InicioMedio ambiente e Patrimonio"Moita xente está mirando para a Ribeira Sacra, para a Terra de...

“Moita xente está mirando para a Ribeira Sacra, para a Terra de Lemos e para A Pobra do Brollón”, Xurxo Ayán, arqueólogo

O proxecto Adegas da Memoria, iniciativa do Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá, desenvolvía escavación arqueolóxica nos Conventos, na parroquia de Vilachá. Buscábase o mosteiro medieval de San Martiño de Piñeira. No último día de traballo, a piques de rematar, o equipo arquelóxico, dirixido por Xurxo Ayán, atopa restos humanos que fan pensar na prehistoria. Falamos co arqueólogo Xurxo Ayán.

Publicado o

- Advertisement -

Os traballos comezaran o 6 de maio, como data simbólica por coincidir coa Feira do Viño de Vilachá e remataban o 21 de maio co achado dos ósos.

Que se sinte, cando no último momento, aparece algo así?

É moi emocionante, en Galicia a terra é moi ácida e a arqueoloxía non é moi agradecida. Atopar nun lugar como O Portiño é moi grato, xa pasou algo parecido no Castro de San Lourenzo, con Atilano, pero isto foi máis espectacular porque foi no último momento. Estabamos rematando de limpar unha estancia e atopamos no fondo de todo, nunha fenda na rocha, unha cista, que é un enterramento funerario secundario. Aí aparece o cranio, dous ósos longos e unha vértebra.

Xurxo Ayán / fotosderianxo.com

Que vos dí que estamos ante un home ou muller prehistórico/a?

Certamente púxoselle Fructuoso, pero podería ser Ilduara. Cando viñemos aos Conventos cos veciños, vimos un lugar diferente que non se axusta ao de sempre. É como un museo fósil que quedou aí. Cando o Concello desbrozou o lugar e limpou, vimos que aquí pode estar condensada a historia da evolución da Ribeira Sacra.

Aquí temos o río Sil, unha fronteira e un espazo sagrado desde a prehistoria, imos pasando polos distintos periodos e ubicámonos no medievo, cando se desenvolven os eremitorios e un culto rupestre que cremos que vén de antigo. Isto é moi interesante porque nós iamos á percura do Convento de San Martiño de Piñeira, que hai un documento do século XII que xa fala del; seguían a regra de San Fructouso de Braga. Aquí atopamos mostras de cerámica desta época. Baixo o nivel medieval, no último momento, atopamos un tipo de enterramento que non é cristián, nin medieval, aparetemente; e que nos pode remitir a cousas da prehistoria. Estamos vendo tamén que ese enterramento non está só, hai máis evidencias de posibles enterramentos ao carón que é o que vai xustificar unha segunda campaña de escavación.

Aparece Fructuoso ou Ilduara, e agora que pasa?

Ademais da investigación arqueolóxica, este traballo ten unha parte importante de burocracia. Agora hai que presentar informes para Patrimonio e captar recursos para seguir a liña iniciada. A nivel de investigación hai que facer o informe valorativo, xa se seleccionou unha vértebra do individuo para datar por carbono14. Isto está financiado polo Instituto de Ciencias do Patrimonio-CSIC, e temos que facer un estudo osteolóxico e unha diagnose do estado de conservación dos restos óseos, para ver se se pode facer ADN, analítica de isótopos estables… Levará uns días. Despois faremos o estudo sistemático de toda a cerámica medieval que atopamos que é moi importante, porque fala dunha ocupación importante probablemente no século XIII,… será un traballo duns 2 – 3 meses. As primeiras datacións do individuo contamos telas para comezos de xullo.

Escavación Os Conventos / Adegas da Memoria

A continuidade das escavacións na zona de que depende?

O que dea a datación do carbono14 será un bombazo porque se é da Idade de Bronce estaremos ante o osos conservados máis antigos en Galicia.  Se é da época castrexa, o grande misterio dos castros era que facían cos mortos, e se é da época medieval estanos remitindo a un ritual non moi ortodoxo.

Están todos os frentes abertos, pero que aquí hai un proceso de cristianización dun espazo antigo e que hai máis enterramentos eso sí que o temos claro e sería importante seguir escavando. Este traballo fíxose grazas á Asociación de Veciños de Vilachá e ao Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración do CSIC, agora hai que buscar novos recursos.

En Galicia, a falta de coñecer os resultado do C14 de Fructuoso/Ilduara cales son os restos óseos máis antigos?

Por exemplo, fai un par de anos na illa de Areoso atopouse unha mandíbula de hai 2.300 anos época castrexa, prerromana. No leste das serras de Galicia hai caliza e consérvase mellor, temos a famosa Elba, pastora calcolítica do 2.300 antes de Cristo.

Os resultados que se están obtendo co voso traballo, a implicación do Concello e a colaboración vecinal, son positivos a todos os niveis. Parecen iniciativas que deberían desenvolver todos os concellos, como arqueólogo que opina Xurxo Ayán?

Hai falta de vontande política de apoiar este tipo de intervencións e de considerar as pedras como unha ferramenta de futuro, considerar o patrimonio como unha ferramenta para o verdadeiro desenvolvemento rural e como un elemento dinamizador do rural.

Na Pobra do Brollón lévase anos apostando por isto. Por aquí pasa o Camiño de Inverno e con vistas ao Xacobeo 2021 é importante, o mesmo que todo o proceso de declaración da Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. A Pobra do Brollón está sendo o eixo vertebrador dunha maneira de facer as cousas, estudos científicos, pero tamén tendo en conta ás comunidades locais; coñecer a historia de como se foi conformando esta paisaxe cultural.

O Castro de San Lourenzo 2016 foi un proxecto desde abaixo, feito pola asociación de veciños, con aportacións particulares. Daquela ningunha administración se interesou por nós, salvo o concello, e iso non pode ser. Xa levamos 4 anos e estes proxectos estúdanse en universidades británicas e estadounidenses, España, Portugal,… Moita xente está mirado para a Ribeira Sacra, para a Terra de Lemos e para A Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...