InicioMedio ambiente e PatrimonioRestauración das pinturas murais de San Vicente de Pinol en Sober

Restauración das pinturas murais de San Vicente de Pinol en Sober

A Consellería de Cultura e Turismo publica que se saca a licitación o contrato de restauración das pinturas murais da nave principal da igrexa de San Vicente de Pinol, no Concello de Sober, cun orzamento de 137.000 euros.

Publicado o

- Advertisement -

Este conxunto pictórico de gran valor histórico e artístico permanecía na súa maior parte oculto cuberto pola cal. Os traballos realizaranse nos muros norte e sur da nave e o arco triunfal que os une. Hai áreas nas que se fixeron catas polas que asoman os elementos iconográficos ademais de zonas desencaladas que tamén precisan dunha restauración. O estilo das iconografías sitúase como obra de principios do século XVI, á maneira hispano-famenca.

Neste sentido, entre os danos principais que é necesario reparar figuran o encalado de toda a superficie e os desencalados parciais que produciron perda de policromía; isto sucede sobre todo nas catro escenas localizadas baixo o coro. Aprécianse grandes oquedades entre o morteiro e o muro en todo o paramento -en especial no enlucido na zona inferior do coro- así como colonizacións biolóxicas e manchas de escorrentas.

O pasado ano, a Consellería investiu 154.000 euros na primeira fase de obras nesta igrexa, consistente en reparar danos na cuberta, os paramentos e outros elementos estruturais, actuación imprescindible para poder acometer agora a recuperación das pinturas.

O contrato que agora se licita inclúe a redacción do proxecto de intervención para restaurar as pinturas, a execución material dos traballos e a realización de informes de seguimento e de resultado. O prazo de execución será de nove meses dende a sinatura do contrato, e as empresas interesadas en concorrer á licitación teñen de prazo ata o día 12 de xuño para presentar as súas ofertas.

A igrexa parroquial de San Vicente de Pinol está protexida polo seu valor cultural ao estar incluída no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. É de estilo románico de comezos do século XIII, estruturada mediante unha planta de cruz latina e ábsida rectangular cuberta por unha bóveda de canón, e cunha cuberta de madeira a dúas augas sobre a nave. Hai dous engadidos posteriores á estrutura inicial da igrexa: a sancristía situada no lateral norte da ábsida e outro habitáculo no sur da ábsida.

Achégase nota de prensa enviada pola Xunta sobre a restauración das pinturas de Pinol e valoración do alcalde de Sober en funcións, Luis Fernández Guitián.
Este anuncio fai que o alcalde en funcións do Concello de Sober, Luis Guitián, agradeza á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que acometa esta obra “Era un obxectivo importante para nós porque, por un lado son unha pinturas fantásticas e, por outro porque é un elemento de dinamización turística máis do Concello. Tamén era un dos obxectivos que levamos no noso programa electoral, co cal empezamos xa cumprindo parte do programa.”
 

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....