Samos, a cuarta olería da provincia

A olería tradicional de Samos, desaparecida nos anos 50, estase recuperando e promovendo a través da Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, que vén de publicar o libro, Formas tradicionais da cerámica popular: Samos, de Hixinio Flores e Orlando Viveiro.

Presentación da publicación / Deputación Provincial

A provincia de Lugo tivo históricamente catro olerías, a de Bonxe, Gundivós, Mondoñedo e Samos. Esta última a máis descoñecida por levar desaparecida desde os anos 50, pero o interese dun grupo de xente por recuperala e divulgala vai dando os seus froitos. Hai 5 anos restaurouse un forno que levaba máis de 100 anos sen cocer e agora vense de presentar o libro, Formas tradicionais da cerámica popular: Samos; que pretende poñer en valor esta olería tradicional.

Segundo esta publicación, no século XVIII a olería de Samos funcionaba a pleno rendemento, a peza máis antiga da que se ten constancia é unha ámboa de 1706. No libro fálase dos prezos de pezas e materiais, de como eran os fornos e cales eras as feiras e mercados nas que se comercializaban as pezas.

A Deputación colaborou na edición deste libro co obxectivo de promover a conservación do patrimonio etnográfico e da cultura e manter a memoria do estilo de vida. “Pode que esta olaría sexa a menos coñecida da provincia, pero aínda así, tivo unha fonda repercusión na contorna durante máis de 200 anos”, sinalou a Deputada de Cultura, Pilar García Porto.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here