InicioEn profundidadeDelicias do Souto, espectaculares doces artesanais con castañas do Courel

Delicias do Souto, espectaculares doces artesanais con castañas do Courel

Coñecemos esta empresa de Folgoso do Courel, centrada no aproveitamento para repostería dun dos produtos autóctonos máis típicos da zona. Falamos con Concepción Arza.

Publicado o

- Advertisement -

O Courel ten moitos potenciais, un deles é o da castaña, produto que non se aproveita na medida das súas posibilidades. E xa nos di ‘Chiña’, sobrenome co que se coñece no lugar a Concepción Arza, fundadora de “Delicias do Souto”.

“Un dos maiores problemas é a situación de abandono de moitos soutos”, sentencia Arza sabedora de que hai moito por facer. Mentres asistimos a unha realidade na que os avances na recuperación de soutos e na aposta por fomentar o aproveitamento da castaña dende as institucións deixa moito que desexar, ela leva 14 anos tirándolle rendemento a través da repostería artesanal.

Coñecemos, falando con ela, máis detalles deste proxecto que resiste e segue apostando pola posta en valor da castaña do Courel.

Cando naceu “Delicias do Souto” e con que idea?

Foi creada no ano 2006 co obxectivo de dar resposta á demanda de produtos da zona por parte das persoas que nos visitaban. A nosa idea era pór en valor os soutos e as castañas e, desde o principio, pensamos en doces que tivesen como ingrediente básico as castañas secas. No ano 2007 obtivemos o 3º Premio  AGADER polo transformación dun produto tradicional. Despois de 14 anos, podemos dicir que os nosos doces forman parte das compras das persoas que se achegan ao Courel.   

Especializados en doces de castaña. Cóntanos cales.

Elaboramos catro produtos. As bolachas, a bica, a torta Courelá e o Doce do Apalpador. As bolachas é a bica teñen como ingrediente principal a fariña  de castaña seca. A  torta Courelá é o noso produto estrela, o que máis vendemos. Desde hai dous anos, e só no Nadal, facemos o Doce do Apalpador, unha delicia con forma de espiral que leva un recheo de crema de castañas. 

Doce do Apalpador. Foto: Delicias do Souto

Que cres que ten de especial a vosa torta ‘courelá’ que a diferenza doutras?

É unha torta que non se parece a ningunha outra que leve como ingrediente castañas. E unha torta húmida cun exquisito  sabor a castaña. O secreto está no seu ingrediente base: a calduda, un prato típico da zona elaborado con castañas secas e auga. Pode servirse con xeado, chocolote,  marmeladas e queixo fresco.

É unha torta que gusta moito. As persoas que a proban repiten e fanlle propaganda.  

“É unha torta que non se parece a ningunha outra que leve como ingrediente castañas”

A quen distribuídes e ata onde chegades?

A distribución é local, maiormente na provincia de Lugo.  Os puntos de venda están en Folgoso (Super Urbarza), en  Seoane (Super Covirán),  en Quiroga (no Supercor Stop & Goe e a Tenda do Xeoparque) e en Lugo (na  Horta de Tania e no Alquimista). En Monforte facemos entregas, previa solicitude por whatsapp ( 615 296 805 ).  Dous Paradores da Ribeira Sacra teñen na carta de sobremesas a torta Courelá. Tamén  acudimos a varias feiras e festas ao longo do ano.

Entre os nosos obxectivos está a ampliación dos puntos de venda.

Coa pandemia, supoño que notastes tamén a perda de visitantes e turistas que pasan polo Courel. Cóntanos.

A pandemia reduciu moitísimo as vendas durante os meses de confinamento e a partires de novembro. Nos meses de xullo, agosto e setembro foron semellantes  ás do ano anterior.  Nestes meses o Courel recibiu moitos turistas.

Alén diso, tamén o notamos porque servimos gran parte da nosa produción á canle Horeca, restaurantes da zona e a dous Paradores como che dixen.

“Os  soutos son un elemento esencial para recuperar a actividade económica e para manter a paisaxe natural e cultural do Courel”

Co potencial que ten a castaña, que cres que falta por facer ou que se fai mal no Courel para non tirarlle moito máis rendemento económico?

Os  soutos son un elemento esencial para recuperar a actividade económica e para manter a paisaxe natural e cultural do Courel. Un dos maiores problemas é a situación de abandono de moitos soutos. Neste sentido, no que falta por facer, coincidimos coas actuacións que vén indicando Orlando Álvarez: Recuperar os soutos tradicionais para aumentar a produción de castaña. Ao mesmo tempo,  conseguiríase unha mellora da paisaxe  e quedaría garantida  a conservación deste grandioso patrimonio natural e cultural que son os soutos; facer plantacións novas coas mellores variedades, que empezarían a producir  nun prazo de quince anos; e tamén elaborar un censo de empresas e veciños/as que actualmente se dedican a transformación da castaña, e doutras que desexen emprender neste sector e habilitar axudas económicas directas para apoialos. Os recursos para a Rede Natura deberían  utilizarse para a conservación e restauración dos soutos.

“Un dos maiores problemas é a situación de abandono de moitos soutos”

No que fai aos incentivos, o cultivo da castaña debería acollerse ao pago directo  de axudas no marco da Política Agraria Común, como se fai con outros froitos de casca.

‘Chiña’. con José Manuel García, da TVG. Foto: JM García.

Que lle pedides, pensando no negocio, a este 2021?

Na actual situación de incerteza xa nos conformamos con mantermos o nivel de produción previo á pandemia. Mellorarmos a distribución e as vendas serían os dous obxectivos para cando se controle a situación pandémica.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...