InicioEn profundidade“Volvemos con moitas ganas”, Carmen, anticuaria de Sarria

“Volvemos con moitas ganas”, Carmen, anticuaria de Sarria

Os fieis da ‘Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro’ e amantes en xeral deste tipo de encontros teñen unha cita en Sarria os días 7 e 8 de maio. A mostra volve ao calendario anual tras dous anos de pandemia sen poder celebrarse, e faino con máis forza. Falamos con Carmen Rodríguez, de Porvir39.

Publicado o

- Advertisement -

A tradicional Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro, que neste 2022 cumpre 25 anos, volve cunha programación espectacular e 28 expositores do sector. Haberá anticuarios locais pero tamén outros e outras de fóra e engadirase o atractivo de atopar o mercadiño de coleccionismo e antigüidades ‘Quilate’, coincidindo que este celébrase cada primeiro sábado de mes.

A Rúa do Porvir será testemuña a vindeira fin de semana, os días 7 e 8 de maio, do retorno deste esperado encontro coa restauración e as antigüidades no que ademais da ampla mostra que ofrecerán os anticuarios haberá interesantes exposicións, obradoiros e demostracións. No recinto feiral instalarase ademais unha carpa do Concello con información do mesmo e tamén do traballo que realiza a ONG ‘Hospitaleros sin Fronteras’ no Senegal.

Carpas na feira do San Lázaro de 2019. Foto: Porvir39

Para darlle un toque musical ás xornadas están programadas actuacións de danza e música tradicional galega de dúas agrupacións locais. O sábado 7 de maio ás 18:00 h. a cargo da Asociación Peleriños e o domingo 8 a protagonista será a Asociación Meigas e Trasgos.

No que se refire á programación no recinto da Feira, en horario de 11:00 a 14:00 h. pola mañá, e de 16:00 a 20:00 h. pola tarde, poderemos atopar unha exposición de bonsais  da Asociación el Serbal e unha demostración e exposición de cerámica Manuel Fernández López “Lolo”. En horario de 12:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. tamén se poderá gozar dunha exposición e demostración de talla en madeira a cargo da Asociación Sarricanta.

Paralelamente, na Casa da Cultura haberá dúas interesantes exposicións e demostracións: unha de Costura Creativa, a cargo de Aurora Rodil, e outra de bolillos da Asociación de Palilleiras do Camiño de Santiago.

Neste mesmo espazo a asociación de palilleiras devandita ofrecerá un obradoiro de pulseiras de bolillos para nenos. O horario será de 11:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h.

Porvir39 Antigüidades / Foto cedida por Carmen

Falamos con Carmen Rodríguez, de Porvir39 Arte Antigüidades, recoñecida anticuaria de Sarria con 34 anos de experiencia no sector.

Como foron estes dous anos de parón pola pandemia?

Deixounos baixos de moral. A Feira do San Lázaro era un referente a primeira fin de semana de abril, tanto é así que estes anos houbo xente que veu a Sarria e despois viron que non había.

Este ano será un mes máis tarde.

Si. Este ano colleunos co da pandemia algo xustos para abril e decidimos pasala a maio. Igual nos prexudicou por perder a tradición da data pero se sae ben ao mellor xa queda. Veremos…

A antiga asociación de anticuarios pasou á historia?

Cos anos foi perdendo forza como pasa en moitas asociacións pero como colectivo funcionamos ben, a relación é boa.

“En Sarria chegou a haber oito anticuarios”

Cantos anticuarios/as quedades?

Na rúa somos tres e en total catro. Están Antigüidades Calzada, Lola Ribeira e eu, Porvir39. Con almacén nas aforas está tamén Antigüedades Echevarría. En Sarria chegou a haber oito anticuarios.

Como está sendo esta semana de organización?

O forte lévano Geni e a técnica, son elas as que levan a feira. Os demais contactamos con anticuarios de fóra para vir e mira se está tendo repercusión que aínda hoxe están chamando para vir. Xa pechamos cos 28 da feira pero vemos que están chamando preguntando se poden vir, incluso de Barcelona me preguntaron…

Que diferencial ves este ano na organización da feira?

Pois o máis importante é que realmente volvemos con moitas ganas. Sabemos que hai moita xente que está esperando este momento, e volver tamén significa fidelizar aos de sempre, non perder a tradición…

“O máis importante é que realmente volvemos con moitas ganas”

Obxectos que nos levan atrás no tempo. Foto: Porvir39 Antigüidades

Para rematar, quítanos o prexuízo de que as antigüidades son só para a xente maior.

A min interésame máis a xente nova. Xente que ten interese polo ‘vintage’, por calquera das  moitas pezas peculiares que temos, xente que empece a afeccionarse polo coleccionismo, por pezas únicas… Vouche contar unha anécdota, días atrás saímos na televisión e unha parella de Monforte veu dar unha volta despois por aquí. Viron cousas interesantes para agasallar e dixéronnos que non sabían que aquí houbese este tipo de tendas.

ÚLTIMAS

Roteiro Literario para coñecer as localizacións da novela “A Boca do Monte”, en Quiroga

Preto dun cento de estudantes do IES As Lagoas de Ourense coñeceron o pasado...

O BNG pon en marcha, “Arranxo XA das nosas estradas”, campaña para mellorar as infraestruturas viarias na provincia

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo...

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...