InicioMedio ambiente e PatrimonioAs adegas medievais de Vilachá de Salvadur, as esquecidas nos plans de...

As adegas medievais de Vilachá de Salvadur, as esquecidas nos plans de promoción da Ribeira Sacra?

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur solicita á Administración pública máis compromiso coas adegas medievais como elemento patrimonial único na Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O pasado venres, 3 de setembro, o Diario Oficial de Galicia publicaba a entrada en vigor do Plan de Acción da Paisaxe da Ribeira Sacra. Este documento recolle itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos por varios lugares e concellos desta zona.

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur lamenta que, “unha vez máis, a Administración non teña en conta a súa parroquia nos plans de promoción da Ribeira Sacra.” Dende a asociación reclaman unha maior implicación por parte das entidades públicas para a conservación, mellora e promoción das adegas de Vilachá (A Pobra do Brollón), que foron declaradas BIC e que son un elemento único polo seu carácter etnográfico.

Dende o comezo da candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, a parroquia de Vilachá de Salvadur aínda non obtivo ningunha axuda nin apoio para a posta en valor tanto do BIC como doutros elementos patrimoniais. Dende a asociación indican que amosaron a súa vontade de colaborar coa Administración, “dende un diálogo construtivo e totalmente desinteresado.” Tamén solicitaron a inclusión na Mesa Interdepartamental da Ribeira Sacra e o Consello de Parroquias, pero non recibiron resposta de ningunha delas.

A organización veciñal considera importante a inclusión destes espazos con alto valor etnográfico nun pacto de promoción dos valores naturais, culturais e patrimoniais da Ribeira Sacra. Ademais cren oportuno incluír outros elementos de interese, e que encaixarían coas liñas do citado plan presentado pola Xunta, como son o miradoiro da Capela ou a posta en valor do trazado histórico do Camiño de Inverno, que esta asociación leva reivindicando á espera do ditame final da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

A asociación tamén solicita unha mellora da sinalización. Por este motivo, hai meses pediron formalmente ao Ministerio (tramitado por medio do Concello da Pobra do Brollón) un sinal na N-120 á altura do desvío á Pobra e Vilachá que aínda non tivo resposta. Igualmente reclaman sinais para o xacemento castrexo do Castrelao (que este ano será obxecto de estudo arqueolóxico grazas ao apoio da Deputación de Lugo ao proxecto presentado pola Asociación de Veciños/as de Vilachá) e para Os Conventos.

Por último, dende a asociación fixeron chegar ao concello un documento con varios propostas para presentar ante o Consorcio da Ribeira Sacra. Este documento inclúe a reposición do panel panorámico no miradoiro da Capela, a protección dos elementos patrimoniais como as mámoas ou un proxecto de renovación do Museo do Viño.

ÚLTIMAS

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...