InicioEn profundidade“A Praia da Cova ten unha sona que non se pode describir”,...

“A Praia da Cova ten unha sona que non se pode describir”, Diego Rodríguez

Así se pronuncia este emprendedor, xerente de Playa Fluvial da Cova Restaurante & Ocio, sobre a posta en valor meteórica que está experimentando este lugar emblemático da Ribeira Sacra. O lugar, no espectacular meandro que fai o Miño e coñecido popularmente como ‘O cabo do mundo’, é xa un lugar de peregrinación para turistas e famosos. Pedro Alonso, “Berlín” en la Casa de Papel, definiuno o ano pasado como “o paraíso”.

Publicado o

- Advertisement -

Falamos con Diego Rodríguez, emprendedor que está contribuíndo a poñer no mapa dende hai uns anos a fermosa paraxe da Cova, nun espectacular meandro que fai o río Miño no Saviñao. No seu caso, está dinamizando a coñecida Praia da Cova cun proxecto gastronómico e de lecer.

Anos antes estivo levando a Cervecería Los Goya, en Monforte. Durante unha boa tempada foi un local de referencia para as actuacións en directo e pioneiro en traer á comarca e ao sur de Lugo a ‘stand up’ pasando por aquí os mellores monologuistas do momento.

Coñezamos como os caprichos do destino fixeron que as súas aventuras emprendedoras o levaran de Monforte ao concello veciño do Saviñao. O seu pai é de Monforte, do barrio de Carude, lugar onde se criou e onde empezou como emprendedor. Primeiro levando o Bar Capilla e despois Los Goya. A súa nai é de Vilachá, parroquia do Saviñao, lugar onde pasou tamén parte da súa infancia. “Realmente son orixinario do barrio de Carude e do Saviñao”, sentencia Diego identificándose coa súa dobre orixe.

Lembrando a súa propia historia persoal engade, “meus pais sempre me inculcaron ser profeta onde se naceu, e así foi. No barrio do Carude organicei moitos eventos, a Festa do San Lázaro… esa etapa acabou. Agora traio toda a ilusión e todas as ganas á Praia da Cova onde estou desenvolvemento a actividade de hostalería co meu equipo. Estamos moi contentos, hai moito potencial, estamos traballando moi a gusto, cada día facemos unha cousa nova e estamos xenial aquí”.

Pero coñezamos a súa traxectoria dende que está na Praia da Cova, lugar no que tirou a áncora alá polo ano 2010 para ir dándolle forma ao seu proxecto Playa Pluvial de A Cova, Restaurante & Ocio. A súa aposta pola restauración e as actividades de lecer vai vento en popa sendo xa unha paraxe emblemática na Ribeira Sacra, lugar coñecido alén das fronteiras galegas e incluso españolas.

Cando decides apostar polo restaurante da Praia da Cova e que te motivou a facelo?

Decido apostar por Praia da Cova cando estaba aínda nos Goya. Saíu a concurso a concesión da Praia da Cova en 2010,  presentámonos cun proxecto e ganámola. Realmente o primeiro ano foi moi exitoso, pero non dábamos compaxinado o nivel de actividades que facíamos nos Goya co que esixía tamén a Praia da Cova. Ese verán traballamos moi ben pero só no verán. No 2015, por sorte ou desgraza, os Goya pecha as súas portas e acábase unha etapa na miña vida… moi exitosa pero á vez triste polo peche dun negocio que tiña data de caducidade. Céntrome aquí no 2016 co meu perfil de hostalería e imos creando o que a día de hoxe temos. E cada ano algunha cousiña máis.

“No 2015, por sorte ou desgraza, os Goya pecha as súas portas e acábase unha etapa na miña vida…”

Este enclave, quizais pouco coñecido daquela, agora é unha paraxe xa emblemática da Ribeira Sacra. Que pasou para que se puxera tan de moda estes anos?

Este lugar é un emblema, en plena Ribeira Sacra ten unha sona que non se pode describir porque os feitos falan por si mesmos. O meu equipo e eu temos moito mérito porque estamos facendo moi ben as cousas, con clientela que vén de toda Galicia pero tamén de toda España. Venche alguén de Madrid que che di “mira, o meu veciño díxome que viñera comer aquí”. Iso enorgullécenos. Eu e o equipo somos moi esixentes co cliente, dámoslle unha experiencia completa, non é só darlle de comer… sobremesas, paseos en barco, isto e o outro… que pase o día completo e o desfrute.

Manu Rodríguez, artífice do éxito nos fogóns da Praia da Cova. Foto: A Praia da Cova

“Este lugar é un emblema, en plena Ribeira Sacra ten unha sona que non se pode describir porque os feitos falan por si mesmos”

Consideramos que A Cova está aí arriba, en gran parte polo bo labor do equipo humano que está detrás de todo isto, e sei que é así porque arredor deste lugar estanse mercando viñas,  mercando casas… Cando cheguei aquí case as regalaban e agora están aumentando de valor. Multiplicouse por mil o valor das parcelas, xa non hai onde mercar nada, veu xente famosa mercar, xente con perfil inversor… E claro, lei da oferta e a demanda.

“Multiplicouse por mil o valor das parcelas, xa non hai onde mercar nada”

Ti xestionas o restaurante pero tamén as actividades acuáticas da Praia da Cova, verdade? Cóntanos.

Parte do equipo da Cova xestiona as actividades. Traballamos todo o ano e estacional, unha media de 8 ou 9 traballadores e nalgún verán chegamos a ser 22 ou 24. Traballamos as pedaletas para catro persoas, paddle surf individuais e os kayacs dobres. E este ano complementamos estas actividades acuáticas con excursións personalizadas en lancha… Esta actividade é posible grazas a un socio, Turismo de Pantón. Temos dúas lanchas para 10 ou 11 persoas e facemos ou ben excusións lanzadeiras para ver a fervenza ou ben excursións privadas de dúas horas personalizadas para cada cliente cunha duración máxima de dúas horas para dez persoas. Paga moito a pena porque temos unha visión que non temos cando baixamos en coche polas estradas que rodean a Praia da Cova. Visitamos a illa de Maiorga, a Ferveza, a Pena do Garabullo, a aldea de Belesar, as pontes, explicamos curiosidades de cando se encheu a presa… unha experiencia cen por cen recomendable.

Pedaletas e kayacs para lugar. Foto: D.R.
Paseos en Kayac. Foto: A Praia da Cova
Descapotable e vespas para alugar. Foto: D.R.

Cónstanos que cada ano pasa máis xente por aí e xa houbo que tomar medidas, implicándose tamén o Concello do Saviñao, para mellorar o tráfico e as zonas de aparcamento. Como se presenta este ano neste tema?

Praia da Cova está masificándose, é certo, e claro que nos gustaría canalizar mellor á xente. O ano pasado houbo que atender a dúas persoas que se sentiron indispostas e as ambulancias non tiveron ningún problema. Estamos en contacto directo co Concello, están xestionando o tema dos semáforos… temos un contacto estreito con Carlos Armesto que está dispoñible os sete días da semana por se hai inconvenientes. Este ano teremos unha reunión para valorar a posibilidade de limitar o acceso dos coches e que haxa unha lanzadeira, un microbús que baixe dende Fión ou dende Escairón. Que en vez de baixar 400 coches, baixaran 150 ou a metade. Aproveito tamén para pedir á xente que respecte as normas, que teña en conta que deben circular despacio porque trátase dunha estrada turística e que respecten tamén as liñas amarelas, que se pintaron para mellorar o tráfico. O da lanzadeira para limitar a baixada de coches está con probaturas, estamos traballando man a man co concello que ten total disposición e veremos que desenlace se dá…

“Teremos unha reunión para valorar a posibilidade de limitar o acceso dos coches e que haxa unha lanzadeira, un microbús que baixe dende Fión ou dende Escairón”

A Praia Fluvial da Cova, aínda que se goza en plenitude no verán, que atractivos ofrece o resto do ano?

Estamos traballando todo o ano. Na época estival temos masificación pero en outono a Praia da Cova é moi fermosa. Temos xornadas gastronómicas no outono con produtos de tempada e produtos da zona de alta calidade. Na primavera temos moitas rutas de sendeirismo, visitas e comidas no propio viñedo. Tamén visitas pola zona en todoterreos, a miradoiros, etc. Na Semana Santa tivemos itinerarios en vespa, oito vespas eléctricas alugadas con itinerarios, visita a restaurante, miradoiros, algunha adega, unha tenda de queixos…

Perspectiva do ambiente na Praia da Cova no verán (arquivo). Foto: D. R.

Algunha anécdota ou anécdotas que queiras contarnos relacionadas con visitas de famosos, visitas de xente de sitios moi apartados da Ribeira Sacra, situacións curiosas como anfitrión… ?

Por aquí pasaron, por sorte, moitos famosos. Miguel de Lira, Sandro Rosell, Rubén Prieto, David Silva, o presentador de informativos da primeira… pero a anécdota máis grande que nos pasou aquí foi con Pedro Alonso, ‘Berlín’ na Casa de Papel. Veu nunha caravana con Rubén Prieto, cada un na súa, co propósito de quedar durante uns días para traballar o guión dunha película. Foron once días no mes de agosto pasado. Gustoulle tanto o sitio que mandou fotos e comunicouse por whatsapp cos compoñentes da Casa de Papel dicindo “mirade en que paraíso estou”. E de vir case todos os días a almorzar comigo e meu irmán collemos confianza con el e el con nós. Tanto foi así que me preguntou como canalizaba eu o éxito da Praia da Cova. E eu pregunteille a el como canalizaba el o da Casa de Papel… A curiosidade foi que coincidimos na contestación, “sendo a mesma persoa que eramos antes”. Segundo el a importancia de canalizar o éxito é ser un mesmo, no fracaso e no éxito. Foi unha anécdota moi tal e dende ese momento manteño contacto directo con el, mándolle un whatsapp e contéstame aos dous minutos. Agora estamos pendentes de que veñan máis actores de la Casa de Papel e que el repita (ri).

“A anécdota máis grande que nos pasou aquí foi con Pedro Alonso, ‘Berlín’ na Casa de Papel”

Diego Rodríguez con Pedro Alonso. Foto: D. R.
Diego e o Chef ‘Manu Rodríguez’ con Sandro Rosell. Foto: D. R.

Como foron estes anos de pandemia e con que expectativas se presenta esta primavera-verán na Praia da Cova?

A verdade é que o notamos cando mandaron pechar obrigatoriamente e cando pecharon por provincias porque a xente non chegaba aquí. Despois empezamos a funcionar ben cos aforos, por ter moita terraza en plena natureza e claro non nos afectou moito na época estival.

As expectativas para completar a primavera e de cara ao verán son moi boas tras unha Semana Santa espectacular.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...