InicioEn profundidade“Un día aparecéronme cunha amasadora de cemento”, Vitor Lopes, mecánico

“Un día aparecéronme cunha amasadora de cemento”, Vitor Lopes, mecánico

Este emprendedor pantonés transformou unha antiga carpintería de aluminio nun taller mecánico e ofrece os seus servizos dende o pasado 2021. Ademais de reparacións de vehículos tamén se dedican ao arranxo de todo tipo de maquinaria relacionada co agro.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Aquí vos achegamos a entrevista que lle fixeron a un emprendedor rural, Vitor Lopes, os nosos colaboradores de Segredos de Pantón.

Que é co que máis desfruta do mundo dos vehículos?

Co que máis gozo desta paixón… pois, como din por aí: andarlle nas tripas. Pero tanto dá que sexa un tractor, como un coche, como unha rozadora, todo o que teña motor apaixóname

“Co que máis gozo desta paixón… pois, como din por aí: andarlle nas tripas”

Coche favorito?

Como todo na vida os nosos pensamentos e gustos cambian co tempo. A verdade é que sempre me gustou moito o Citröen Xsara pero a día de hoxe decántome polo Golf 6.

Andar polo monte co coche ou por estradas con curvas?

A verdade polo monte a bicicleta, co coche por estrada con curvas e rectas. Pero sempre con certa moderación que non están as cousas hoxe en día para andar malgastando gasoil.

Cal é a súa formación?

Despois da ESO, fixen electromecánica de vehículos aparte de trece anos na mesma empresa de mecánica de coches, tractores e apeiros, cos seus respectivos cursos nestes anos para seguir avanzando.

Vitor Lopes traballando. Foto cedida

Sabemos que deu comezo a este taller localizado no Castro de Ferreira en novembro de 2021, como foi que decidiu montalo?

Pois decidín facer un pequeno estudo de mercado de talleres na zona, tanto no Saviñao coma en Pantón e decateime que Pantón non tiña practicamente ningún servizo relacionado coa mecánica agrícola e un só taller de mecánica de coches. Entón, mirando o volume de coches e tractores na zona de Pantón e falando con amigos e coñecidos, pareceume unha boa iniciativa montar una empresa de mecánica agrícola e de automóbiles ́. Foi un proxecto longo e duradeiro, de moita obra, permisos etc. Acondicionar unha nave destinada a carpintería e pasala a un taller mecánico, todo un reto. Pasamos moitas horas e días derrubando medios tabiques, quitando entullo e sobre todo limpando. Imaxinade o pó acumulado na nave nuns 40 anos . Tívose que facer falso teito, toda a instalación nova de electricidade, sanear paredes e chans, dar escaiola a todo o interior e logo pintar todo, foron moitos días de traballo.

Acondicionamento do local. Foto: V.L.

“Acondicionar unha nave destinada a carpintería e pasala a un taller mecánico, todo un reto”

Dende que deu comezo a súa iniciativa empresarial como a valora? Como foi a resposta da xente?

Pois valorar, valóroa moi positiva, nestes meses a carteira de clientes non parou de subir e estou moi contento coa resposta da xente e sobre todo moi agradecido.

Cales son os arranxos que máis realiza no seu día a día? E cos que máis desfruta?

Facer fanse avarías de todo tipo, non hai ningunha en especial porque aínda que pareza mentira cada coche é un pequeno mundo. No tempo que levo aquí quizais: embragues, freos, cambios de aceite e filtros, tanto de coches como de tractores. E tamén moito cambio de pneumático. Engadir que nestes meses téñenme pasado moitas cousas que non contaba con elas, das que quedas sorpendido e ao mesmo tempo pégache a risa. Por destacar algunha, un día aparecéronme cunha amasadora de cemento e tívena que arranxar. O máis gracioso de todo é que outro cliente (moi bo cliente por certo) apareceume cun sacacorchos o que lle tiña moito cariño e non quedou outra máis que arranxalo.

“Un día aparecéronme cunha amasadora de cemento e tívena que arranxar”

Se unha persoa non coñecera o seu taller mecánico, que arranxos pode ofrecerlle?

Podemos ofrecerlle en coches: arranxos de todo tipo, mecánica en xeral, cambios de aceite e filtros, diagnose, pre-ITV, alumeado e sinalización, sistemas de control (suspensión, dirección e freos), sistemas de transmisión (embrague, caixa de cambios e distribución) , baterías , alternadores, un pouco de todo. En tractores tamén arranxos en xeral, tanto destes coma de todo tipo de maquinaria agrícola. Sen esquecer que arranxamos desbrozadoras, motoserras,  todo o relacionado co día a día no campo.

Talleres Vitor. Foto: V.L.
Coche de empresa. Foto: V.L.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...