InicioMedio ambiente e PatrimonioO oso das cavernas e a súa pegada promocionan Quiroga

O oso das cavernas e a súa pegada promocionan Quiroga

O Museo Xeolóxico de Quiroga conta desde esta semana de finais de novembro cunha pequena tenda onde adquirir o merchandising oficial do Museo. Co obxectivo de divulgar e dar a coñecer a riqueza deste museo e do Museo Etnográfico contarase cunha nova web, museosquiroga.org

Publicado o

- Advertisement -

No 2007 abría as súas portas o Museo Etnográfico de Quiroga. Desde aquel momento xa se contou nestas instalación cunha pequena tenda na que adquirir os produtos típicos dos que se fala neste museo, como o viño, derivados da castaña, aceite ou mel; recentemente incorporáronse pezas elaboradas con madeira de oliveira. A posta en marcha desta tenda tiña como obxectivo promocionar estes produtos.

Museo Etnográfico Quiroga / Concello de Quiroga

A capitalidade municipal de Quiroga conta con outro museo de gran interese, o Museo Xeolóxico que nestes días acaba de cumprir o sétimo aniversario da súa inauguración. Agora este museo tamén conta coa súa pequena tenda, na que neste caso se poden adquirir camisetas, mochilas, gorras, tazas,… coa imaxe do museo. Este merchandising ten como imaxe o esqueleto do oso das covas e súa pegada, quizáis o máis representativo do museo porque a pegada do oso guíanos polas instalacións.

Museo Xeolóxico Quiroga / Concello de Quiroga

Este novo material pódese adquirir a uns prezos que oscilan entre os 2,5 € dun imán aos 8 euros das camisetas talla adulto. O obxectivo deste merchandising é claro, facer promoción, “non só do museo, senón de todo o concello, por iso as distintas pezas incorporan o enderezo web do concello onde se pode atopar toda a información de interese do municipio, tanto a nivel turístico como administrativo”, apunta o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

O Museo Municipal de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga recolle os principais acontecementos xeolóxicos que definen o territorio galego, unha representación da xeoloxía da comarca quiroguesa e unha exposición de restos óseos da fauna cuaternaria da zona. As instalación ampliaranse con 3 novas salas, nunha delas contarase coa reconstrución da faciana de Elba, a primeira pastora mesolítica estudada en España e cuxos restos se atoparon no Courel. O museo é ademáis, un dos puntos de partida do proxecto Xeoparque Montañas do Courel.

Merchandising Museo Xeolóxico / Concello de Quiroga

Tanto o Museo Xeolóxico como o Etnográfico abren todos os días en horario de mañá e de tarde, agás o días 25 de decembro e 1 de xaneiro. Pódense concertar visitas para grupos de máis de 10 persoas para calquera día á hora máis axeitada para os grupos a través do teléfono 982 43 51 25. Os museos reciben cada ano unha media de 3.000 visitantes; o ano que está a piques de rematar superáronse ampliamente os 6.000 visitantes entre as dúas instalacións.

A aposta do concello de Quiroga por este tipo de propostas museísticas completarase, este ano, coa posta en marcha dunha web dos museos, museosdequiroga.org. A web que estará a pleno rendemento, previsiblemente este nadal, ademáis de permitir ao visitante profundizar en toda a riqueza dámbolos dous museos, contará cun espazo de axenda e terá a posibilidade de facer reservas online.

Merchandising Museo Xeolóxico / Concello de Quiroga

ÚLTIMAS

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...

A Xunta reactiva as notificacións para queimas agrícolas

A Xunta de Galicia decidiu volver activar os permisos para queimas agrícolas de particulares....