A capela da Virxe do Faro, novo atentado contra o patrimonio?

Por Chantada CUP demanda actuacións e explicacións da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta ante o que califican de constantes alteracións do patrimonio colectivo da veciñanza de Chantada.

Capela do Faro / Por Chantada CUP

Desde Por Chantada CUP aseguran que no caso da capela do Faro se foron perdendo e degradando os elementos patrimoniais con actuacións como o movemento macizo de terras e instalación do zócolo, a retirada do derradeiro claustro/corredor do século XVIII, a persistencia do solo con pedra serrada, a instalación de calexas de zinc, a utilización de uralita no tellado por baixo da tella, o precintado e lavado da pedra dos muros da capela ou a persistencia de xanelas de aluminio.

Segundo Por Chantada a nova capela pouco ten que ver coa orixinal “o novo conxunto converteu un dos maiores símbolos da relixiosidade popular da zona, a capela da Virxe do Faro -ateigada no Faro pequeno (15 de agosto) e no Faro grande (8 de setembro)-, nunha construción que semella unha casa do rural arranxada por fases e desde o “ti vai facendo””.

Capela do Faro / Por Chantada CUP

Ao caso da capela do Faro engaden outras actuacións que, segundo Por Chantada, foron en contra do patrimonio en lugar de melloralo. Sinalan como antecedentes o fresado e roturación das mámoas do Monte Cabeza na Serra do Faro; as “continuadas agresións” ao Mosteiro de San Salvador de Asma, declarado BIC; o derrube do conxunto etnográfico da Alameda de Chantada ou a destrución dun camiño lousado histórico en Belesar.

Por Chantada CUP quere saber se estas actuacións contan con autorizacións de Patrimonio e demandan toda a información sobre as mesmas. Pídenlle a Patrimonio que adopte “medidas inmediatas e eficaces para contribuír como organismo público ao mantemento do patrimonio en tanto en canto ben común colectivo.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here