InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O paso do Camiño pola parroquia de Maside II

Cousas Xacobeas: O paso do Camiño pola parroquia de Maside II

A capela de San Lázaro é pervivencia do Hospital de Leprosos establecido “extramuros da vila de Sárria", na parroquia de San Vicenzo de Maside, desaparecida freguesía que se integrou na de San Pedro de Maside, con terras a unha e outra banda do río Celeiro, na parte pertencente e suxeita á xurisdición da vila .

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Accede aquí á I parte deste artigo

Este hospital, que acollía gafos, era un máis dos ubicados á beira de camiños xacobeos, e así tamén houbo institucións semellantes na Vila Vella de Triacastela e en San Pedro de Portomarín, sempre perto da pasaxe de pontes e camiños concorridos, neste caso vencellado á Ponte do Mazadoiro, e así, como xeito de estimulación da caridade, os doentes pedían esmolas saíndo decote a facelo nas vías públicas e en días sinalados andando pola vila. Posiblemente tamén en Vilar de Sárria, perto do Campo de Santo Alberte e da Ponte Vella, e onde aínda chaman A Malata, debeu haber unha institución semellante.

Ponte Vella do Mazadoiro / Villarabid

Hospital de Maside

Tendo en conta a cronoloxía doutras malatarias, que sinalarían a orixe desa atención piadosa, posiblemente o Hospital de Maside xa estaría consolidado no século XIV, se ben a escritura máis antiga que se achou no desaparecido  tombo de 452 folios estudado por Vázquez Saco, datada en 1.475 , ensínanos que Roi da Nogueira “morador ena Veiga de Sárria, yasendo doente con todo meu siso natural…fago e fize manda a horden de San Lázaro de Sarria en que para sempre jamays le den e paguen de cada un ano tres tegas de centeo por mi e por las animas de aquelles a que soy obligado”.

O Hospital tiña leiros propios, barredos e soutos de castiñeiros aproveitados polos doentes, e un campo frenteiro onde se celebraba a feira aneira coa que obtiñan beneficios que sumaban ás mandas e ás rendas establecidas tanto polos enfermos como por persoas movidas a facer xestos de desprendemento e caridade a prol dos pobres desgraciados que alí moraban, e que imploraban esmolas anunciándose co choqueletar de taboíñas ou cos sons dunha pequena campá, para que as persoas  advertisen a súa chegada e se afastasen do seu camiño.

Estaba situado no cruzamento do Camiño francés de Sárria a Lugo coa variante do camiño xacobeo (“Camiño de Fora do norte”) o que, polo tránsito que xeneraban facía que puidesen mover mellor á caridade aos transeúntes que por alí pasaban.

Por un documento do ano 1.517 sabemos que Fenandares de Lier “estaba  ena costumbre de pagar a los de la horden de San Lazaro dos celemines de pan de renta”. E en 1.562, o mordomo da Orde, Pedro Rodríguez “afora  un casarón y formal de casa que esta sito en el Coto de Layosa, junto a la casa de Mendo rrial en que solia vivir y morar Martino da Pedreira, defunto, según pertenesce a la dcha Orden de Señor San Lázaro; la cual dicha casa   hos la aforamos como dho es según a dcha orden de Señor San Lázaro pertenesce por donación que della hizo Men  rrial, el viejo, difunto que sea en gloria”.

Hospital de San Lázaro

O Hospital de San Lázaro estaba posto baixo o coidado e atención do Rexemento da Vila e sometido ao control e supervisión dos condes de Sárria (despois marqueses) e do bispado de Lugo, e os alí acollidos, arredados da vila e dos lugares poboados máis de perto (Celeiro, Requeixo, Treilán, Vilar de Sárria ) e alí facían vida isolada, rompendo a monotonía do paso dos días co labor que algúns deles podían facer nos seus campos e polas  contadas e controladas saídas que para pedir esmola podían facer, tomando escrupulosas medidas para evitaren o contaxio ás persoas coas que se cruzaban.

Coñecemos algúns datos do desenvolvemento da vida hospitalaria nos séculos XVI e XVII, mais a actividade debeu cesar nas décadas finais deste século, ao desaparecer a incidencia da enfirmidade na zona, o que trouxo o abandono da edificación onde moraran os doentes, que quedou reducida a puro pardiñeiro, e deu lugar a que no ano 1.700 o bispo lucense declarase  extinguida a función de acollida que viñera cumprindo, destinando bens e rendas a unha Obra Pía na que reuniu as institucións de San Lázaro de Maside e Santo Antón Abade de Sárria.

Libro dos Hospitais de Sárria (1703)

Como se dixo, este hospital non era orixinariamente unha institución propiamente xacobea, aínda que a ela se acollerían os peregrinos malatos que polo camiño andaban, pero finalmente e por máis de 120 anos as súas rendas e bens foron aplicados á atención dos peregrinos que eran acollidos no Hospital de Santo Antón Abade, no número 1 da actual Rúa Maior cando viñan de volta de Santiago, e por todo ese tempo a Obra Pìa, resultado da fusión do 1.700, ten que ser considerada como “xacobea”, aínda que tamén  foi patrocinadora da primeira Escola de Gramática da vila de Sárria e os seus fondos se adicaron en parte a cubrir necesidades xurdidas no patrimonio local e en obrigas propias do Rexemento da Vila, ou postos a xuros en beneficio de familias que pedían empréstimos, sen descoidar as malversacións feitas por administradores sen conciencia.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...