Adxudicadas en 512.000 euros as obras para a hospedaría das Bernardas de Pantón

Na plataforma pública Contratos de Galicia anúnciase a adxudicación das obras para acondicionar unha hospedaría no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, por un importe de máis de 512.000 euros e un prazo máximo de excución de 6 meses.

Mosteiro cisterciense de Santa María de Ferreira de Pantón / Delegación Territorial

A Consellería de Cultura e Turismo actuará sobre a antiga hospedería, a casa do capelán, a torre barroca e parte da planta baixa, para sumar novos servizos e poder ampliar a visita cultural no Mosteiro cisterciense de Santa María de Ferreira de Pantón, que conta dende o ano 1975 coa declaración de ben de interese cultural coa categoría de Monumento.

As obras na planta primeira comprenden a execución das estancias da nova hospedería, entre elas sala de almorzos, catro cuartos dobres, dúas habitacións individuais, dúas salas comunitarias e outros espazos.

Tamén se reformará a planta baixa do ala leste do mosteiro para acoller, entre outros servizos, a recepción da hospedería, un novo espazo multifuncional para información divulgativa do mosteiro e da Ribeira Sacra en xeral. Actuarase no acceso tanto á torre barroca como á hospedería, que contará como elementos mais significativos cunha nova escaleira e un ascensor, ademais de espazos comúns complementarios de carácter externo.

Melloraranse as condicións de humidade na planta baixa executando una nova soleira ventilada; pavimentos, paredes e teito. Dotarase a mellora do edificio de electricidade, iluminación, calefacción e seguridade contra incendios. Instalaranse novos aseos exteriores para facilitar o uso cultural do mosteiro, realizaranse traballos de consolidación e conservación nos tabiques barrocos e acometeranse diversos labores de cantaría, carpintaría e forxa para restaurar distintos elementos do mosteiro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here