InicioEn profundidadeEscola de Música Moderna de Monforte: un novo local para estar á...

Escola de Música Moderna de Monforte: un novo local para estar á altura das mellores de España

No ano 2013 nacía este centro de ensino musical que conta coa prestixiosa concesión Rockscholl, presente en 40 países e coa titulación de música moderna máis e mellor valorada do mundo. Este 2022 vén de estrear unhas novas instalacións, con amplas aulas equipadas coa última tecnoloxía, que a sitúan entre as 12 ou 15 mellores a nivel nacional. Falamos con Gonzalo Herrero, o seu director.

Publicado o

- Advertisement -

No ano 2019 Xornal de Lemos quixo coñecer en profundidade o labor de Gonzalo Herrero como fundador e director desta escola, daquela situada no número 117 da Rúa Doutor Casares. Dous anos e pico máis tarde volvemos falar con el pero xa nunha nova localización, na mesma rúa pero no número 132, lugar onde estivera hai anos o Supermercado Cemar.

O día 10 de xaneiro a Escola de Música Moderna comezou a actividade na súa nova casa. E fíxoo cun obxectivo claro en palabras de Gonzalo: ”A mellora continua que temos sempre, seguindo o noso compromiso coa mellor calidade na ensinanza e a mellora integral de todas as instalacións”. Neste último punto, cómpre dicir que contan con máis de dez aulas, unha sala multiusos, un auditorio, recepción, almacén… Todas as salas son para a impartición dun instrumento, equipadas especificamente para un fin determinado. Deste xeito “o especialista de guitarra vai á clase de guitarra, o de piano á clase de piano, e así con cada instrumento… desa maneira os espazos están perfectamente deseñados para desenvolver esa actividade concreta”, dinos Gonzalo Herrero.

A Escola de Música Moderna conta actualmente con dez profesores, contando colaboradores, profesores en nóminas e ao propio Gonzalo Herrero, e cun cento de alumnas e alumnos matriculadas/os contando as/os de 3-6 anos na Escola Montessori e tamén as matrículas que teñen online. Por comentar como curiosidade, entre os que seguen a formación a distancia teñen un alumno en Irlanda e contan con outras/os a nivel nacional e en diferentes puntos de Galicia.

ADAPTACIÓN Á PANDEMIA

Gonzalo Herrero refire neste senso que o cambio de local vén tamén a favorecer a formación ‘en tempos de covid’ pois preparáronse para ampliar espazos, moito máis grandes en relación ás anteriores instalacións.

Veñen de incorporar un extractor para a renovación do aire en todas as aulas, ningunha clase de instrumento ten máis de dous alumnos coincidindo co profesor, e nas clases de teoría –que poden estar máis concorridas con ata dez persoas–, reduciron o aforo a cinco gardando distancia de 1,50 metros entre eles.

“O cambio de local vén tamén a favorecer a formación ‘en tempos de covid’ pois preparáronse para ampliar espazos”

FORMACIÓN E OS INSTRUMENTOS

Os instrumentos que ofrece actualmente a Escola de Música Moderna de Monforte son: baixo, guitarra, batería, piano, voz ou canto, formación de DJ, Escola Montessori –para nenos de 3 a 6 anos– con orquestra infantil, interaccionando entre eles, multidisciplinar con varios instrumentos ao mesmo tempo para que vaian probando e enfocándose ao que máis lles poda interesar. “Tamén temos unha chea de asignaturas como son teoría, traballo técnico, adestramento auditivo, improvisación, arranxos… todas estas son asignaturas complementarias”, abonda Herrero.

A maiores do referido, cómpre destacar tamén dentro da programación da escola as audicións e os festivais. Nestas programacións o que se provoca é a interacción entre os diferentes departamentos poñendo aos músicos e ás músicas a tocar, co cal tamén abordan o ensino dende a perspectiva práctica.

Gonzalo Herrero / XdL

ALUMNADO ALÉN DE MONFORTE

Dende o ano 2020, tras a dixitalización integral das aulas, as clases online “son practicamente como estar dentro da aula. Na aula de teoría, por exemplo, temos unha microfonía ambiente que permite escoitar todo o que pasa na clase, tanto a explicación do mestre como a participación do alumnado, e as cámaras permiten ver toda a aula”, di Gonzalo.

“Por exemplo, hai dous alumnos que veñen todas as semanas dende Mondoñedo, un alumno de Meira e catro ou cinco que veñen dende Ourense cidade”

No caso presencial a maioría do alumnado vén dos concellos do sur de Lugo, dende Sarria ata Quiroga, pero resulta curioso comprobar que hai alumnas/os que fan moitos quilómetros para vir a Monforte. Por exemplo, hai dous alumnos que veñen todas as semanas dende Mondoñedo, un alumno de Meira e catro ou cinco que veñen dende Ourense cidade.

UN PASO ADIANTE COAS NOVAS INSTALACIÓNS

Co novo local que vén de estrear, a Escola de Música Moderna de Monforte dá un paso máis no seu prestixio apostando pola innovación e mellora constante para ofrecer unha formación musical de alta calidade.

Todos aqueles que teñan ocasión de ver o espazo que ocupa agora a Escola de Música Moderna de Monforte, poderán comprobar que se trata dun proxecto moi ambicioso. “Queríamos situarnos no top de escolas nacionais en canto a instalacións, equipos e profesorado… intentando sempre dar o mellor”, comenta Gonzalo afirmando tamén que “pensamos que agora podemos estar no top 10, top 12 ou 15 das mellores escolas en instalacións a nivel nacional, sen dúbida”.

“Pensamos que agora podemos estar no top 10, top 12 ou 15 das mellores escolas en instalacións a nivel nacional, sen dúbida”

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS

Rematando a nosa conversa, o anfitrión Gonzalo Herrero, lémbranos que todas e todos aqueles que queiran coñecer as instalacións poden facelo achegándose á Rúa Doutor Casares, 132 os luns de xaneiro e febreiro entre as 19:00 e as 21:00 h.

Entrada da escola / XdL

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...