InicioEn profundidadeMiguel Ángel e Óscar, dous monfortinos apaixonados do Scalextric

Miguel Ángel e Óscar, dous monfortinos apaixonados do Scalextric

O clásico agasallo de Reis dos anos setenta-oitenta, que semella quedar xa no esquecemento, sobrevive grazas a xente coma estes dous coleccionistas que manteñen viva a afección polos coches en miniatura, por velos correr e conseguir ou replicar modelos, canto máis exclusivos mellor. Falamos con eles.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Miguel Ángel Martínez é un monfortino que, tras pasar os dez primeiros anos da súa vida en Barcelona, fixou a súa residencia na cidade do Cabe. Considérase amante do deporte dende sempre, sendo o ciclismo o seu preferido, e un auténtico apaixonado do Scalextric dende moi pequeno. Seica vía as carreiras de Formula 1 en Barcelona e así foi como xermolou nel a afección polos coches e polas carreiras. Pediulles aos pais un circuíto para montar na casa e con 5 ou 6 anos trouxéronllo os Reis Magos.

Cando veu de Barcelona empezou a quedar co seu curmán Óscar e outros amigos para montar un circuíto máis grande e facer competicións entre eles. Do Scalextric foron pasando ao Slot, unha evolución que foi como “pasar do xoguete á vertente competitiva”, di Miguel. Corrían os anos noventa e empezaban a ir a carreiras a cidades como Lugo, no Club Ancares, e a Ourense onde disputaban campionatos de Slot en pista con varias probas durante o ano. En Monforte lembra, tamén por esa época, organizar algunha carreira na Fraternal e xa máis tarde, organizar con outra xente unha exposición na Casa da Cultura. Nesta exposición presentaron parte das súas coleccións, preto de 600 coches en miniatura, e na última fin de semana organizaron unha carreira.

Do Scalextric foron pasando ao Slot, unha evolución que foi como “pasar do xoguete á vertente competitiva”, di Miguel

Falando do pasado recente este coleccionista monfortino comenta que “iamos algunha vez a Ourense antes da pandemia, no Club Auriense Slot, pero agora quedou a cousa parada”.

AFECCIÓN E COLECCIONISMO

Miguel Ángel cóntanos que a súa colección actual alcanza uns 720 coches, revistas, etc. e tamén que ten dous circuítos montados no ‘rocho’ de forma permanente. Lugar este que el bautiza como ‘a guarida’ e onde ás veces vai xogar co seu fillo. Recoñece que tivo algo apartada a afección pero retomouna e mantena viva aínda que na actualidade mércase moito menos porque resulta complicado comprar repostos. Non quedar case tendas físicas, quedan algunhas virtuais e igual non pasan das 20 a nivel nacional. “Nos anos 2000 había unha chea de tendas por todos os lados… En Lugo e Ourense había polo menos dúas e agora só quedan dúas a nivel de Galicia, unha na Coruña e outra en Vigo que se dedican ao maquetismo, so Slot…”, refire Miguel.

“Nos anos 2000 había unha chea de tendas por todos os lados...”

Preguntándolle por algún coche ao que lle teña un especial agarimo dinos “que a todos”, pero pensándoo un pouco máis recoñece ter apego polos 5-6 primeiros de cando empezou. E xa, soltándose, dinos máis que lle gustan por enriba dos demais: o Ford Gran Torino, aquel mítico de Starsky & Hutch, calquera dos de James Bond ou o Fiat 124 Spider 1978; este último chegouno a ter el de verdade. “Sacárono en slot, modifiquei o que estaba en comercial e personaliceino, fixen o coche que tiña eu en realidade”, confesa Miguel Ángel.

Ford Gran Torino de Starsky & Hutch. Foto: M.A.
Fiat 124 Spider 1978. Foto: M.A.

Anos atrás, xunto co seu curmán Óscar, empezaron a organizar un encontro-demostración no anexo do Mercado de Abastos de Monforte, actividade que estaba incluída na programación de Nadal do concello. Foi unha proposta deles para visibilizar esta afección e resultaba bastante atractiva, pero dende a chegada da pandemia non se retomou.

ÓSCAR RODRÍGUEZ, OUTRO ‘TOLO’ POLO SCALEXTRIC

Óscar Rodríguez é curmán de Miguel Ángel, de Monforte de toda a vida e con afección polo Scalextric dende os sete anos. Do mesmo xeito que Miguel, o seu primeiro Scalextric chegoulle polo día de Reis, e seica foi mercado na monfortina Librería Galaxia.

“Sempre me gustaron os coches”, confesa, e dinos que ten uns 650 na actualidade montados para poder pilotar. Na casa ten montado un circuíto NIMCO, posterior a Scalextric, e ten unha habitación exclusiva na casa para poder aloxar as pistas montadas, libros, revistas, repostos e coches en miniatura. “Hoxe ter un Scalextric na casa tampouco está ao alcance de todos, hai xente que non ten onde gardar as cousas e outros téñenas en caixas. A falta de sitio pode ser un atranco para manter a afección”, explica Óscar.

Óscar Rodríguez. Foto cedida.

“Hoxe ter un Scalextric na casa tampouco está ao alcance de todos, hai xente que non ten onde gardar as cousas e outros téñenas en caixas.”

UN AFECCIONADO MOI ‘MAÑOSO’

Este fanático do Scalextric traballa agora de mecánico en Monforte, e semella que todo encaixa, pero por curioso que pareza antes traballou como protésico dental e como administrativo. “Estudiei FP, electrónica industrial, e traballei como protésico dental en Sarria antes de chegar ao taller mecánico no que estou actualmente. Aquí empecei como administrativo e despois quedei co negocio como socio e traballando xa de mecánico”, dinos Óscar.

Curioso, verdade? Pois ben, coñecementos como os de protésico dental servíronlle para aplicar ao mundo do Scalextric. “Servíronme para modelar, para aprender técnicas para modelar un coche, facer un máster orixinal e despois un coche. Usaba resina que se usaba para as prótesis dentais”, relata.

A Óscar sempre lle gustaron as manualidades, as carreiras e os rallys, e aquí vemos como cando a cabeza tira para un lado as que chamamos casualidades non deixan de ser ‘causalidades’. Manualidades, dominar a técnica da modelaxe con resina, os coches e a mecánica…

O noso protagonista recoñece que lle dedica todos os días unha hora á súa afección aos coches en miniatura e ás carreiras de Slot. Aínda que pareza difícil, saca tempo da súa xornada diaria para deseñar e montar coches e para practicar.

O noso protagonista recoñece que lle dedica todos os días unha hora á súa afección aos coches en miniatura e ás carreiras de Slot

Preguntámoslle por algúns coches que sexan especiais para el, algúns que montara cos que se sinta orgulloso e dinos dous: Un Citröen BX, daquela modelo de rallys, “ninguén o facía e eu fíxeno”, di Óscar, e un Opel Récord que lle pediu un amigo, “fixen un para el e outro para min”. Unha curiosidade máis, tamén chegou a facer varias réplicas de coches do mítico piloto de rallys ourensán, Estanislao Reverter.

Opel Récord, unha reliquia. Foto: Óscar Rodríguez
Escultura dedicada a Estanislao Reverter en Ourense. Foto: XMF

Os modelos que hai no mercado son de plástico e Óscar o que fai é replicalos con resina, material co que di ter feitos, por exemplo, todos os coches da familia en miniatura.

O seu coche e a súa casa. Foto: Óscar R.
Coche familiar e a súa miniatura. Foto: Óscar R.

Na actualidade, para deseñar modelos xa se aplican técnicas máis avanzadas como pode ser o uso de impresoras 3D, pero este ‘milmañas’ monfortino di non controlar tanto aínda este mundo, “os meus deseños son máis artesanais, melloro as técnicas pero son máis artesanais… o que fago é máis modificar que empezar algún de novo”, di Óscar. Unha dedicación esta que require armarse de paciencia tendo en conta que montar un coche pode levar unhas 100 horas.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...