesanía relacionada coa bixutería.

Dende hai un ano, e “tras coñecer de forma autodidacta o mundo da resina”, Mónica está centrando máis enerxía e tempo na súa afección pola artesanía e así naceu o seu proxecto bautizado como “A neta da Tula”. Tomando como base madeiras e plantas moi ligadas ao noso entorno como a sobreira, a xesta, o loureiro, a flor da carqueixa, hedra, lique ou a chorima elabora enxebres e orixinais complementos de bixutería. “Anaquiños da nosa terra convertidos en xoias”, así define Mónica o seu bo facer.

‘A Mónica de Piñeiros’. Foto cedida.

Cando espertou en ti o interese pola restauración e artesanía? 

Dende ben pequena sinto un interese especial polo feito a man. De feito lembro cando de nena ía recoller barro aos arredores de Piñeiros para facer cousiñas que despois cocía no forno da cociña de leña, ou cando recollía xuncos e ramiñas para tentar facer algo de cestería. O da restauración xurdiu despois de estudar carpintería e pola miña paixón polas cousas antigas. Sinto unha enorme satisfacción ao devolverlle a vida aos mobles.

“Dende ben pequena sinto un interese especial polo feito a man”

Tiveches esta paixón algo apartada, pode ser?

Son unha persoa inqueda, que gusta de aprender, de probar e de vivir experiencias novas. Nunca me ‘encasillo’.

E dun tempo a esta parte volves con renovadas ilusións, creatividade e enerxía. Cóntanos.

Penso que cada cousa ten o seu momento e o seu porqué, sobre todo a creatividade. É algo que non se pode forzar. Un día, de súpeto, descubrín o mundo da resina, de xeito autodidacta, e comezou aí a miña andaina como “A Neta da Tula”, vai máis ou menos un ano.

Influíu deixar as túas responsabilidades políticas no Concello da Pobra do Brollón este ‘renacer creativo’?

Este “renacer creativo”, coma ti dis, comezou un tempo antes da miña dimisión como concelleira, e foi un dos motivos polos que deixei o cargo o pasado mes de setembro, para así poder dedicar máis tempo a este novo proxecto, mais sigo a traballar de xeito activo no BNG, no ámbito comarcal..

O teu selo comercial identificador, “A neta da Tula”, vai con dedicatoria, verdade?

Si, a Tula, diminutivo agarimoso de Ventura, é o nome da casa na que me criei e onde voltei a vivir. Era a miña avoa, unha persoa que influíu moito na miña vida, unha loitadora, boa e xenerosa, coma tantas outras mulleres que habitaron e traballaron rexamente nos nosos lugares, ao que hoxe chamamos “rural”.

“É a miña pequena homenaxe á Tula e a todas as mulleres rexas e valentes”

Que creacións destacarías e con que materiais traballas?

De momento estoume centrando en pendentes, colgantes, broches, pulseiras e chaveiros, pero seguramente irei facendo máis cousas. Todos os traballos teñen como base madeiras moi ligadas ao noso entorno, como a sobreira, a xesta ou o loureiro. Emprego materiais que atopo na natureza, moitos deles cun importante significado identitario, como a chorima (flor de toxo), flor de carqueixa, carrasco ou xesta, e incluso anaquiños de pedra que poden ter algún significado especial. Mais non quero esquecer as creacións que dedico ás nosas/os grandes: Rosalía e Castelao.

Broches coa imaxe de Rosalía e Castelao.

Personalizas encargos?

Pois si, hai xente que me pide cousas concretas. Clientes aos que lle teño personalizado pendentes ou colgantes incluíndo neles elementos persoais como algún guecho, cordón umbilical, dentes…

Que canles empregas para dar a coñecer e comercializar as túas obras?

A máis empregada son as redes sociais, sobre todo o Facebook, aínda que tamén funciona o “boca a boca”. Ao coñecer a moita xente xa son estes os que empezaron a encargarme cousas, e agora chegan máis pedidos de xente que sabe por eles e por redes sociais o que fago.

Seguro que tes creacións que voan en canto as elaboras?

Non hai ningunha que destaque por riba das outras. Cada quen ten os seus gustos. Penso que pouco a pouco estamos volvendo a valorar o feito a man, cousa que me parece precisa para ir cara o camiño dunha economía sostible.

“Están entrando moitos encargos e estou mandando agasallos para toda Galicia estes días”

Moito traballo cos agasallos de Nadal?

Pois si, non me podo queixar. Están entrando moitos encargos e estou mandando agasallos para toda Galicia estes días.

Para rematar, cóntanos algunha primicia, algún desexo ou proxecto de cara a 2021?

Este ano que estamos a rematar foi moi complicado para todas e todos, a saúde de moitas persoas e a súa economía, ou mesmo as relacións persoais víronse afectadas por esta terrible pandemia, por iso penso que o mellor que lle podemos pedir ao vindeiro ano é que todo isto remate. Un ano especialmente duro para determinados colectivos, entre eles o meu, o das e dos artesáns, tan esquecido polas administracións e mais pola sociedade en xeral, sobre todo aqueles/as que vivían de xeito case exclusivo das feiras e mercados. Por todo isto o que lle pido ao 2021 e saúde, amor e traballo para todas e todos.

“O mellor que lle podemos pedir ao vindeiro ano é que todo isto remate”

ÚLTIMAS

210.000€ para a mellora de tres estradas provinciais en Chantada e no Saviñao

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas...

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...