Presentado en Pantón o programa de prevención de incendios ‘O que non arde’

Mónica Freire, deputada de Medio Rural, mantivo este mércores en Ferreira de Pantón un encontro con representantes de comunidades de montes veciñais en man común no que expuxo as liñas de axuda ao pastoreo postas en marcha pola área provincial da Deputación de Lugo dentro desta estratexia de prevención.

Mónica Freire en Ferreira de Pantón. Foto: Prensa Deputación de Lugo

“O que non arde” é un programa de axudas da Deputación de Lugo dirixidas ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común da provincia de Lugo, e ás súas agrupacións, baixo calquera forma xurídica (agás a sociedade mercantil), destinadas á xestión forestal conxunta.

O obxectivo das mesmas é a posta en marcha de actuacións de silvicultura preventiva que contribuirán a prever e minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes.

Na xuntanza deste mércores 20 de outubro en Fereira de Pantón, a deputada provincial Mónica Freire incidiu “na importancia da prevención nas políticas públicas contra os lumes forestais, un dos elementos centrais da problemática do campo galego e unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural” e explicou que  “o que non arde parte desa premisa e pon a disposición das comunidades de montes recursos para poñer en marcha actividades como pastoreo que aseguran un aproveitamento produtivo dos terreos ao tempo que os manteñen libres de biomasa”.

As comunidades de montes interesadas nesta liña de subvencións poden solicitar achegas para pastoreo con gandería extensiva no ámbito de influencia das faixas de xestión de biomasa e nos laterais das vías municipais, así como para elaborar plans de aproveitamento silvopastoril. Tamén se ofrece a posibilidade de optar a axudas destinadas a temas máis burocráticos como poden ser a investigación da propiedade ou mesmo a resolución de discrepancias catastrais, xestións administrativas que repercuten na mellora organizativa e estrutural das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

Desde a área de Medio Rural incidiron na importancia da liña destinada á elaboración dos plans de aproveitamento silvopastoril, un documento que será obrigatorio de cara a inscribir os terreos no rexistro públicos de terreos forestais ´de pastoreo e solicitar as correspondentes axudas da PAC.

BENEFICIARIOS E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

A convocatoria está aberta a todas as comunidades cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, así como aos comuneiros e arrendatarios que realicen un aproveitamento deses terreos de maneira individual. As achegas poden chegar, en función das accións para as que se soliciten, ata os 6.900 euros.

As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 28 de outubro, achegando  a documentación indicada nas bases da convocatoria, dispoñible na web da Deputación de Lugo e publicadas no BOP do 29 de setembro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here