20.000 euros para a fonte de Óutara e a ponte de Barxa de Lor na Pobra do Brollón

A Xunta financia as actuacións destinadas a rehabilitar a fonte de Óutara e a recuperar a ponte de Barxa e a súa contorna, espazos da Rede Natura que forman parte da Ruta do Ouro e do Ferro e do Camiño de Inverno.

Ponte Barxa de Lor / Concello da Pobra do Brollón

A ponte de Barxa de Lor limparase e eliminaranse residuos, faranse labores de control de matogueiras que invaden as zonas de paso e instalarase nova sinalización. No lugar da fonte de Óutara prevese a construción da propia fonte en pedra, a demolición do formigón e construción de muros de mampostería de laxas de lousa e unha soleira de pedra, revestimento dos bebedeiros e  canalización das augas sobrantes.

Este proxecto corresponde a unha convocatoria de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, segundo informou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O delegado subliñou que a Xunta colabora co concello da Pobra do Brollón “para impulsar e potenciar os recursos naturais, que son fonte de riqueza social, medioambiental e económica, no marco dun desenvolvemento sustentable”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here