Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, apunta á intencionalidade do lume da parroquia de Hospital

O rexedor quirogués amosouse convencido este luns de que este gran incendio, que se atopa xa controlado tras queimar máis de 150 hectáreas, foi intencionado.

Julio Álvarez. Foto de arquivo: RTMQ Quiroga

O rexedor puntualizou que ese foco “provocado” acontecía na súa propia parroquia, en Hospital, e baséase para chegar a esta conclusión en que o lume comezou “á beira dunha pista e ía con toda a mala intención do mundo”.

Iso respecto a este primeiro incendio, o máis devastador da fin de semana que finalmente se deu por controlado na tarde do domingo, mentres que outro na parroquia de Enciñeira afectou a máis de 52 hectáreas e tamén quedaba controlado na mesma xornada. En canto a este segundo lume, o alcalde de Quiroga dixo descoñecer se foi ou non intencionado.

Álvarez tamén insistiu en eloxiar aos servizos contra incendios da Xunta de Galicia, pois segundo comentou foron quen de atallalos en lugares diferentes do municipio e telos controlados en 24 horas.

“Hai que agradecerlle e sobre todo felicitar ao servizo de extinción de incendios da Xunta polo traballo extraordinario e case máxico que fan”, expresou finalmente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here