Cousas Xacobeas: O paso do Camiño pola parroquia de Maside I

Os peregrinos que querían evitar o paso pola Vila (así chamaban á poboación xurdida a carón das igrexas de San Salvador e de Santa Mariña de Sárria) podían seguir polos ramais coñecidos como “Camiños de Fora”, alcanzado por calquera dos dous a Ponte da Áspera.

San Lázaro

O primeiro destes camiños, o do Sur, ía dende a Ponte Ribeira aos peares ou pasais de San Miguel, no río Celeiro (o medieval río Barbadelo), non lonxe da Rañoá e do Castro das Paredes, e pasado o Marco dos Esqueiredos entraba na parroquia de San Pedro de Maside, seguindo en baixada ata a Veiga de Arriba, tamén coñecida como A Veiga do Pozo, que en 1.891 pasou a formar parte de Santiago de Farbán.  

Nos Esqueiredos o “Camiño de Fora (Sur)”  facía cruz co Camiño de Monforte que seguía a pé da Fortaleza ata o Mosteiro da Madalena. Este Camiño de Monforte, pasado o lugar de Lamarrigueira tiña unha derivación que por Albán, Vilamaior da Lobataira e Mosteiro Vello ía á Barca do Pincelo, no camiño que dende Sárria seguían os que ían cara Chantada e Pontevedra.

O lugar da Veiga de Arriba ou do Pozo pertencera ao Temple e pasara a mans dos Condes de Lemos e no ano 1.371, xunto coas herdades de Celeiro e de Manán, Don Pedro, “conde de Trastamara, de Lemos e de Sárria e do Bolo e Pertigueiro Maior da Terra de Santiago”, deullo ao prioiro e convento de Santa María Madalena “por tal que roguedes a Deus pola miña vida e que digades en cada un día de aquí endiante unha misa de sacrificio por min e polas ánimas do meu pai e da miña nai e dos meus avós e daqueles onde eu veño”. Esta doazón foi confirmada polo conde don Rodrigo Rodríguez Osorio o 4 de agosto de 1.510. A este lugar chegaba a carreira que pasada a Corga do Asno e Santiago do Mercado (primitivo asento da Vilanova de Sárria) viña dende A Madalena e, xa xuntos, seguindo pola Veiga Pequena, alcanzaban o Vao dos Pasais de San Miguel, traxecto que cecais fose seguido por aqueles que querían evitar o pagamento do dereito de pontaxe esixido para cruzar pola Ponte da Áspera.

Na actualidade, xa prácticamente desaparecida a antiga traza o Camiño de Fora (o do Sur) queda dentro das estremas da parroquia de Santiago de Farbán.

Camiños de Fora

O segundo Camiño de Fora, o do Norte, era seguido non só polos peregrinos e camiñantes que ían cara Portomarín e Santiago, e non querían entrar na vila, senón que tamén era transitado polos transeúntes procedentes do Courel, O Incio e Lemos que, rexeitando o acceso dos Esqueiredos, entraban na parte baixa da vila collendo na Lama da Rigueira a carreira que ía por Pacios de Casteledo cara A Pedreira e o Arrabaldo. Este ramal evitaba a subida á vila e a baixada á Veiga de Abaixo, e seguía o trazado das actuais rúas do Marqués de Ugena, Porvir e San Lázaro.

Pasado O Pedregal, á altura da Corga de Vales (hoxe Rúa Pedro Saco), a carreira  entraba na parroquia de Maside, deixando á esquerda a Capela do Campiño, que era marco estremeiro das parroquias de San Salvador de Sárria, Santa Mariña de Sárria e San Pedro de Maside, en cuxo termo se achaba.

A uns douscentos metros este Camiño de Fora (Norte) tiña cruzamento coa Ruela de San Lázaro que baixaba dende San Salvador (Rúa da Calexa) e co Camiño de Lugo que dende A Madalena ía ata a Ponte do Mazadoiro e nese espazo estaban o Souto ou Campo de San Lázaro e o Hospital de San Lázaro, onde eran forzosamente acollidos os gafos, doentes da lepra que tiñan que viviren lonxe das vilas e lugares, facendo vida común e sostidos coas esmolas froito da caridade dos seus coetáneos e das mandas e rendas establecidas por xentes piadosas.

Pasado o Campo de San Lázaro o Camiño de Fora (Norte) ía cara a Ponte da Áspera, deixando á esquerda os soutos de San Lázaro por unha carreira que agora é a rúa Camiño Francés. Moi perto da ponte o camiño entraba nos termos da Veiga de Abaixo, da parroquia de San Salvador de Sárria. No río Celeiro, pasado o desvío da Veiga de Abaixo, había un pontigo de madeira, coñecido como Pontón de Celeiro, e un vao que levaban ao casar e muiño deste nome, e ademáis permitían atallar para á altura de Santalla de Arxemil coller o Camiño de Sárria ao Páramo e o Camiño de Lugo que dende a vila levaba a esa cidade por Goián e a Ponte de Neira. Nese treito, pasado o lugar de Requeixo, estaban o castro e lugar de Santo Estevo de Barbadelo (Santo Estevo de Requeixo, e agora Santo Estevo de Maside), que  foi espazo señoreado polos templarios, o mesmo que o Casar de Celeiro.

Este ramal norte, que serviu de asento primeiro á estrada de Sárria- Portomarín (1.860), no seu cruzamento coa estrada do Mazadoiro a Lamarrigueira (1.851/1.853) viu nacer un novo barrio de San Lázaro, integrado na parroquia de Maside, que medrou moito máis despois da inauguración da liña de ferrocarril entre A Coruña e Sárria, en crecemento parello cos barrios xemelgos da Estación e da Estrada do Mazadoiro.

Estes tres arrabaldos novos, fracasado o intento de facer una nova parroquia que pretendían levase o nome de San Lázaro de Sárria, pasaron a se integraren na parroquia de San Salvador de Sárria en 1.891 que tamén sumou terreos de San Martiño de Requeixo.

Con esa anexión traza dos camiños xacobeos pola parroquia de San Pedro de Maside quedou  limitada dende entón aos treitos da banda esquerda do río Celeiro aos que hai que dar a debida atención e que, na actualidade, aparecen referenciados dentro da “vía canónica” barbadelense e no ramal que por Zanfoga, Santa Marta e Barreiros segue ata o Chao de Domiz, pasando por Maside, Ortoá e Meixente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here