InicioEn profundidadeSergio Alba convida a 'un show diferente' sobre o mellor dos '90

Sergio Alba convida a ‘un show diferente’ sobre o mellor dos ’90

O músico de Monterroso actuará este sábado 13 de novembro no Bar Club Fluvial de Monforte, local que está a organizar dende hai varias semanas ceas-concerto con gran éxito de público.

Publicado o

- Advertisement -

Sergio Alba é mestre de música e reside en Monterroso, vila galega á que retornou dende Barakaldo onde emigrou a súa familia.

Falando con el sabemos que con dez anos xa estaba no conservatorio cursando estudos musicais e que na súa casa sempre gustou moito a música Descubrimos tamén que anos antes xa tivera a súa primeira actuación en escenario e con público. Contaba con 4 ou 5 anos e subírono a un palco onde actuaba unha orquestra para que cantara con eles “Cara de gitana” de Daniel Magal. Seica xa interpretara con gran éxito este tema na xuntanza familiar e no campo da festa alguén deciciu, sen preguntarlle, subilo ao escenario para demostrar o seu talento. Sergio bordouno, marcando incluso as pausas características deste tema, con tan só 4 ou 5 anos. Apuntaba maneiras.

Contaba con 4 ou 5 anos e subírono a un palco onde actuaba unha orquestra para que cantara con eles “Cara de gitana”

Anos despois, roldando os 18, xa empezaba a actuar en directo en locais de Bilbao e arredores, case sempre en solitario. Cos anos foise centrando en versións –aínda que compuxo temas propios– e facendo incluso monográficos dedicados a músicos da talla de Pedro Guerra ou Joaquín Sabina.

Confésanos tamén Sergio, como curiosidade, que tivo experiencia como cantante de orquestras. Foron uns sete anos nos que formou parte de orquestras como A Soberana –de Sober–, Ciudad Santiago e Platino.

Tras este previo para poñernos en situación, pasamos a facerlle unhas preguntas máis concretas e falar tamén da actuación que o trae a Monforte este sábado 13 de novembro, concretamente ao Bar Club Fluvial.

Ademais da guitarra, tocas algún outro instrumento?

A miña formación académica profesional é como acordeonista, pero sempre despertaron interese en min outros instrumentos coma o piano ou a guitarra, que aprendín a “aporrear” de xeito autodidacta.

Seica eras dos que gravaban música nas casettes naqueles marabillosos 80-90. Cóntanos.

Pois supoño que como toda a nosa xeración. Lembro poñer as emisoras musicais os sábados pola mañá para poder gravar o tema de moda, cruzando os dedos para que o locutor de turno non falara na metade da canción. Ou tamén cando os amigos nos turnabamos para mercar discos orixinais, para poder gravalos despois en cintas. Era puro pirateo analóxico. Agora, temos tantos recursos para escoitar e ver música, que todo isto parece que quedou atrapado noutra dimensión espazo-temporal.

“Lembro poñer as emisoras musicais os sábados pola mañá para poder gravar o tema de moda…”

Hai moita oferta musical de versións deses anos. É todo morriña ou hai algo máis?

Bueno, a verdade é que eu levo varios repertorios: un de ‘Cantautores’, outro de ‘Favoritas’, e o que levo a Monforte ‘TDK de 90’.

Que nos podes dicir deste ‘TDK de 90’?

Este de versións deses anos gusta moito. Creo que en gran medida por ese factor nostálxico e, por outra banda, porque había moitos temas de calidade que son atemporais e seguen funcionando moi ben.

Hai un amigo noso que di que “os anos 80 non volveron… os anos 80 nunca se foron”. Que opinas desta afirmación?

Bueno. Opino que os 80 foron, para o bo e para o malo, un despertar en tódolos sentidos. Lembro os barrios das cidades cheos de nenos xogando nas ruas. Tamén no rural, había moita rapazada e os veciños eran practicamente familia. Agora todo é diferente. As persoas, somos máis de meternos na casa arrodeados de tecnoloxía… Por iso, sempre animo á xente a participar de concertos coma o que imos ter este sábado, no que podemos pasar un bo anaco mirándonos aos ollos e compartindo unhas risas e unha boa presa de cancións.

“Opino que os 80 foron, para o bo e para o malo, un despertar en tódolos sentidos”

Que cres que converte a un tema en clásico? Que fai que aguante ben o paso do tempo, que perdure e transcenda?

Creo que pode suceder por moitas razóns, pero para min a principal é, sen dúbida, que ese tema nos diga algo, que nos faga sentir cousas. Hai temas que sempre están aí, outros que van e veñen… pero creo que cando o intérprete e a canción tocan a alma das persoas, convértense en eternos.

Sergio Alba. Foto promocional.

No teu espectáculo non só é importante a versión en si mesma. Que achegas para que sexa un acústico diferente?

Pois é un formato no que intentamos que o público interactúe en moitos dos temas, e se atope tan a gusto como se estivera vendo o concerto no salón da súa casa. É un concepto baseado nos clásicos concertos dos cafés teatro.

“Creo que cando o intérprete e a canción tocan a alma das persoas, convértense en eternos”

Imos xogar un pouco. Dámosche un tema e ti disnos que canción dos 80 e 90 lle acae mellor:

Desamor?  Déjame.

Euforia? Salta.

Ledicia, gozo? Bonito.

Melancolía? Calle Melancolía.

Amizade? Un millón de amigos.

Liberdade, liberación? A quién le importa.

E para rematar, unha mensaxe para non perderse o teu show este sábado en Monforte?

Pois que a xente que se achegue ata o Bar do Club Fluvial de Monforte, poderá desfrutar dun variado menú, tanto no gastronómico coma no musical. 

Será unha boa ocasión para desfrutar en solitario, en familia ou con amigos dun concerto, no que intentaremos que a música nos traslade a aquela época na que desfrutabamos, dándolle ao “play”, de todas aquelas cancións gravadas en cassettes. Xa podedes ir reservando!

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...

O PP urxe a mellorar a ponte da estrada provincial LU-P-1305 en Folgoso do Courel porque “está caendo sobre o río”

O Grupo Provincial Popular esixe que a Deputación de Lugo coloque sinais de advertencia...