InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O camiño da Áspera ao río Vao en Maside (V)

Cousas Xacobeas: O camiño da Áspera ao río Vao en Maside (V)

Pasada a Ponte da Áspera entra o Camiño na parroquia de San Pedro de Maside e hoxe, á altura do camiño de ferro pode ser seguido, pola esquerda (camiño canónico) en direción Barbadelo, ou atravesando a vía do tren e a estrada de Portomarín pode alcanzarse o Chao de Domiz, onde se xunta de novo co camiño procedente de Barbadelo.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

(Continuación de Cousas Xacobeas: Santo Estevo de Barbadelo, enclave xacobeo en Maside (IV)

Entre a Ponte da Áspera e o Pontón de Río Vao (perto do lugar de Santa Marta (da parroquia de Ortoá) este treito atravesaba terras da Xurisdición de Samos, dependentes do Priorado de Barbadelo, que se integraron en Sárria en 1840.

Seguindo este ramal, á altura da Ponte da Áspera restarán por facer 111 quilómetros. Para subir ata Zanfoga antigamente ían pola Corga de Vacelar, mais os vellos vieiros desapareceron cos labores da Concentración Parcelaria e unha vez pasada a estrada e iniciado o ascenso cara Penagache, coincide coas pistas modernas que, substancialmente manteñen a traza primitiva.

Marco subida a Penagache / Ana López

Este ramal do Camiño pasa polo lugar de Zanfoga, a Casa do Mesón  (que garda memoria do seu antigo destino de servir de pousada para camiñantes) e as casas modernas do Romeo, onde un establecemento hostaleiro presta atención alimentaria aos que por alí van. Segue á man dereita da estrada ata alcanzar o Pontón do Río Vao (agora máis coñecido como Rego de Cervos), antes de entrar na parroquia de Santa María de Ortoá, polo lugar de Santa Marta. Este treito da parroquia de Maside ten unha lonxitude duns 2.270 metros, e duns anos acó foi sinalizado con marcos, como vía alternativa diferenciada da que pasa por Barbadelo.

O camiño así descrito era históricamente o camiño que se facía a pé, xa que pola forte pendente que dende o río hai ata Zanfoga para pasar con cabalos ou carruaxes había que alcanzar os prados de San Miguel e deixando á esquerda o Rego de Cervos dirixirse ata Zanfoga.

O Mesón / Ana López

De feito os peregrinos que polos Esquiredos e pola Veiga de Arriba  percuraban os peares ou pasais da Rañoá, no Porto de San Miguel, podían optar por se dirixiren a Zanfoga, collendo á man dereita, ou ben tirando cara a esquerda, polo casar das Paredes e Vilei xirar en direción ao Mercado da Serra.

O Camiño entre a Ponte da Áspera e o Pontón de Río Vao (Santa Marta) non presenta elementos merecentes de maior atención. A igrexa de San Pedro veu a substituir a outra anterior e á da desaparecida freguesía de San Vicenzo de Maside, cuxa lembranza se mantén no nome do lugar e nos topónimos menores da “Fonte de San Vicenzo” e o “Leiro do Sino”, que se refire ao lugar onde estivo emprazada a torre da campá parroquial. Este templo conserva dous fermosos retábulos e boas imaxes, e desgraciadamente, hai poucos anos un terceiro altar, tamén moi valioso,  foi froito das lapelas e desapareceu comesto polo lume.

Mural xacobeo no Romeo / Ana López

Unha casa fidalga, a da Vilerma, perto do lugar do Currial, trae lembranzas xacobeas xa que os seus posuedores señoriais, nos séculos XIV e XV, os Ribadeneira, tomaron baixo da súa proteción o Mosteiro de Santa María Madalena de Sárria, que é sabido tiña de xeito exclusivo e fin primordial a atención aos peregrinos “que ían cara Compostela”.

Axudando aos pelegríns

Se a esa vocación xacobea unimos o feito de que as terras que van de Zanfoga ao río Celeiro estiveron ata á Desamortización vencelladas ao dito mosteiro, que Santo Estevo, Celeiro e A Veiga de Arriba (ou do Pozo) foron do Temple e que o Hospital de San Lázaro formou parte desta parroquia ata 1890, non se pode poñer en dúbida a especial adicación do termo parroquial, e daqueles que como rendeiros as ocupaban, para a reunión de medios económicos adicados á axudar aos pelengríns.

A parte da parroquia sometida á xurisdición do mosteiro de Samos estaba atravesada polo camiño das peregrinacións, e cando estas deixaron de ser masivas, xa baixo da denominación de “Camiño de Portomarín” foi a carreira habitualmente seguida por maragatos, traxinantes, correos, soldados e transeúntes que se dirixían cara Compostela e para as partes de Pontevedra.

Na década de 1860 ese vello camiño foi mellorado coa apertura da estrada que se desexaba levar dende Sárria á vila miñota, mais esa vía non foi realidade ata os anos 1928/1930, xa que estivo parada por decenios en Mouzós, cando desbotando o proxecto inicial de levala polas parroquias da antiga ruta xacobea, na marxe dereita do río Loio, ata San Pedro de Portomarín, pasando por Ferreiros e Vilachá, se  fixo un novo trazado por Pacios de Paradela, capitalidade do concello dese nome, seguindo, dende O Neo pola marxe esquerda do río Loio.

Esta estrada levou por nomes os de Estrada de Sárria a Portomarín, Estrada de Sárria San Martiño de Castro, Estrada de Becerreá a Vendas de Narón e agora é a Estrada de Pedrafita do Cebreiro a Vendas de Narón (xa que o proxecto de levala ata Palas de Rei está aparcado) e entre a Ponte de San Lázaro e o Pontón de Santa Marta discorre pola parroquia de Maside, mantendo a clara vocación xacobea de todos os enlaces da vila de Sárria co vello e o novo Portomarín.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...