Moncha Prieto, a ‘oleira de relatos’ da Ribeira Sacra

Esta soberina de Gundivós vén de publicar neste 2020 o libro de relatos “Alma de barro, relatos da Ribeira Sacra”, a súa primeira obra en solitario. Apaixonada da lectura e da escrita dende nena está acadando un éxito editorial serodio que lle está reportando unha grande satisfacción e que está a xerar un grande interese para os amantes da narrativa tradicional galega. Falamos coa autora.

Moncha Prieto na Reitoral de Gundivós. Foto: XMF

Moncha Prieto naceu nunha casa labrega da aldea de Saas, moi preto da Reitoral de Gundivós no Concello de Sober. Cóntanos que o seu primeiro desapego do rural foi cando tivo que ir a Sober para facer o bacharelato, un paso importante para ela nesta ‘microemigración’ á capital do concello. “Cando volvía de Sober e chegaba a Vilanova xa respiraba, estaba na casa”, confesa emocionada.

Falando desta etapa vital descubrimos xa tres temas que exercían un especial poder de atracción para Moncha: a lectura, a canción e a radio. Daquela non tiña acceso á lectura como temos agora, na casa atopara un par de libros e o cura da parroquia facilitáballe tamén material “pero xa te podes imaxinar que tipo de lecturas…”, remarca Moncha ao tempo que di “vexo hoxe a Biblioteca de Sober e dáme envexa ver que teñen tantas lecturas e tantas opcións”. A opción de cantar pasoulle tamén pola cabeza naqueles anos, seica cantaba como se fose a animadora dunha orquestra. Esta fantasía debeu quedar na nenez… “hoxe gústame cantar pero na casa téñoo prohibido”, dime cunha pequena risotada. O outro tema de interese para Prieto foi a radio, gustáballe moito escoitala. Lembra que alguén lle agasallou un transistor e cando ía co gando aproveitaba para escoitala.

“Vexo hoxe a Biblioteca de Sober e dáme envexa ver que teñen tantas lecturas e tantas opcións”

EMIGRACIÓN A BARCELONA

Con quince anos tocoulle outra emigración, pero esta xa con maiúsculas porque o seu destino era Cataluña. Por motivos familiares tivo que deixar o seu núcleo social para marchar a Barcelona.

“Asimileino moi ben, sen traumas”, confesa Moncha. Chegou ao barrio de Horta coa familia e logo fixo amigas atopando, en palabras dela “unha sociedade máis natural e aberta”. Foise integrando nela moi ben e ao tempo que traballaba chegou ao mundo da radio, pero xa para formar parte dela. De ter participado como oínte en programas pasa a facer ela un nunha emisora local de Santa Coloma de Gramenet –En Radio Gramenet–. Corría o ano 1985 e afrontaba esta aventura grazas a unha amiga, Rosa María Martos, unha xornalista que traballaba nesta emisora e que lle propuxo facer o seu propio programa. Estando ela de apoio, atreveuse a dar o paso cun colaborador, Ovidio Santos, un rapaz que coñeceu no Centro Galego Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma de Gramenet. O programa, libre e independente, chamábase “Galicia máis cerca”.

Falando de radio foi tamén moi importante na vida de Moncha Pieto a asociación ERGaC –Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña–. A raíz dun programa de “Galicia máis cerca”, no que se convidou a xente doutros programas radiofónicos en galego, xurdiu a posibilidade de asociarse para traballar en común sen perder nunca a autonomía e liberdade de cada un dos programas. Así foi como naceu ERGaC sobre o anos 1988 ou 1999, e daquela empezou cuns oito programas asociados. “Foi unha experiencia moi bonita, con xente coas mesmas afeccións, que nos gustaba facer o mesmo, non tivemos nunca ningunha discrepancia importante…os temas discutíanse e facíanse cousas en común, funcionou moi ben nos primeiros anos e tamén co relevo xeracional…”, conta Moncha. A día de hoxe esta entidade aínda existe pero actualmente cun só programa integrado na mesma, “Galiza algo máis”.

Neses anos compaxinou traballo asalariado en Radio Gramenet co Centro Galego de Barcelona onde a chamaron para levar a secretaría. Tiña xa contacto previo con esta entidade e lembráronse dela para cubrir o posto. Aquí estivo durante case tres anos.

RETORNO A GALICIA                             

A volta a Galicia foi cousa do destino, así o confesa Moncha. Déronse varias coincidencias. Radio Gramentet botou a moita xente tras unha restruturación, deixando ela de traballar para a emisora, o Centro Galego de Barcelona tamén a despediu para non ter que facela fixa e o seu home recibe a proposta de traslado a Galicia, un traslado que había anos que tiña xa solicitado na empresa.

“Houbo cónclave familiar para ver se nos viñamos a Galicia… e definitivamente decidimos vir a Santiago, concretamente a Milladoiro”. Así lembra Moncha ese momento no que tivo que tomar unha decisión xunto coa súa filla e o seu home. “Eu sabía que deixaba Barcelona para non volver […] Nós pensábamos vir, pero máis tarde, anos despois. Ou sexa que adiantouse a decisión por estas coincidencias como quince anos. Pensábamos vir na época da xubilación, ou sexa que adiantouse bastante”, confesa.

“Houbo cónclave familiar para ver se nos viñamos a Galicia… e definitivamente decidimos vir a Santiago, concretamente a Milladoiro

En Milladoiro pasou trece anos nos que destaca un interesante proxecto que naceu baixo a súa iniciativa. Foi unha revista gratuíta que se sustentaba con publicidade local que chegou nun momento no que este concello estaba a medrar moito como cidade dormitorio de Santiago de Compostela. Esta publicación foi un referente escrito para a vila, implicándose moitos colaboradores, profesionais e negocios. Funcionou moi ben durante uns anos e chegaba a toda a xente a través da caixa de correo de cada veciña e veciño.

CAMIÑO DA RIBEIRA SACRA

Por motivos familiares o novo destino de Moncha foi Monforte, alá polo ano 2007. Nesta nova etapa volveu tomar contacto coa radio e fíxoo en Onda Lemos Dixital, unha emisora de radio que houbo na Pobra do Brollón –que tivo que pechar anos despois–, e colaborando na distancia con varios programas de radio de ERGaC en Barcelona. Estes anos a vida de Moncha transcorre xa dacabalo entre Monforte e Gundivós, en Sober, volvendo ás súas orixes.

Moncha Prieto, ‘oleira de relatos’. Foto: XMF

A MONCHA PRIETO ESCRITORA

O seu primeiro contacto coa escrita foi no bacharelato en Sober e nunha academia privada desta mesma localidade onde daba clases o cura, unha persoa á que lle gustaba moito a literatura. “Facíanos facer redaccións. A min gustábame escribir e facíame ler en voz alta, daquela era moi tímida e dábame vergoña ler na clase”, lembra Moncha.

De moza seguiu lendo con grande interese. “Lía moitas novelas de Corín Tellado”, comenta ao tempo que confesa entre risas: “era unha lectora voraz pero de literatura mala”. E sentencia deste xeito referíndose ás primeiras lecturas da súa vida: as da nenez que viñan impostas pola Igrexa, e as da mocidade seguindo a Corín Tellado.

Pasada esta etapa de ‘mala literatura’ –como lle chama ela–,  chega a lecturas máis abertas, participando en iniciativas de intercambio de libros no barrio de Gracia en Barcelona, asociada a Círculo de Lectores, etc.

“Pasada esta etapa de ‘mala literatura’ –como lle chama ela–,  chega a lecturas máis abertas”

Dáballe renda solta tamén á escrita colaborando en diferentes publicacións e participando en certames literarios, co cal mantivo sempre activa a súa afección dende nena pola narración e a poesía.

Portada do libro publicado con Xerais. Foto: XMF

Despois de debullar esta traxectoria vital e intelectual de Moncha Prieto entro xa a falar con ela da súa primeira obra escrita en solitario, “Alma de Barro, relatos da Ribeira Sacra”. O libro, que leva xa un percorrido de varios meses nas librarías, será presentado no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Sober este venres 15 de outubro ás 19:00 h.

Como xorde a idea de poñerte a recoller relatos?

Outra vez o destino. Tiven que pasar por un problema de saúde moi importante. Unha vez recuperada dinme conta de que non quería irme ao outro barrio sen facer realidade un soño. A radio estaba xa descartada e quedábame escribir. Esa idea veu de que cando me afinquei aquí outra vez, cando volvín aquí chegábanme contos, relatos….Tiña toneladas escritas pero quería transcender… de que algo diso transcendera. Tiña ganas de facer un libro.

“Unha vez recuperada dinme conta de que non quería irme ao outro barrio sen facer realidade un soño”

Superada a enfermidade era o momento de…

Era o momento de publicar porque o tempo fuxe. Tiña varias opcións, poemas, escritos… pero de repente, non sei ben porque, empecei a lembrar historias que pasaban por aquí e vin aí que era o camiño. Ese rescate, rescatar esas historias de todos os devanceiros. Rescatar un mundo que foi como di Basilio Losada, un mundo que se nos foi. Canto máis investigaba máis me metía nas historias. Foi un proceso longo de recolleita, de buscar datos, pero divertidísimo. En soidade, pero divertidísimo. Descubrín na miña zona moitos aspectos que non coñecía. Sobre as minas de freixo, sobre personaxes, sobre historia… descubrín unha contorna descoñecida e fáltame moitísimo loxicamente. E nese proceso sigo. Este é un patrimonio inmaterial como di a Unesco que debemos preservar e que se nos escapaba, que se nos escapa, que se nos vai a xente que o pode dicir. Entón hai que rescatalo.

“Rescatar un mundo que foi como di Basilio Losada, un mundo que se nos foi”

E niso te centraches, non?

Niso me centrei e niso sigo centrada.

Foi apaixonante polo que dis o traballo de investigación?

Totalmente. Contacto coa xente, preguntas e respostas sen tabú, contarche cousas, respostas que te levan tamén a outras historias…

En Alma de Barro temos 18 relatos, pero cantos tiñas no montón?

Hai máis. Eu calculaba sobre duascentas páxinas e saíron algunhas menos. Saíron dezaoito títulos pero puideron ser máis, non che sei concretar.

Tes o título antes da historia ou esta dáche o título?

Eu teño a historia na miña cabeza, entón nos papeis teño que poñer un título. Na miña cabeza necesito unha referencia para empezar a escribir, poño un título pero despois cando o acabo de escribir ao mellor non é ese e teño que poñer outro.

Recollido o material entras no proceso de redacción. O que che contan hai que pasalo a relato. Cando tarda ese proceso?

Foron uns dous anos de traballo. Recoller, redactar, cortar, pegar, tesouras…

Todos localizados na Ribeira Sacra por ser o teu lugar?

Si, por ser o meu lugar, o que teño máis preto pero son extrapolables a calquera contorna rural. Os temas son universais.

O título do libro, ‘Alma de barro’, é unha homenaxe a Gundivós ou puxéchello por ser un dos relatos?

É un relato do libro pero non é que sexa unha homenaxe, é unha inspiración. Foi inspirado no traballo dos oleiros. Fago un paralelismo entre a literatura e a creación do barro. Os do barro van buscar o barro, traelo, amasalo, elaboralo e mostralo. E na literatura hai que buscar a información, traela para a túa casa para o ordenador, elaborala, desfacer o que está mal e despois presentala á editorial. Ou sexa que o proceso é bastante paralelo. E tamén pola dutilidade, o relato é algo que podes modelar.

Moncha Prieto no patio interior da Reitoral de Gundivós. Foto: XMF

“Fago un paralelismo entre a literatura e a creación do barro”

A maiores da base que tiñas, cónstame que metida neste proxecto recibiches formación literaria. Cóntame.

Fixen un curso online de creación literaria só para min e despois fun a Vigo durante case dous anos  para recibir clases presenciais unha vez á semana coa que antes fora a miña profesora virtual, Clara do Roxo. Serviume de moito, curioso, eu escribía os relatos e parecíame que estaban correctos e cando chegaba aquí dáballes a volta. Remodelábaos dalgunha maneira. Aprendín a cortar, segundo dicía ela ‘os relatos hai que podalos’.

Con que dous-tres consellos básicos te quedas das clases de Clara do Roxo?

Estruturar, esquematizar os relatos. Facer un guión perfecto dos personaxes, que o personaxe sexa fiel ao que ti queiras ver. E cortar, é dificilísimo saber podar. E outros pequenos trucos que non se poden descubrir (ri).

E como chegas a Xerais?

Presentei a obra en Xerais. Aconselláronme ir de maior a menor… empezar primeiro polas editoriais grandes. Dixéronme: “empeza polas grandes que o non xa o tes, e se tes a sorte…”. E despois de case un ano Xerais díxome que o ía publicar.

Conseguir un prólogo de Basilio Losada non ten que ser doado…

Conseguir o último prólogo de Basilio Losada, díxome que era o último, que non facía máis.

Como se consigue iso?

Ah… moitos anos en Barcelona, a axuda da miña amiga que tivo que visitalo, usar as novas tecnoloxías…

“Conseguir o último prólogo de Basilio Losada, díxome que era o último, que non facía máis”

Un privilexio

Un privilexio e unha homenaxe tamén para el. Cos seus erros e cos seus acertos ten moito que ver no recoñecemento do galego en Barcelona.

Dezaoito relatos moi diversos e moi universais.

Dentro deses dezaoito van dous microrelatos, que para o autor son máis difíciles de crear. E a temática é diversa. Gústame o que di Xosé Lois García,  que neles non fago xuízos de valor, só relato os feitos. O meu labor é só transmitilos, os xuízos xa os fará o lector. Eu non podo xulgar nin os personaxes, nin a época nin os comportamentos…

Un dos temas que destaca é o feminismo.

O protagonismo da muller está aí, implícito. A muller está  presente como o está na sociedade galega.

E outro moi presente, a represión franquista.

Si, sae en varios relatos.

Por destacar algún, o de ‘Victoriano e Amelia’ moi interesante, o máis extenso que incluso daría para unha novela.

Si, Basilio Losada dixo que moitos daban para novela. Chegoume por vía dunha descendente, pareceume moi interesante o relato e aquí si que houbo unha fonda labor de documentación. Aí si que aprendín, aprendín en todos pero aí máis. Ao ser máis longo sempre investigas máis.

Estás preparando máis relatos, non? Algún horizonte temporal para o vindeiro libro?

Hai relatos no baúl e xa están todos con títulos imaxinarios… Non teño présa pero tampouco quero esperar demasiado.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here