InicioMedio ambiente e PatrimonioQuiroga apúntase á enerxía sostible contra o cambio climático

Quiroga apúntase á enerxía sostible contra o cambio climático

O Concello de Quiroga reducirá a emisión de gases de efecto invernadoiro nun 40% antes do 2030. Así o recolle o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible que vén de aprobar a Xunta de Goberno Municipal e que terá que ser ratificado pola corporación na vindeira sesión plenaria.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A corporación Municipal  decidiu unanimemente, no pasado mes de  febreiro,  unirse á iniciativa europea do Pacto de Alcaldes polo Clima e a  Enerxía, o maior movemento mundial de autoridades contra o cambio climático. Isto implica adoptar as medidas necesarias para reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.

Agora  preséntase un plan de acción, elaborado coa colaboración da  Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, que garanta os  obxectivos adoptados pola Unión Europea para  frear o cambio climático. Estas medidas, que consistirán  na redución de consumos  enerxéticos e na substitución de  enerxías fósiles por renovables,  aplicaranse sobre edificios, instalacións,  equipamentos e transporte; e no  tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos.

O Plan de acción para o Clima e a Enerxía Sostible de Quiroga, que implica a todos os departamentos municipais, ten dúas  partes: o Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Plan de Adaptación ao Cambio Climático.

O  primeiro ten como obxectivo a  descarbonización do territorio municipal,  reducindo as súas emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030. Co desenvolvemento deste plan o Concello de Quiroga  tenta acadar a neutralidade climática para o ano 2050,  obxectivo asumido pola Política Europea do Clima.

A segunda parte do plan de acción  refírese á adaptación ao cambio climático. O plan  recolle unha serie de accións que no futuro farán ao municipio  quirogués menos vulnerable aos riscos climáticos aos que é especialmente sensible nestes momentos.

 A  maior parte da redución das  emisións recaerá sobre o sector dos edificios e do transporte.  Accións importantes no sector dos edificios son  a renovación do  alumeado e a iluminación exterior e a instalacións de biomasa nalgúns edificios  municipais, no que xa se traballa dende o ano 2010; a concienciación dos empregados e usuarios dos servizos municipais para un uso responsable e eficiente da enerxía e a substitución dos contratos de subministración eléctrica pola compra de  enerxía verde. No sector residencial o máis importante é o fomento e o impulso das  enerxías renovables, para o que o  esforzo dos veciños e do sector privado é fundamental.

No sector do transporte poñerase en marcha un Plan de  Mobilidade Sostible, mellorarase o parque móbil municipal coa adquisición de vehículos híbridos e  incidirase na implantación de recarga de vehículos eléctricos en puntos concretos do municipio.

O desenvolvemento dun programa de composteiros comunitarios e individuais, suporá unha importante  redución de emisións no ciclo de residuos; así como a incidencia no uso responsable da  auga.

No Plan de Adaptación  ao Cambio Climático contémplanse medidas  fronte aos riscos aparellados ao cambio climático, como son as secas, as temperaturas extremas ou as chuvias torrenciais. Un plan de emerxencias municipais e a posta en marcha das accións do plan fronte ao risco de incendios forestais aprobado recentemente centrarán as medidas  deste apartado.

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...