InicioEn profundidadeO IES Daviña Rey formará a futuros expertos en Ciberseguridade

O IES Daviña Rey formará a futuros expertos en Ciberseguridade

Falamos con Isaac González, director do centro monfortino, sobre este novo Ciclo de Grao Superior e sobre o resto de oferta educativa de cara ao vindeiro curso 2022-2023.

Publicado o

- Advertisement -

Rematado o curso escolar no IES Daviña Rey de Monforte o traballo continúa estes días xa pensando no vindeiro. “Este foi todo ben pero estamos xa inmersos no seguinte, e ao non haber setembro máis aínda”, refire Isaac González, director do centro.

Aproveitando este tema preguntámoslle como ve el o tema de que non haxa setembro, unha novidade que chega coas súas avantaxes e os seus inconvenientes. Dende o punto de vista do centro, Isaac teno claro, “para nós é unha avantaxe porque podemos prever con máis tempo a cobertura de profesores, dá máis tempo a que cheguen e poidan preparar as clases de cara a organizar as programacións”. Mais tamén apreza inconvenientes, no senso da dificultade que se dá ao xuntarse todo tanto, o fin de curso coa recuperación do antigo setembro. “Vai todo moi xunto, xúntase en pouco tempo o remate do curso coa recuperación… non dá tempo case nin para pensar. Iremos como vai indo co tempo e como o asimila o alumnado”, di Isaac afirmando tamén que os alumnos e alumnas están divididos neste tema, hainos a favor e en contra. Que teñan todo máis fresco para afrontar a recuperación ou unhas vacacións libres de obrigas son algúns motivos para velo en positivo, por exemplo.

OFERTA EDUCATIVA PARA O CURSO 2022-2023

Este pasado martes remataba a matrícula para inscribirse nos ciclos e houbo movemento de matriculación ata o derradeiro momento.

De cara ao vindeiro curso hai dúas novidades importantes na oferta educativa do IES Daviña Rey: a oferta dun Ciclo de Grao Superior de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación e a creación dun novo grupo de Coidados Auxiliares de Enfermería.

O Ciclo de Grao Superior de Ciberseguridade chega ao centro monfortino para impartirse no vindeiro curso 2022-2023. Xunto co CIFP Politécnico de Lugo serán os únicos centros de FP da provincia de Lugo que ofrezan esta formación especializada e de gran demanda actualmente. Para acceder e poder matricularse ao mesmo é necesario estar titulado previamente nun ciclo superior da rama de electricidade ou electrónica.

Ofrécense 20 prazas e a día de hoxe non nos pode confirmar Isaac se se completaron pois non estaba pechada a matriculación. Como curiosidade cóntanos que o profesorado que imparta este curso estivo preparándose durante un ano con especialistas da Xunta de Galicia na materia pois trátanse temas moi específicos e técnicos.

O alumnado aprenderá, entre outras cousas, a definir e poñer en práctica estratexias de seguridade nas empresas mediante a realización de diagnósticos de ciberseguridade e a identificación de vulnerabilidades, podendo ademais executar as medidas necesarias para buscar solucións aplicando a normativa e os estándares do sector tendo en conta a prevención de riscos laborais e o respecto mecioambiental. Os e as tituladas/os futuros, obterán un certificado que acredita a superación do curso de ‘Especialización en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación’ e poderán traballar como expertos, auditores, consultores e analistas en ciberseguridade.

IES Daviña Rey de Monforte / XdL

OUTROS CICLOS

Para o curso 2022-2023 o IES Daviña Rey, no apartado de Ciclos Formativos de Grao Medio, creou un novo grupo de Coidados Auxiliares de Enfermería que se impartirá polas tardes. “Tiñamos un grupo de mañá e agora empliamos con outro pola tarde dada a gran demanda e saída profesional que ten esta formación”, asevera Isaac.

“Ofertouse con 50 prazas e temos constancia de 60-70 interesados/as”, comenta o director do centro engadindo que “en todas as promocións anteriores foise empregando a xente”.

Outros ciclos xa consolidados que se manteñen son: o de Educación Infantil –Grao Superior– e os de Electromecánica de vehículos, Instalacións de telecomunicacións, Atención a persoas en situación de dependencia –Grao Medio–.

Respecto a estes últimos Isaac comenta que os ciclos de Electromecánica de vehículos e Instalacións de telecomunicacións teñen unha gran demanda profesional mais o segundo “e non sabemos porque” –di Isaac– non esperta tanto interese polo alumnado.

No que respecta a F.P. Básica o centro monfortino imparte dúas especialidades: Mecánica do automóbil e Electricidade.

MATRICULACIÓN ESO E BACH

Respecto á matriculación para alumnado que o vindeiro ano curse ESO ou en BACH o prazo de matriculación extraordinaria remata o vindeiro 10 de xullo.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...