InicioEn profundidadeSociedade Cultural A Unión, máis de cen anos como catalizador socio-cultural en...

Sociedade Cultural A Unión, máis de cen anos como catalizador socio-cultural en Sarria

Achegámonos a esta institución da man do seu presidente, Pepe Quiñoá, para lembrar as súas orixes e saber como sobrevive ao paso do tempo conxugando tradición e innovación no seu programa de festas e actividades. O pasado 2019 celebrou o seu centenario.

Publicado o

- Advertisement -

A Sociedade Cultural La Unión de Sarria é unha institución que destaca dende a súa fundación, no ano 1919, polo seu carácter catalizador da vida social e cultural da vila. Aínda que nos inicios as súas actividades se centraban en actividades de marcado compoñente recreativo, como eran as festas e os bailes, co tempo foron aumentando a oferta de propostas culturais abríndose a todos os públicos e sensibilidades. Actualmente conta con arredor de 500 socios, entendendo como tales a unidade familiar e non as persoas de xeito individualizado.

Falamos con Pepe Quiñoá, presidente da sociedade dende o ano 2008, que nos fala do pasado e ponnos tamén no presente dando conta de que a institución segue moi activa participando na maioría de eventos de transcendencia que se organizan en Sarria. “Case todo pasa pola Unión”, di Quiñoá neste senso.

Tras conversar con el sabemos que antes de “La Unión“, en Sarria estaba o Casino, unha institución de “familias pudentes” con marcado carácter clasista. Aquela sociedade pechada a uns poucos, e baseada no distanciamento social de clase, deu pé a que xermolara unha alternativa máis aberta, integradora e plural que sería precisamente A Sociedade A Unión. Camilo Gonsar definía a nova entidade do seguinte xeito: “La Unión é conservadora das esencias dunha sarrianidade, ideal e imposible, mítica e ferinte, abrumada e maltratada por creadores de estafermos e por xentes que gozan en construír destruíndo”.

A institución non parou de medrar, sendo incluso xermolo doutras sociedades sarriás

Quiñoá cóntanos que o antecesor da sociedade foi o Club de Fútbol Celita. Tras a creación do club, a masa social quixo ir máis alá e facer tamén un club social, este sería La Unión. Dende este momento a institución non parou de medrar, sendo incluso xermolo doutras sociedades sarriás que naceron ao calor dela como, por exemplo, o C.B. Sarria ou Meigas e Trasgos. Tamén nos di o presidente que de aquí saíu un club de tenis, o Cine Club e un club de billar. Estes últimos funcionando dentro da Unión pero cun grupo de traballo autónomo e coordinando as actividades con presidencia.

Pepe Quiñoá, presidente. Foto: Soc. Cultural A Unión

Co paso dos anos o antigo Casino foi esmorecendo mentres a Sociedade A Unión seguía adiante con forza. Durou ata o 1980. Pepe lembra que incluso houbo un  “intento de refundición do Casino para xuntarse con La Unión” pero non frutificou. “O mundo abriuse, e o carácter pechado do Casino xa non tiña razón de ser”.

DOS TRADICIONAIS BAILES ÁS FESTAS TEMÁTICAS E ACTIVIDADES SOCIO-CULTURAIS

A Unión converteuse nun referente cultural e social para a vila de Sarria, sendo nos primeiros tempos un lugar no que se celebraban banquetes, festas e bailes de moi alto nivel. “De Lugo viña moita xente ás verbenas da Unión… estaba de moda”, di Quiñoá ao tempo que deixa un dato, “no San Xoán tiñamos 4 orquestras, dúas para o 24 e outras dúas para o 25”.

“De Lugo viña moita xente ás verbenas da Unión… estaba de moda”

Na actualidade, das habituais festas e bailes pasouse a un calendario anual de festas e á organización de actividades variadas dirixidas a todos os públicos: cantos de taberna, ximnasia, baile de salón, baile de sevillanas, karate, ioga, pilates, xadrez, billar, ou cinema. Actividades todas con carácter anual, gratuítas para socias e socios e nas que se apunta moita xente. “Á semana pasan unhas 150 persoas pola Unión que veñen polas actividades”, di Pepe.

No que respecta ás festas, as máis destacadas no programa anual que acolle esta entidade son: As festas do San Xoán coa tradicional sesión vermú e a coñecida como ‘Cea americana’; a Festa de Interxeracións no mes de agosto, o Festival Esmorga Fest; o Magosto; Fin de Ano ou o entroido.

Quiñoá fala do éxito na organización e coorganización das mesmas sinalando o poder de atracción dalgunha delas como por exemplo San Xoán. “No ano 2019 tivemos máis de 2000 persoas na sesión vermú… xa se nos empeza a ir das mans”, comenta.

E non podemos esquecer a participación da sociedade tamén nas “Xornadas Xurídicas de Sarria” pois teñen por tradición acoller o fin do evento.

RELEVO XERACIONAL

Neste punto, Quiñoá recoñece que o levan mal. E indica que non son os únicos, sinalando que esta problemática dáse na maioría de institucións socio-culturais do seu perfil. Na actual Directiva por debaixo dos 50 anos só teñen a dúas persoas e na masa social hai pouca xente nova.

“A Covid19 fíxonos mal, estabamos empezando a levar actuacións para público xoven e tivemos que parar todo”, comenta o presidente ao tempo que nos dá exemplos de que por intentalo non será, pois van probando actividades novas para atraer xente nova. Así, teñen organizado, por exemplo, “batallas de galos” –enfrontamentos verbais con rima– xuntando a uns 100 rapaces de 15-16 anos, e están sumando xente nova para o club de billar.

Fachada lateral do edificio principal. Foto: Sociedade Cultural A Unión

OBRAS E PROXECTOS

Quiñoá refire importantes obras realizadas recentemente como a construción dun edificio anexo de 300 metros cadrados, tras quitar a coñecida carpa; a dotación dun ascensor e diversas reformas: aillamentos e arranxos dunha galería, escaleiras e fiestras. Agradece, neste senso, a importante axuda da Deputación de Lugo para o financiamento de gran parte destas melloras e a colaboración do Concello de Sarria en todo o que fan, apoio que ten chegado sempre dos diferentes gobernos municipais que tivo a localidade. Dende o 2009 reciben, tras un acordo co concello, o equivalente aproximado do custe do IBI das súas instalacións en forma de subvención.

Falando de proxectos, o presidente salienta un: a publicación do libro “Centenario da Unión”, unha obra que recolle os 100 anos de historia desta institución, centenario que celebraron o pasado 2019.

Falando de proxectos, o presidente salienta un: a publicación do libro “Centenario da Unión”

A obra, maquetada e entregada á Deputación de Lugo para a súa impresión, é froito do traballo conxunto de Pepe Quiñoá e Arlindo. Un traballo que lles levou dous anos tras revisar e analizar moita documentación que se conserva en La Unión. Entre esa documentación, e como anécdota, Pepe dinos que apareceu un contrato orixinal coa Orquestra Os Satélites que data do ano 1943.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....