InicioEn profundidadeAna González, a xornalista quiroquesa que admira a Àngels Barceló e a...

Ana González, a xornalista quiroquesa que admira a Àngels Barceló e a Nacho Carretero

No sur de Lugo, concretamente en Quiroga, atopamos a esta xornalista que traballa para EFE Galicia. Sempre lle gustou escribir, confésanos a súa afección pola poesía e recoñece que como redactora sente especial interese polos temas de carácter social. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

Ana González naceu en Quiroga e viviu alí ata os dezaoito anos, cando marchou estudar xornalismo a Santiago. Rematada a carreira fixo prácticas no xornal El Progreso e na Televisión de Galicia, unha experiencia de meses antes de cursar un mestrado de Xornalismo Transmedia da UNED e da Axencia EFE.

Cursando o devandito mestrado xurdiulle a oportunidade de traballar para unha empresa de comunicación –Orión Press– e, tras realizar as prácticas do mestrado na delegación de Efe en Santiago, ofrecéronlle seguir con eles pero en Coruña. Dende aquela, no ano 2019, vive nesta cidade e volve á súa vila natal nas fins de semana, en vacacións e sempre que ten oportunidade.

Cóntanos que de pequena xa lle gustaba moito escribir e dáballe ben á poesía, tendo ganado incluso varios certames. Recoñece ser unha gran lectora –sobre todo novela fantástica e filosófica– e tamén que a afección pola poesía, mantena viva de cando en vez, no tempo libre.

Aproveitando a vocación que descubrimos nesta rapaza polo xornalismo falamos con ela, entre outras cousas, de como avanza na profesión, das súas preferencias para escribir e de xornalismo dixital.

Xornalista por vocación? Cando es consciente de que debes ir por ese camiño?

Recoñezo que non sempre o tiven claro. Cando estaba no instituto barallei diferentes opcións e unha delas sempre foi o xornalismo. Desde pequena gustábame escribir, comunicar e, sobre todo, denunciar as inxustizas. Foi con dezasete anos cando me decatei de que o xornalismo era a profesión que máis encaixaba coa miña forma de ver a vida. A día de hoxe, si podo dicir que é unha vocación e que me encanta o meu traballo.

“Foi con dezasete anos cando me decatei de que o xornalismo era a profesión que máis encaixaba coa miña forma de ver a vida”

Contas con experiencia como redactora en prensa e televisión. Que diferenzas atopaches traballando nun e noutro medio?

Son moi distintos. En prensa podes comunicar temas con moita profundidade, partindo das causas e chegando ás consecuencias, con máis espazo e, normalmente, con máis tempo. O teu selo é a túa forma de escribir e a túa firma. En cambio, na tele cómpre facer unha síntese e unha organización diferente da información. A túa voz e o teu aspecto son as túas marcas de cara ao público, aínda que no traballo hai moito máis. Tamén é máis agobiante, porque tes que ter o teu traballo feito para a hora do informativo pase o que pase, pero os horarios de traballo adoitan ser máis agradecidos. Os dous son medios nos que podes empregar a túa creatividade, pero de forma diferente.

En radio non se deu aínda a opción? Gustaríache?

Encántame a radio, escóitoa todos os días, pero non é o formato que vexo máis adecuado para min. Prefiro a información un pouco máis repousada. Con todo, non me importaría probalo.a

Ana González. Foto: A.L.

E estar de cara ao público en TV ou Radio, gustaríache?

Non me importaría ter algunha experiencia máis na televisión e tamén na radio, pero o certo é que os nervios do directo poden comigo. Gústame máis escribir que falar.

Tras o paso por xornais como El Progreso, agora levas xa uns anos traballando para EFE. Como é o traballo de redacción para unha Axencia?

Sempre direi que o de axencia é o xornalismo máis puro. A redactora é a que está soa fronte á noticia e ten a enorme responsabilidade de transmitilo sabendo que o seu texto vai chegar á redacción de tódolos medios de comunicación. É certo que normalmente é unha redacción menos creativa e máis concisa que nos xornais, pero tamén facemos reportaxes, crónicas ou entrevistas onde nos podemos saír un pouco dos formatos encorsetados.

Moito estrés na redacción ou traballas dende a casa?

A única redacción de EFE en Galicia está en Santiago pero eu traballo dende a casa, en Coruña. Aínda que non estea na redacción o traballo si que é estresante pola inmediatez que nos piden. Sobre todo para publicar noticias urxentes, sucesos, etc.

“Aínda que non estea na redacción o traballo si que é estresante pola inmediatez que nos piden”

Cubres, logo, noticias de Galicia en xeral?

Cubro noticias de Coruña e contorna sempre que teñan interese a nivel de Galicia.

Tratando temas variados supoñemos que será tamén unha oportunidade de aprender unha chea de cousas e estar ao día de todo. É realmente así? Cóntanos.

Cada día de traballo é coma facer unha apaixonante viaxe ou ler un libro novo. Teño cuberto actos políticos, xuízos e roldas de prensa de distinta índole, polo que aprendo cousas constantemente. Nunca sei o que vou facer ao día seguinte. Sempre hai temas novos, marcados pola actualidade, e nós temos que coñecelos.

“Cada día de traballo é coma facer unha apaixonante viaxe ou ler un libro novo”

Algún artigo especial para ti. Temas cos que gozaras escribindo ou que che tocaran a fibra?

Tócanme a fibra as reportaxes máis sociais. Lembro, por exemplo, unha que fixen sobre as traballadoras no fogar ou outro sobre a ludopatía. Outro tema que me gusta tamén é a política.

Dinos dous ou tres xornalistas que admires e por que?

É moi difícil escoller. Unha das xornalistas que máis me gusta é Àngels Barceló porque é unha profesional con ética, excelente á hora de comunicar política na radio. Outro é Nacho Carretero porque é un redactor extraordinario que transmite temas importantes con honestidade e rigor. Podería dicir moitos e moitas máis.  

“Unha das xornalistas que máis me gusta é Àngels Barceló… outro é Nacho Carretero”

O xornalismo dixital é presente e futuro. Cres que morrerá o papel?

Por desgraza, a prensa escrita está en declive e todo apunta a que o futuro será 100% dixital. Espero que falten moitos anos para iso, pois o xornal impreso é un gran medio de comunicación, que condensa a máis relevante actualidade baixo un rigoroso proceso de selección xornalística e dá seguimento aos temas con profundidade. O ideal sería que puidesen convivir os dous, pois o xornalismo dixital é fundamental para coñecer as novidades ao instante, con texto, fotos e vídeos, e pola posibilidade de acceder a contidos de distintos medios de forma rápida.

Falando dese tema, que opinión che merece Diario de Quiroga, un referente dixital para a comarca de Quiroga?

Paréceme un proxecto fantástico, que require un arduo traballo. Converteuse nun medio imprescindible para os quirogueses. Tanto o texto, como as fotos, as coberturas, os temas, o manexo das fontes e o uso das redes sociais son magníficos.

Non che pasa pola cabeza algún proxecto propio nese sentido ou incluso colaborar con Diario de Quiroga?

Pasóuseme moitas veces pola cabeza a idea de crear un proxecto, pero nunca acabei de definilo. Colaborar con Diario de Quiroga encantaríame. Hai unha boa canteira de xornalistas na vila. Sería estupendo facer algunha colaboración para difundir a realidade da nosa comarca.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...