“Ribeira Sacra foi un dos primeiros proxectos contra a Galicia baleirada”, José Mouriño, artífice da D.O. Ribeira Sacra

Este enxeñeiro técnico agrícola lucense, dinamizador do agro, loitador contra o despoboamento e impulsor de proxectos como os queixos de San Simón e Cebreiro, o Craega e tamén a D.O. Ribeira Sacra, será o encargado de ler o pregón da XXVII Mostra de Viños do Concello de Pantón o 15 de maio. Falamos con el.

José Mouriño Cuba. Foto cedida por el.

José Mouriño Cuba, agora xubilado, foi o principal artífice da creación da D.O. Ribeira Sacra e este domingo 15 de maio será o pregoeiro da XXVII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. Contactamos con el, como gran coñecedor destas terras ás que se entregou en corpo e alma, e comprobamos que fixo un traballo inmenso para poñelas no lugar que merecían… “Non me explicaba como os poderes públicos non se fixaron nunca nesta zona… tivo que vir un da Terra Chá para facelo”, sentencia.

Este enxeñeiro técnico agrícola, que traballou como funcionario para o Estado e para a Xunta –Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria–, e que foi tamén xefe do servizo de Industria e Calidade Agroalimentaria (ICA), é de Xermade e confesa que descubriu a Ribeira Sacra por casualidade. Mouriño relátao así: “Tiña que coller o tren ata Ourense para ir a unha viaxe a Bélxica e Holanda e ao chegar a Canabal avariouse. Collemos un autobús e na baixada polos Peares chamoume a atención a paisaxe que ía vendo… vindo da Terra Chá, imaxínate”.

“Non me explicaba como os poderes públicos non se fixaron nunca nesta zona… tivo que vir un da Terra Chá para facelo”

Tempo despois chegou Ourense como destino profesional, sentía interese polos viños, visitou tamén o patrimonio románico e foi atopando como di el “un mundo que me chamou moito a atención… para min era espectacular o que estaba vendo e extrañábame que non se falaba diso”. Así foi, a grandes trazos, como coñeceu Ribeira Sacra.

A partir dos anos 80, dende a xefatura do servizo de Industrias Agroalimentarias en Lugo, tomou a determinación xunto cun equipo de xente de impulsar catro proxectos: o que hoxe é a D.O. Ribeira Sacra, a recuperación do Queixo de San Simón e do Queixo do Cebreiro e a creación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). A súa premisa era clara, “se me deixan traballar, vou intentar botar unha man a todo isto”.

O PROXECTO D.O. RIBEIRA SACRA

Estando en Ourense, José Mouriño estivo implicado e coñeceu as D.O. Ribeiro e D.O. Valdeorras, nas que estivo como representante do Ministerio de Agricultura nos seus Consellos Reguladores. Preguntábase como na ribeira do Sil e do Miño non había nada semellante cun potencial que el imaxinaba. Era cuestión de acabar co abandono das viñas e poñelas a funcionar para promover a viticultura, e con ela a mellorar a paisaxe e atraer turismo.

Había por diante un interesante proxecto pero tamén moito traballo e moitas dificultades. “En Galicia o problema non é de tecnoloxía, é de convencer á xente”, di Mouriño. Como el confesa, foi un labor de misioneiro. Saía de noite facer reunións coa xente da ribeira, e nesas reunións ía intentando ter unha idea de apoios cos que podería contar, tiña que detectar ese tipo de xente que suma. “Había que pasar da inacción á activación”, di. E fainos moita graza, pero é moi ilustrativo, cando di que outra estratexia principal é “traballar, e máis aínda cando todo o mundo engurra o fuciño, e o de engurrar o fuciño a dous niveis, por baixo e por enriba”. Está claro que as reticencias viñan da xente e tamén da administración, pero había que seguir para adiante.

“En Galicia o problema non é de tecnoloxía, é de convencer á xente”

Indo atrás no tempo lembra para nós aqueles centos de reunións que mantivo, e das que sacaba conclusións e xente coa que podía contar. Tivo que turrar moito pois moita xente dicía cousas como “isto non vale nada” e el tíñaos que convencer de que “viña para que valoraran o que tiñan”. O caso era ir tirando para adiante e a xente xa se iría unindo ao proxecto; “uns por envexa e outros por simpatía, así é como funciona a xente en casos semellantes”, sentencia José Mouriño.

Outro aspecto importante, segundo conta, foi que el sempre traballou coa idea de servizo público, de “actuar para e polo pobo”. “Tiña que deixar claro que eu non traballaba para min, se non para eles”, dinos ao tempo que engade “eu non comprei nada na Ribeira Sacra para que a xente non dixera que fun en beneficio meu”.

“Tiña que deixar claro que eu non traballaba para min, se non para eles”

“Eu non comprei nada na Ribeira Sacra para que a xente non dixera que fun en beneficio meu”

Foi, en definitiva, un traballo de paciencia e perseverancia, e un dos detonantes para avanzar foi cando chamaron de Madrid para interesarse por viños da Ribeira Sacra. “Aí empezamos a ver que a cousa empezaba a funcionar”, sinala o noso interlocutor. As axudas comunitarias foi un boom importante e comezaron a falar de “viños da terra”, que era coma unha “bendición para os viños de mesa e cunha protección semellante á dunha D.O.”, sinala Mouriño convencido de que era o primeiro paso para a creación da D.O. no ano 1996.

José Mouriño Cuba. Foto: J.M.

Chegado este momento, e creados os Consellos Reguladores, Mouriño explícanos que procurou que a xente que entraba se encargara da mecánica e el foise apartando pero permanecía vixilante sabendo que habería erros. “Quería deixar que colleran responsabilidades pero eu estar sempre vixilante. Procurei sempre que alguén que chegara ao meu despacho saíra coas ideas claras e en xeral fun respectado”, di.

RIBEIRA SACRA NA ACTUALIDADE

Visto con perspectiva, Ribeira Sacra evolucionou axeitadamente. Partíase de moito abandono e agora ten un aspecto paisaxístico espectacular, con moito viñedo en produción e fama a nivel mundial.

En calquera caso, José Mouriño non é unha persoa triunfalista no senso de pensar que as cousas teñen un teito e todo está feito xa. En palabras del “cando alguén chegue e me diga que algo que se fixo xa está rematado, malo… un proxecto deste estilo nunca está acabado”. Aínda con esta humildade e sabedoría recoñece que “chegouse onde non se pensaba chegar”.

A xeito de conclusión nesta valoración, e 26 anos despois da creación da D.O., queda claro que o traballo de Mouriño e o seu equipo foi inmenso pero deu e está a dar moitas satisfaccións. E como el vén a referir, xa se visibilizaba daquela a interconexión entre enoloxía, cultura e turismo, “non demos un paso sen deixar de pensar no turismo”, refire. Primeiro había que traballar as viñas e crear as adegas, e despois chegaría o demais. Coidando a paisaxe e o medio ambiente o turismo iría chegando.

Primeiro había que traballar as viñas e crear as adegas, e despois chegaría o demais

“A dinamización económica debe empezar pola agricultura”, outra máxima que nos deixa este defensor e activador do agro galego que cre no potencial que temos neste eido e critica o pouco que se mira para el. “A agricultura é importante porque dela cómese, e máis se non temos nin ouro, nin petróleo, nin gas…”, sentencia tamén. E iso sen contar a importancia que ten o sector agrario para fixar poboación. “Ribeira Sacra foi un dos primeiros proxectos contra a Galicia baleirada”, sentencia o noso interlocutor.

“Ribeira Sacra foi un dos primeiros proxectos contra a Galicia baleirada”

PREGÓN EN PANTÓN

Ese sábado, 15 de maio. Ás 13:00 h., será o encargado de dar o pregón na XXVII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. Un encargo que colleu encantado do alcalde, José Luis Álvarez, ao que considera un amigo.

Respecto a este concello, Mouriño atrévese a facer de visionario, “foi un concello cunha evolución moi boa e ao que lle vai axudar o cambio climático”. A coñecida como ‘Mesopotamia galega’ pola confluencia dos ríos Sil, Miño e Cabe, ten para el outro apelativo: “O concello das augas”, o Sil, o Miño, o Cabe e Augas Santas.

Dinos que xa ten o texto do pregón escrito e, sen adiantar nada, con el quere dar ánimos á xente e explicar algunha cousa pero de forma amena.

Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón 2017. Foto: Roberto Eireos

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here