De Sevilla a Pantón para atopar a tranquilidade e harmonía que buscaba

Sandra García devecíase por un cambio de vida para deixar atrás o bulicio e os ruídos da cidade. Nunha das súas escapadas anuais a Pantón viu a luz e decidiu quedar. “Sentín que novamente estaba na casa e confiei en que todo ía saír ben se estaba onde o meu corazón dicía”, confesa.

Sandra García na súa consulta. Foto: S. G.

Sandra García é unha emprendedora que chegou a Pantón para aplicar dende o rural os seus coñecementos sobre Medicina Tradicional China (MTCH), Bioenerxética, Hatha Ioga, Acupuntura e Meditación.

Conta que o seu vínculo principal con Pantón é a familia. As súas raíces saíron e medraron aquí, tanto os seus bisavós como avós –que xa non están– eran pantoneses e seguen actualmente no concello o seu pai, irmán e sobriños… ademais “duns marabillosos recordos da súa infancia”.

Pero coñezamos polo miúdo a conversa que tivo co colectivo Segredos de Pantón.

Que fixo que decidise volver a Pantón?

Levaba 17 anos vivindo en Sevilla, en pleno centro, rodeada de ruídos, estrés, contaminación, nada que ver con Pantón. Organizábame para vir dúas veces ao ano de vacacións e cada vez que viña e despois regresaba á cidade custábame adaptarme novamente ao bulicio e os ruídos. Cada vez que volvía a Sevilla pensaba: “necesito un cambio na miña vida, saír da cidade e marchar a algún sitio máis tranquilo e pequeno, quizais algún sitio de serra ou á beira do mar”, pero pasaba o tempo e non o facía.

Vin pasar o Nadal, como cada ano coa miña maleta para unha semana, o meu irmán deixoume un apartamento para estar máis independente e cómoda, recordo que esa semana sentín que estaba onde tiña que estar, estaba feliz, relaxada, en paz, máis que noutras ocasións, podía escoitar o son dos paxaros e a tranquilidade e harmonía que produce vivir na natureza. Aquí a vida é máis lenta, non tiña ganas de volver á miña vida anterior, os meus sobriños pedíronme que quedara un pouco máis e eu, aos poucos, fun pospoñendo a miña volta a Sevilla. Cando me dei conta pasaran moitos meses e chegou o momento de decidir dar un cambio á miña vida, facer mudanza e volver á terra onde tiña nacido e pasado eses primeiros anos de vida. Sentín que novamente estaba na casa e confiei en que todo ía saír ben se estaba onde o meu corazón dicía.

“Aquí a vida é máis lenta, non tiña ganas de volver á miña vida anterior”

Como emprendedora nun concello rural, en que consiste a súa  actividade profesional?

Formeime en Medicina Tradicional China (MTCH) e Bioenerxética e compleméntoo  con Hatha Ioga e Meditación, e distintas técnicas de masaxes para así poder dar un servizo máis amplo e completo. A iso é ao que me dediquei nos últimos anos.

A MTCH sostén que o corpo humano é un pequeno universo unido por canles, tamén chamados meridianos, que percorren o noso corpo. A enfermidade é considerada como un desequilibrio enerxético do organismo, provocado por factores externos (frío, calor, humidade, virus, bacterias, etc) ou por factores internos (mal funcionamento dun órgano, insuficiencia do sangue, alteracións emocionais, etc).

“A enfermidade é considerada como un desequilibrio enerxético do organismo, provocado por factores externos ou por factores internos”

A enerxía flúe constantemente e ao seu paso por estas canles, mantén os tecidos saudables e proporciona vitalidade aos órganos para que funcionen correctamente. Estas canles deben manterse sempre libres, calquera obstrución provocará a interrupción deste fluxo no corpo causando trastornos físicos e psicolóxicos.

Mediante a inserción e manipulación de finas agullas en puntos específicos do corpo, podemos estimular as funcións do organismo e restablecer o equilibrio enerxético, recuperando así o estado de saúde.

Sabemos que a acupuntura afecta ao sistema nervioso, estimulando a actividade de substancias analxésicas (como as  endorfinas e as células do sistema inmune). Cando  se actúa sobre determinados puntos, provócase a liberación de neurotransmisores e hormonas que actúan sobre as funcións involuntarias do noso organismo. Outro efecto é a regulación da serotonina no cerebro, neurotransmisor que xoga un papel importante no noso estado de ánimo, polo que a acupuntura é tamén moi utilizada para tratar todo tipo de trastornos emocionais.

“Sabemos que a acupuntura afecta ao sistema nervioso, estimulando a actividade de substancias analxésicas”

De onde xorde o seu interese pola medicina chinesa?

O meu interese existiu sempre, aínda que non era consciente diso. Sempre me apaixonaron as plantas, os ungüentos, as manipulacións do organismo coas mans e pensamentos filosóficos. Víao como unha medicina e sabía que coa unión de todo iso podería axudar ás persoas. Cando coñecín a MTCH deime conta que engloba todas as miñas crenzas, así que souben que ese era o meu camiño e aí empezou todo o meu interese por ela. Recordo que cada vez que ía a un curso ou lía algún libro desfrutábao moitísimo, era como abrir unha parte do meu cerebro cunha nova visión e perspectiva tanto do corpo como da medicina. Cando asisto a algún curso e os docentes falan da MTCH, apaixóname escoitalos e quedo apampada, síntome afortunada e agradecida porque dá igual o tema que expliquen e se xa o escoitei ou non, sempre aprendo algo novo.

“Cando asisto a algún curso e os docentes falan da MTCH, apaixóname escoitalos e quedo apampada…”

A MTCH sempre me sorprende, teño un continuo interese por aprender e entender, e canto máis aprendo dela, máis consciente son de que me queda moitísimo por aprender. É unha medicina con moita profundidade, cando se ‘escarba’ non ten final.

Onde se formou e que destacaría da súa formación?

Formeime en distintas escolas e con distintos profesores: a escola Hyle en Sevilla, a escola Kunlun tamén en Sevilla e a escola que máis me impresionou foi Cemetc en Xerez, Madrid e Coruña. Fundouna Carlos Nogueira, galego por certo, e sen dúbida ningunha teñen un nivel moi alto. Encárganse de formar a grandes profesionais da MTCH. Destacaría a didáctica do curso e o profesorado: Dr. Mario Fernández de Santiago de Compostela, Dr. Carlos Brage de Ferrol, ou a Dra. Teresa Vega de Xerez, para min foron unha inspiración e grandes médicos, apaixonados polo seu traballo e por transmitir dunha forma sinxela a complexidade da MTCH.

Se algunha persoa quixese contratar os seus servizos, como podería facelo?

Chamando ao teléfono 613118232, ou ben a través do correo sanedisalud@gmail.com. Terían que darme unha breve explicación do que lles ocorre e deixarme o seu número de contacto para poñerme en contacto coa persoa na menor brevidade de tempo posible.

NOTA COMPLEMENTARIA

A  MTCH pode tratar diversos trastornos como:

-Problemas respiratorios: arrefriado común, sinusite, bronquite, rinite, asma…

-Problemas gastrointestinais:  estreñimento,  diarrea, espasmo esofáxico, hiperacidez gástrica, gastrite aguda e crónica, cólon irritable…

-Problemas neurolóxicos: ansiedade, depresión, fobias, cefaleas, hemicrania, neuralxia do trixémino, parálise facial, secuelas de accidente vascular cerebral…

-Problemas bucais: dor de moas, xenxivites…

-Problemas músculo-esqueléticas: ciática, lumbalxia, cervicalxia, cóbado de tenista, tendinite, artrite, tortícole, hernias discais, ombreiro conxelado…

-Problemas da pel: eccemas, dermatite, psoriase, herpes zoster, urticaria…

-Problemas autoinmunes: artrite reumatoide, fibromialxia, esclerose sistémica, esclerose múltiple…

-Infertilidade, problemas menstruais, etc…

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here