InicioEn profundidade“Iván no comerá las uvas” chegaron a dicirlle os médicos aos meus...

“Iván no comerá las uvas” chegaron a dicirlle os médicos aos meus pais, relata Iván Quiñoá

Este venres día 8 de febreiro a asociación 'Chantada contra o cancro' organiza unha conferencia-coloquio na que participará como relator o sarriano Iván Quiñoá, quen a raíz de superar un cancro decidiu axudar aos demais contando a súa experiencia. Falamos con el.

Publicado o

- Advertisement -

Coincidindo que o luns foi o Día Mundial Contra o Cancro, a asociación Chantada contra o cancro decidiu celebrar este venres día 8 a reunión anual con socios e socias e unha actividade aberta a todo o público. Na reunión, ás 19:00 h., darase conta do traballo realizado nos máis de dous anos de vida da asociación e das novas propostas de traballo de cara a este ano. A continuación, ás 20:00 h.,  terá lugar unha charla-coloquio no Auditorio Municipal de Chantada baixo o título “Visualiza” na que participará como relator Iván Quiñoá, autor do libro “¡Quiero vivir! Un enfermo vital”.

Membros da Asociación Chantada contra o cancro despois dunha Ruta Solidaria. Fonte: CCC

Iván contará a súa experiencia persoal de superación tras serlle diagnosticado con só 16 anos un sarcoma del Ewing, un cancro moi extrano e moi agresivo, e cun prognóstico de 3 meses de vida. Chamámolo para saber algo máis deste caso de “curación contra prognóstico”.

Como chegou ese cancro á túa vida?

Foi no ano 1994. Tiña dores no pescozo que se alongaron no tempo e botámoslle a culpa a unha caída que tiven co cabalo. Viron unha desviación das cervicais e decidiron operarme, despois co collarín saíume un bulto importante e nese momento foi cando viron que había un cancro cara a parte esquerda no ombreiro. O que empezou sendo un caso de traumatoloxía derivou nun caso de oncoloxía.

Nese momento descubriron logo o “sarcoma de Ewing”, un tipo de cancro moi maligno?

Si. Un tipo de cancro raro que afecta aos músculos, aos ósos, aos nervios e no meu caso tamén á columna vertebral.

Déronche a ti ese diagnóstico?

A min dixéronme que tiña unha inflamación. Pero eu non era parvo, ben vin que estaba en oncoloxía e tiña compañeiros vomitando… E o que fixen foi falar cara a cara cos médicos e dicirlle que quería saber o que tiña, que me deran o informe. Sabendo o nome do cancro busquei información por onde puiden, documenteime pola miña conta.

Eras pequeno pero demostraches personalidade e iniciativa.

Eu decidín enfrontarme ao cancro e non autoenganarme. Estou convencido, e a min foime ben, que é mellor saber, coñecer o que tes e enfrontarte que mirar para outro lado e facer como que non pasa nada. Era o ano 1994 e xa había estudios que aconsellaban enfrontarse e ser positivo para superar este tipo de enfermidades e non caer no pesimismo ou no conformismo.

Algún reproche para os médicos que te atenderon?

Pois si, faltoume por exemplo escoitarlles algunha frase do tipo “pois si, imos a por todas!”. Notei bastante falta de empatía e vía que estaban moi condicionados polo diagnóstico e centrados só no tratamento médico. Ata cheguei a escoitar como o médico lle dicía aos meus pais “Iván no comerá las uvas”, como quen non hai nada que facer.

Non será un problema para a medicina estar tan condicionada polas estatísticas?

Igual si. A min dixéronme que o 99% das persoas con sarcoma de Ewing en estado avanzado morrían. E eu decidín non querer ser parte das estatísticas e incluso romper os protocolos porque pensaba que eu “tampouco era un protocolo”.

Tiveches que buscarte a vida, por dicilo dalgún xeito, no “tratamento emocional”?

Pois si. Decidín agarrarme á actitude vital que sempre tiven e visualizar en positivo. Un traballo mental con moita disciplina no que me axudou moito un curmán de miña nai, César Díaz, que é Doutor en Políticas. Axudoume a dirixir os pensamentos, a eliminar os medos, a realizar exercicios de visualización mental véndome facer todas as cousas que me facían feliz. Exercicios de mentalización e moita disciplina.

“Visualiza”, título da charla do venres, é unha técnica que bautizaches ti así?

Cando vin morrer aos compañeiros do hospital e me viña o medo á morte fixen unha reflexión que foi moi terapéutica para min: “Tes medo?, non teño tempo a ter medo”. O de ‘visualizar’ é o método que seguín eu, imaxinar, ver imaxes en positivo, ter consciencia de emocións, sensacións. Trátase de enfocar as emocións a un pensamento positivo, agarrarte a todo o bo e verte no mellor dos escenarios sempre.

Semella doado pero non debe selo, e máis cando un está padecendo tanto?

Claro que é, pero para min non tanto. A radioterapia e a quimioterapia é moi agresiva. Eu era un rapaz forte e adelgacei 38 quilos. Había días que non me podía erguer da cama, e nese momento visualizaba que nadaba ou que corría e xa me podía incorporar e andar un pouco. Vouche contar tamén unha anécdota co médico e miña nai. Estaba eu fatal ese día, tiña pulmonía e estaba que non podía nin abrir os ollos e miña nai comigo. Entrou o médico na habitación, e falando con ela escoiteille: “de hoxe non pasa, non podemos facer nada por el”. E eu, abrín os ollos e sorrín.

E con esta forte personalidade e positivismo gañácheslle a batalla ao bicho?

Pois si. Todos os meus compañeiros do hospital morreron e eu non. Déronme 3 meses de vida e ao mes xa desaparecera o tumor nun 20-30%. Incluso repetiron as probas porque os médicos non o crían. E aos 4 meses de tratamento xa non aparecía nada nas probas, os médicos flipaban.  Os facultativos dándolle o mérito ao tratamento e eu creo que axudou, é verdade, nunca direi a ninguén que renuncie a el pero creo que foi moi importante a miña actitude e tamén, supoño, algo de sorte.

E dende aquela todo ben?

Si, fixen probas e no 1995 xa me dixeron que estaba todo controlado. Incluso me dixeron que había un 99% de posibilidades de recaída e non a houbo (risas).

E todas esas vivencias son as que saen no teu libro?

Si. Estando no hospital decidín ir escribindo o que me ía pasando nun diario. Anécdotas, situacións, experiencias, etc. Axudoume moito. Pero o libro non saíu ata finais do 2016. Antes, dende o 1998 aproximadamente -deixei pasar 3 anos de parón mental- empecei a dar charlas para axudar á xente co meu relato.

Actualmente Iván ten 40 anos e imparte charlas por todo o mundo dando a coñecer a súa historia de vida contra todo prognóstico e dende unha actitude positiva fronte á vida. Escribe artigos, no 2015 foi embaixador de agradecemento da plataforma 100Thanks e o ano pasado iniciou unha actividade pioneira en Galicia, un campamento para nenas e nenos con cancro na Granxa do Souto organizado por Asotrame, un centro de actividades ecuestres de Ortigueira.

As vendas do libro van íntegras para asociacións de loita contra o cancro e polo que conta a Xornal de Lemos non ten ningún tipo de ambición en converterse nun gurú da superación persoal nin da motivación.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...