Esgrafiados da Ribeira Sacra, charujas, o segredo mellor gardado dos canteiros

Afondamos no proxecto persoal da educadora social e antropóloga monfortina, Mar López Sotelo, unha reivindicación de Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade que a levou a documentar os esgrafiados como un dos recursos deste territorio. O seu traballo serviu para incluír os esgrafiados no recoñecemento de Ben de Interese Cultural para Ribeira Sacra.

Mar Sotelo xunto a un esgrafiado

A exposición itinerante, ”Esgrafiados na Ribeira Sacra” de Mar López Sotelo pódese ver durante todo o mes de febreiro no Espazo Xove de Chantada. A mostra acolle 42 esgrafiados, pero no seu traballo de localización, cartografiado e catalogación dos esgrafiados da Ribeira Sacra, Mar López Sotelo, contaba, no momento de facer a entrevista con 2.642 e o número non para de medrar. Falamos coa promotora e artífice desta iniciativa, a monfortina, Mar López Sotelo.

Cando comeza a túa historia cos Esgrafiados?

No 2017, foi un pouco de casualidade e agora síntoo o motor da miña vida. Cando todo comezou, nin sequera sabía que nome tiñan ou que eran; e pouco a pouco foise botando luz sobre o asunto ata ter o que agora temos.

San Paio da Abeleda / Mar López Sotelo

Remontámonos ao principio, como comeza todo?

Todo comeza como un proxecto persoal de superación. Vín que se falaba da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e en decembro do 2014 abrín o grupo de Facebook La Ribeira Sacra debe ser Patrimonio da la Humanidade, onde recollo todo o vinculado co patrimonio e a riqueza deste territorio. En moi pouco tempo tiña 6.000 seguidores e en marzo do 2018 abría o blog, Red Ribeira Sacra, Estudos Etnográficos. Aquí vou facendo todo o que supoña poñer en valor e promocionar os recursos e potencialidades da Ribeira Sacra. No medio deste proceso entrei en contacto cos esgrafiados.

Cal foi o teu primeiro esgrafiado?

Eu son educadora social e estou estudando antropoloxía social e cultural, como tiña en marcha todo o proxecto de Patrimonio da Humanidade e me gustan estas cousas, unha amiga levoume a Hortás, no concello de Sober, e ensinoume o primeiro esgrafiado como curiosidade, pero daquela non sabiamos como se chamaban nin todo o que estaba por vir.

Hortas, Anllo (Sober) / Mar López Sotelo

Cando comezan as exposicións?

A directora do Museo Etnográfico Liste de Vigo viu o meu traballo cos esgrafiados en internet e chámame para poder amosar as fotografías. O 17 de maio do 2017 inaugúrase a exposición. Despois, coincidindo coas XX Xornadas da Rota do Románico de Pantón, coñecín á promotora, Flora Enríquez, e propúxome facer unha conferencia e unha ruta de esgrafiados por Pantón. Aínda non sabiamos como se chamaban, encintados, cintados,… Por aquel entón, Rafael Ruíz Alonso, Doutor en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid, coñecía a exposición do Museo Etnográfico e contactoume para darme o nome, ESGRAFIADOS, abriume os ollos a moitas cousas. Xa sabiamos o que era, xa tiñamos nome para o traballo que estaba facendo, daquela tiña sobre un centro de localizacións de esgrafiados, agora son case 3.000.

Abríase unha nova dimensión ao teu proxecto?

Podería dicirse así. O Presidente do Círculo Saviñao, Enrique Sampil, pregúntame, coa intención de axudarme, que quero facer con todo o traballo que teño. Aquí xurde a idea do blog, cartografialos a través dun mapa e facer que a exposición sexa itinerante pola Ribeira Sacra. Desde entón o meu traballo comeza a coñecerse aínda máis e comezan a chamarme de concellos, institucións, adegas,… para contar coa exposición.

Agora estou en negociacións para sacala fóra da Ribeira Sacra. O proxecto é algo vivo, cada día documento un novo esgrafiado e moita xente, cando os atopa mándame a ubicación e foto. Estou encantada coas colaboracións e con que algo tan íntimo e persoal se siga expandindo e involucre a outra xente.

Na exposición de Chantada que podemos atopar?

Actualmente teño 50 fotografías para exposición e en breve incorporarei 20 máis. É moito material e depende do espazo do que dispoña. En Chantada teño 42 pezas, aquí, ademais, estamos desenvolvendo unha inicitiva preciosa, hai un grupo de nenos pintores no espazo xove aos que animei a facer novas pinturas e novos deseños cos esgrafiados. Quero involucralos e incorporar o seu traballo á exposición.

Ademais do IES Val do Asma de Chantada, solicitáronme unha visita guiada para dúas clases de ESO e primeiro de bacharelato para o 21 de febreiro. O obxectivo é sensibilizalos e fomentar esto, porque son os mozos, os que preservarán o noso legado.

O Val de San Vitorio de Ribas de Miño. O Saviñao / Mar Sotelo

Despois deste tempo serás unha experta nos esgrafiados, que nos podes dicir deles?

Primeiro que me apena porque o 99% están en casas el aldeas abandonadas e, polo tanto, condeados a desaparecer. Pouco a pouco vou vendo que algúns se restauran, aínda que moitas veces non se fai cos mesmos materiais.

En Ribeira Sacra vinculo os esgrafiados ao románico porque, por exemplo, o Mosteiro de San Paio da Abeleda, románico do século XII está todo cuberto de esgrafiados. Trataríase dun ornamento para as fachadas cunhas proporcións, modelos, técnicas,… que gardaban cunha linguaxe segreda para que ninguén o descubrira.

Documentádome, atópome con outro concepto, Charujas e a súa definición corresponde coa de esgrafiado, unha masa de auga, area e cal que se facía para encintar as xuntas das paredes e facer os revoques das fachadas.

Os canteiros, cando máis auxe tiveron, foi no románico e seguindo o ámbito de influencia do camiño de Santiago, como se pode ver no mapa dos esgrafiados do meu blog. Onde máis esgrafiados atopo pasa, ou un Camiño de Santiago, unha vía romana, ou un camino real ou un camiño medieval.

Ademais do carácter decorativo, os esgrafiados teñen unha intencionalidade práctica de protección frente a humidades, bichos… A cal é ignífuga, desinfectante, evita a humidade e protexe. Tamén era unha moda, como agora poñer pedra vista.

Mapa de esgrafiados / Blog Red Ribeira Sacra

O teu traballo cos esgrafiados ou charujas, o segredo mellor gardado dos canteiros, serviu para que entraran a formar parte da declaración de BIC de Ribeira Sacra. Será un orgullo, unha recompensa?

Para mín o obxectivo está cumprido, que era divulgar, promocionar e poñer en valor os recursos da Ribeira Sacra en apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Pero esto segue vivo, a exposición permanente do Museo Etnográfico Liste de Vigo ten a intención de acoller máis pezas, en setembro a exposición chega de  novo a Monforte de Lemos e fará varias paradas antes aínda con data por confirmar, agora comezo a ver que hai talleres de elaboración e restauración de esgrafiados, eu sigo catalogando cada esgrafiado que vexo e os que me mandan. Para min este proxecto é o meu motor, saír a buscar esgrafiados sálvame a vida.

Tamén teño que agradecer a colaboración e apoio de moita xente e moitas asociacións como O Colado do Vento, O Sorriso de Daniel ou Manuel Rolán de Caserío da Castiñeira; e teño claro que esto non sería o que agora é sen a colaboración dos concellos de Monforte de Lemos e Castro Caldelas, da adega Vía Romana e do Círculo Saviñao.

Cartel da Exposición

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here