Maquinarias pesadas destrúen o castro de Chavaga

As deputadas Lidia Senra e Paula Verao critican a deixadez da Administración e perminisividade que adoita ter cos intereses dos madeiristias, aínda que se sexa a costa de destruír o territorio

O Castro de Chavaga deteriorado polos traballos dos madeiristas/EP

No Val de Lemos existen unha multitude de castros como son o de Baamorto e Cinsa, o de Caneda, o de Riaño no Fabeiro, o da Coroa en Chavaga, o de Fiolleda, o de Feixóo e A Regueira en Marcelle, o de San Vicente en Monforte, os de Castela de Paderne e Castrió da Ciudá en Moreda, o das Nocedas, o da Parte, o da Penela, o Castelo Pequeno, Castelo Grande e Cornado en Reigada, o de Rozavales, o do Eivedo, o de Tor, o de Susao en Sindrán, o da Vide, o da Pena da Mura en Vilamarín ou o de San Lourenzo en Cereixa.

Aínda que moitos están sen catalogar e outros moitos pendentes de descubrir, a riqueza do patrimonio do val de Lemos é indiscutible. A falta de interese por parte das administracións que non aportan financiación suficiente para este tipo de estudos nin protexen a súa conservación no tempo, fai que sexan os propios veciños os que manteñan viva a historia e as lendas destes espazos patrimoniais.

Estado actual do Castro de Chavaga por mor dos madeiristas/EP

En outubro de 2017 unha vaga de incendios sen precedentes queimou boa parte dos montes do sur lucense. As lapas destruíron todo o que atoparon ó seu redor para deixar no esquecemento unha gran parte do noso pasado. Na parroquia de Chavaga, unha das grandes afectadas por esta catástrofe ambiental, o lume causou grandes desfeitas.

Unhas desfeitas que continúan meses despois ao tentar retirar esa madeira queimada. Unha madeira que se está recollendo con maquinaria pesada e que desfixo boa parte do castro de Chavaga. Así o denuncian a  eurodeputada Lidia Senra e a deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Verao,

Ambas visitaron persoalmente este castro onde puideron comprobar o deterioro que están a provocar os continuos traballos de tala e retirada da madeira que ardeu nos devanditos incendios. Rodeiras interminables ata a cima do castro e pegadas da maquinaria pesada que está a traballar na zona para talar as árbores queimadas, son as consecuencias duns traballos feitos sen pensar, nin por un momento, no valor patrimonial da zona. Tanto é así, que algúns dos muros de pedra do xacemento castrexo, están completamente derruídos.

Lidia Senra e Paula Verao no Castro de Chavaga/EP

Ante tal situación, nos vindeiros días será presentada, por escrito e ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, unha reclamación de responsabilidades e solicitude de investigación do alcance dos danos acaecidos. Igualmente, tamén se solicitarán os permisos pertinentes que concede a Consellería para este tipo de talas, remoción de terras ou repoboacións forestais nas contornas de protección.

Seguindo este liña de denuncia, Lidia Senra ten previsto presentar un escrito á Comisión Europea denunciando a situación que se está sufrindo en Chavaga nun 2018 que é o Ano Europeo do Patrimonio Cultura. Paula Verao tamén presentará varias iniciativas no Parlamento Galego referidas á situación de perigo e deterioro do castro.

Deste xeito, comprobará se a Xunta concedeu os permisos pertinentes e solicitará á Dirección Xeral de Patrimonio unha valoración do estado do xacemento, dada a afectación dunha posible terraza dos castro. A deputada galega afirma que, “o desleixo da Xunta con respecto ós castros de Lugo é unha constante, permitindo destrozos por parte da industria da madeira”.

 

 

 

1 COMENTARIO

  1. […] A comezos do mes de agosto, Lidia Senra e Paula Verao visitaron o Castro de Chavaga para ver, in situ, as actuacións que se estaban levando a cabo na zona de Chavaga de retirada da madeira queimada tras os incedios do pasado mes de outubro. Nese momento, denunciaron que a actuación da empresa madeirista encargada de facer o traballo, estaba a usar maquinaria pesada na zona, co conseguinte risco que supoñía para o patrimonio da zona. […]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here