Fotografar a ‘Festa dos Fachós’ ten premio

O Concello de Castro Caldelas convoca, por primeira vez, un concurso fotográfico para inmortalizar esta celebración que terá lugar o domingo 19 de xaneiro.

Festa dos Fachós en Castro Caldelas. Foto: Concello

Nace unha nova iniciativa para incentivar a participación e difundir o valor cultural tanto da Festa dos Fachós como da vila de Castro Caldelas. Trátase do “I Concurso Fotográfico Festa dos Fachós” no que poden participar todas as persoas interesadas, sexan ou non fotógrafos profesionais. Segundo as bases, as fotografías deben ser inéditas, non ter recibido ningún premio antes e poden presentarse en dúas categorías: na modalidade de “Festa dos Fachós” e/o na modalidade “Visións de Castro Caldelas”. Na primeira opción o tema é a preparación e celebración da festa, e na segunda todo o relacionado cos bens artísticos, culturais, etnográficos, naturais, etc que conforman a vila de Castro Caldelas e a súa contorna.

Cada concursante pode presentar 4 fotografías enviándoas por correo electrónico a concurso.concellocastrocaldelas@gmail.com -sen identificación algunha- e de xeito paralelo facendo chegar ao concello os datos que o/a identifiquen en sobre pechado por correo ordinario onde indicará tamén o email para identificar as obras. O prazo de presentación das imaxes a concurso relacionadas coa Festa dos Fachós remata o 28 de febreiro deste ano, e para as relacionadas con Castro Caldelas a data límite será o 6 de novembro de 2020. Os premios para as 2 modalidades serán de 400 euros para o primeiro e 150 para o segundo concursante sendo un xurado o que decidirá quen son os premiados/as.

Todas as fotografías finalistas pasarán a formar parte dunha colección do concello e as relativas á Festa dos Fachós formarán parte dunha exposición que se poderá visitar no Salón Nobre do Castelo a partir do 1 de marzo deste ano.

Ademais deste certame fotográfico o concello organiza por segundo ano o “Concurso de Debuxos Festa dos Fachós”. Está dirixido a alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria de Castro Caldelas. O prazo de entrega dos debuxos remata o 30 de xaneiro deste ano e as obras finalistas quedarán en poder do concello que tamén as expoñerá no Castelo ao igual que as fotografías. Haberá 2 premios por cada categoría -infantil, primaria e secundaria- que consistirán, ademais dunha tablet para o gañador de secundaria, en diplomas, lotes de libros, material de debuxo, gorras e camisetas.

Fachós 2018 / Ester Alais

A FESTA DOS FACHÓS

Será este domingo, 19 de xaneiro, en Castro Caldelas. Como cada ano comeza arredor das 19:30 h, “entre lusco e fusco”, coa procesión de fachós que percorre a zona vella e arrodea o castelo encabezada polo ‘gran fachón de palla’ que adoita pasar os 30 metros de lonxitude. Dacabalo deste fachón vai a figura, tamén en palla, de San Sebastián, patrón da vila.

Trátase dunha das tradicións de culto ao lume máis representativas do país e está recoñecida como ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’.

Despois da procesión, a festa continua no Adro da Igrexa do Santuario dos Remedios onde se queima o que queda do gran fachón nunha gran fogueira. A continuación cómense chourizos do lugar asados con leña de carballo e bébese viño da Ribeira Sacra acompañados da música, nesta ocasión a cargo dos Airiños de Caldelas, da Charanga TDB, da Charanga de Muíños e do grupo de Gaitas Os Trabazos. Entrando na madrugada queimada para todos/as e foliada polos bares da vila.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here