A Xunta leva a Fitur a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Entregoulle ao Ministerio a documentación para a súa revisión e envío á Unesco.

Viñedo D.O. Ribeira Sacra / D.O. Ribeira Sacra

A Xunta entregou ao Ministerio de Cultura e Deporte a documentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Falta revisala e enviala á Unesco, algo que ocorrerá, previsiblemente, neste mes de xaneiro.

Así o avanzou este mércores en FITUR o titular de Cultura e Turismo do goberno galego, Román Rodríguez. O conselleiro apelou á prudencia e explicou a complexidade dos trámites, que van do local ao global, para a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial.

“Cumprimos os nosos deberes e seguiremos sendo alumnos aplicados para estar na mellor das disposicións e lograr que 2021 sexa o ano de Galicia, polo Camiño de Santiago e o Xacobeo, pero tamén o ano da Ribeira Sacra e o seu excepcional legado”, sinalou Rodríguez.

O conselleiro puxo en valor a “coordinación coas diferentes administracións” para “lograr este fito” e “poñer en valor un territorio vivo e cun patrimonio extraordinario”. Neste sentido, destacou que a Ribeira Sacra é unha zona cada vez máis coñecida e valorada dentro e fóra de Galicia, xa que se incrementou en 14 puntos porcentuais a demanda estranxeira.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here