InicioEn profundidade“Corre o vento”, a curta que retrata a memoria e a resistencia...

“Corre o vento”, a curta que retrata a memoria e a resistencia ao despoboamento do rural

Con este título preséntase un traballo cinematográfico de final de grao de Paula Fuentes e Guillermo Carrera, dous estudantes galegos da ESCAC, Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña. Trátase dunha curtametraxe de ficción ambientada no Courel que se comezará a gravar este mes de marzo. Falamos cos artífices do proxecto.

Publicado o

- Advertisement -

‘Corre o vento’ aborda baixo o xénero de Docu-Ficción o despoboamento, o sentimento de comunidade que se tiña antes e a persistencia da memoria na Serra do Courel. “Os habitantes dunha aldea da Galicia rural recobran a súa comunidade perdida a través dos seus soños, lembranzas e memoria”, explican como síntese os impulsores do proxecto na páxina web onde abriron unha campaña de crowdfunding para acadar financiamento.

Pero coñezamos primeiro aos guionistas e directores Paula Fuentes e Guillermo Carrera, dous cineastas en formación que van camiño de facer realidade o seu proxecto máis importante ata o momento no mundo do audiovisual.

Paula Fuentes e Guillermo Carrera. Foto cedida por eles.

Paula Fuentes é de Folgoso do Courel, estudou bacharelato en Lugo e despois viaxou a Barcelona para facer o Grao Universitario en Cinematografía na coñecida ESCAC, Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña. Segundo nos conta, o seu interese polo cinema chegoulle en 2º de bacharelato. “Fixen cine como puiden facer literatura, eu o que quería era contar historias e non sabía como”, confesa. Agora, nos últimos anos do grao, afronta este traballo audiovisual e dinos claramente que a súa especialización será no terreo documental.

Guillermo Carrera é de Ponteareas. Alí estudou ata dar o salto tamén a Cataluña. Concretamente a Barcelona para matricularse na ESCAC, onde coincide con Paula. Sempre lle gustou o cinema, “sempre fun o teatreiro da familia”, di. Apaixonado do cine cóntanos que ía moito ao ‘Multicines Norte’ de Vigo onde sempre puxeron películas moi independentes. “Igual con 13 anos xa ía buscando películas diferentes. Lembro daquela ver unha noticia no País que falaba do Festival de Cannes e dunha película que só daban nese cine, e elí fun”, confesa. Rematando tamén o Grao en Cinematografía dinos que a súa especialización será a ficción, que quere ser director de ficción.

Falamos con eles do proxecto, a curtametraxe “Corre o vento”.

Como xurdiu ‘Corre o vento’ e que tema ou temas se abordan?

É un curta de fin de grao que decidimos facer entre os dous. Nela queremos tratar a persistencia da memoria e a resistencia ao despoboamento do rural. Tamén o espírito de comunidade que se tiña antes e hoxe xa non está.

“Nela queremos tratar a persistencia da memoria e a resistencia ao despoboamento do rural”

Contádenos onde e como se vai desenvolver o traballo.

Centrarémonos en Vilar, unha aldea de Folgoso do Courel. Sairá o seu coñecido castro e como non, Xan, unha figura que representa moi ben o que queremos transmitir. Será moi importante pero sairá máis xente, en total serán catro personaxes principais –persoas do Courel– e unha actriz profesional, Nuria Lestegás.

O tratamento é algo complexo. Collemos a estas catro persoas en diferentes épocas do ano para que nos falaran das súas lembranzas e historias, e a partir de aquí saíu o guión; unha mestura de realidade e ficción. Na curta diferenciaremos os días das noites cos seus respectivos relatos e soños, e voces en off representarán a conciencia, a memoria… Haberá moita simboloxía, metáforas visuais sacadas da realidade.

Souto no Courel. Foto: Paula e Guillermo

“Collemos a estas catro persoas en diferentes épocas do ano para que nos falaran das súas lembranzas e historias, e a partir de aquí saíu o guión”

 “Corre o vento”, por que este título?

Inspirámonos a partir do poema de Rosalía “Corre o vento o río pasa” que fala da soidade, de cando os galegos emigraban. Gustounos o que transmite o título, tristura pero tamén esperanza.

Como ides tirar adiante o proxecto?

‘Corre o vento’ foi seleccionado pola produtora Escac Films entre 65 proxectos como candidato a recibir unha dotación económica para a súa produción. Quedou de terceiro. Ademais deste financiamento contamos co apoio de Sony, do Concello de Folgoso do Courel, da Fundación Uxío Novoneyra e acabamos de lanzar unha campaña de crowdfunding.

“Corre o vento foi seleccionado pola produtora Escac Films entre 65 proxectos”

Cal será o voso plan de traballo para empezar a gravar?

A vindeira semana iremos xa a gravar unha escena moi importante para a curtametraxe e en Semana Santa temos previsto abordar o resto da rodaxe. Desprazaremos un equipo de traballo de 12 persoas ademais de nós mesmos, xente da ESCAC e xente de Galicia que nos recomendaron na Fundación Uxío Novoneyra. Por certo, estamos moi agradecidos polo asesoramento e soporte de Uxío e colaboradores seus.

SINOPSE DA OBRA

En Vilar, unha pequena aldea da montaña galega, aprécianse as consecuencias do despoboamento rural. As antigas e enormes casas familiares teñen agora as portas tapiadas e as enredadeiras aférranse con forza ás pedras dos seus muros. Unha noite, coa chegada de Branca, retornada desde Barcelona, estraños acontecementos comezan a asolagar o lugar. Durante os días, os últimos habitantes do pobo viven a súa rutina en soidade. Pero coa chegada da noite, espértase inconscientemente a súa memoria. Recordos do pasado, antigas lendas e rostros esquecidos guían aos personaxes a través de bosques máxicos e camiños nos que conseguen reencontrarse. Un suave vento comeza a sacudir as árbores e coarse entre as gretas das paredes, enchendo os espazos. As luces e as sombras proxéctanse nos entullos e os retratos das paredes parecen observar fixamente. Este mundo onírico impregna cada vez máis o relato ata desembocar nun incendio que destrúe a maleza que os invade e deixa, no seu lugar, unha espesa néboa.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...