Grupo Aulario Athenea: 99% de aprobados e 72 páxinas web deseñadas nun ano

Coñecemos a traxectoria deste proxecto empresarial monfortino, liderado polo enxeñeiro informático Miguel Ángel Pino, que destaca pola súa recoñecida formación académica e o traballo personalizado na creación e mantemento de webs.

Miguel Ángel Pino, de Aulario Athenea / XdL

Grupo Aulario Athenea é un proxecto empresarial que se asenta en tres piares: a academia Aulario Athenea, centrada na formación; Monforte de Vending, que xestiona máquinas expendedoras; e  By 27400.com, dedicada ao deseño de páxinas web.

Quedamos con Miguel Ángel Pino, enxeñeiro técnico informático e xerente do grupo, para coñecer os seus comezos como emprendedor e a traxectoria da empresa. “Emprendín moi novo”, dinos Miguel, ao tempo que nos fala da súa primeira aventura emprendedora. Foi con “Monforte Virtual”, proxecto de creación de contidos multimedia, e consistiu na creación da 1ª Guía Turística de Monforte de Lemos. “Sacámola eu e meu irmán en CD e vendéronse unhas 850 unidades en comercios, librerías…”

Anos despois, cando remataron a carreira de informática, empezaron a traballar nunha academia de Ourense como formadores e viron que podían trasladar a Monforte a idea de negocio. Foi así como naceu Aulario Athenea alá polo ano 2002. Na nova academia monfortina ofrecían formación continua en informática e tamén achegaban esta materia aos colexios como actividade extraescolar.

Así estiveron uns dez anos ata que decidiron deixar a formación continua e orientar a academia cara as ciencias, momento no que tamén deixou o proxecto o seu irmán Jose Pino ao marchar de docente ao ensino público. Unha nova etapa na que Aulario Athenea pasou a ser Grupo Aulario Athenea cos tres piares que xa coñecemos.

Dentro do grupo, Miguel Ángel Pino leva a academia e os temas máis técnicos, mentres que a súa compañeira, Mayda Valcárcel Fernández, encárgase dos temas de xestión e administración.

ACADEMIA AULARIO ATHENEA

Este centro ten moi boa sona na Comarca de Lemos, e Miguel Pino tamén como docente e responsable da formación. O alumnado que teñen vai dos 8 aos 19 anos e teñen unha media de 35-40 nenas/os por curso.

A boa reputación vén, entre outras cousas, polos bos resultados e polo trato familiar, “sempre estamos pensando no alumnado e tentamos adaptarnos a eles o máis posible”, di Miguel.  Respecto a resultados, este ano por exemplo, presumen dun 99% de aprobados en todos os niveis, de ter 5 expedientes de matrículas de honor e de non ter nenos/as para setembro. “Os pequenos e pequenas que viñeron este verán están xa cun trimestre avanzado”, explica o noso entrevistado.

Os pequenos e pequenas que viñeron este verán están xa cun trimestre avanzado”

A academia, aínda que non tivo rapaces para recuperar en setembro, non pechou en xullo e agosto. Estes meses de verán estiveron preparando xa o primeiro trimestre do curso que acaba de comezar. 

Miguel Pino traballa con grupos reducidos, duns 8 alumnos/as, e ten unha norma clara: “Non quero que ninguén veña sen ganas”. A motivación é clave e sábeo, e tamén racha unha lanza en favor dos rapaces, aos que moitas veces criticamos por pensar que cada vez se esforzan menos: “a lei no mínimo esforzo sempre existiu e hoxe hai xente tan boa ou máis que antes. Falando dos meus, aos que coñezo, véxolles ambición, superación e capacidade de esforzo”. Neste punto preguntamos: Haberá tamén casos nos que non sexa doado alcanzar esta actitude? E contéstanos: “si, claro, hai casos concretos de xente que tiven que tirar dela. Nestes casos estou moi orgulloso de sacar o mellor de si dos alumnos e alumnas que pasaron por esta academia”.

Miguel Pino traballa con grupos reducidos, duns 8 alumnos/as, e ten unha norma clara: “Non quero que ninguén veña sen ganas”

Respecto do bo traballo na formación de apoio e complemento que ofrece Aulario Athenea cómpre tamén dar conta dunha evolución que nos traslada Pino: “Aulario Athenea estase convertendo nunha academia para subir nivel”. Segundo refire, nos últimos anos empezaron a apuntarse alumnos/as que querían subir nota, mellorar expediente e dar máis de si. “Temos alumnado que vén para aprobar pero xa os menos, a maioría chega coa intención de subir nota”, conclúe.

Miguel A. Pino diante da academia / XdL

DESEÑO E MANTEMENTO DE WEBS

Outra pata que pisa con forza en Grupo Aulario Athenea é By 27400.com, un proxecto empresarial que se dedica á creación e mantemento de páxinas web.

Destacan por facer webs personalizadas, con deseño único e sen usar plantillas, o que lles confire un traballo ‘case artesán’. Segundo refire Miguel Pino “cremos que cada web ten que ter personalidade propia”.

Neste apartado empresarial dinos tamén Pino que están desbordados e que “coa pandemia subiu moito o traballo”. De agosto de 2020 a agosto de 2021 levan deseñado un total de 72 páxinas web, moitas delas na Comarca de Lemos e para socios co CCU, Centro Comercial Urbano de Monforte.

De agosto de 2020 a agosto de 2021 levan deseñado un total de 72 páxinas web

Respecto aos seus traballos destaca que o trato persoal co cliente é fundamental: “cando tes confianza co provedor garántese a seguridade e a confidencialidade da información coa que traballas, e iso sen contar o soporte informático, case as 24 horas (ri)”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here