InicioMedio ambiente e PatrimonioAxudas para embelecemento e mellora paisaxística do Camiño de Inverno

Axudas para embelecemento e mellora paisaxística do Camiño de Inverno

A Xunta concede axudas por importe global de 88.300 euros a cinco particulares e aos concellos de Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e O Saviñao para acometer accións de mellora paisaxística no Camiño de Inverno.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Estas subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento das Rutas Xacobeas e o Goberno galego financiará o 75% das intervencións propostas polos beneficiarios, entre as que figuran actuacións en elementos que xeren un impacto visual nos distintos itinerarios ou a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego.

As axudas están divididas en dúas categorías en función do solicitante. No caso da primeira delas, dirixida ás entidades locais, o Goberno galego achegará 41.200 euros para financiar actuacións de conservación da Ponte de Barxa e de mellora da pavimentación do tramo no municipio da Pobra de Brollón; a adecuación do entorno da escola de Montecelo-Diomondi no Saviñao, e o embelecemento do exterior e o entorno do centro social de Reigada en Monforte.

No que atinxe á segunda liña, destinada a persoas físicas e xurídicas titulares dalgún elemento situado na Ruta Xacobea, a Xunta achegará 47.100 euros para financiar o arranxo de muíños, hórreos e muros de peche propostos por cinco particulares, dous deles no municipio de Chantada e os outros nos de Quiroga, Monforte e Pantón.

Cinco ámbitos de actuación

As subvencións incluídas neste plan enmárcanse en cinco ámbitos de actuación. O primeiro deles céntrase en intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna e inclúe accións de valorización, mantemento, consolidación ou restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar.

O segundo contempla actuacións sobre casas e eiras, como melloras nas fachadas e nas cubertas empregando materiais propios da zona; mentres que a terceira liña abrangue intervencións no espazo agrario co fin de reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico como naves, silos ou casetas. As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago complétanse con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe ou actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos do mobiliario urbano que polo seu estado de deterioro ou as súas características físicas resulten alleas á contorna da Ruta Xacobea.

Esta liña de axudas compleméntase coas diferentes actuacións impulsadas pola Xunta na antesala do Xacobeo 2021. Entre esas accións, e co obxectivo de que os distintos trazados cheguen a esta cita no mellor estado posible, puxéronse en marcha accións de mantemento e sinalización incluídas no eixo Soporte do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, que ten por obxectivo a mellora das infraestruturas dos Camiños de Santiago na antesala do vindeiro Ano Santo.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...