Maribel García, solidarízase e apoia ás ‘Enfermeiras Eventuais en Loita’

Este movemento, creado por enfermeiras e enfermeiros eventuais do SERGAS para denunciar a precariedade laboral, tinguirán de negro Silleda este domingo. Maribel García, e o seu partido EspertaMonforte!, solidarízanse coa causa.

Maribel García coa camiseta de "Enfermeiras Eventuais en Loita" / MG

Este 12 de maio preséntanse máis de 8.832 persoas á oposición de enfermaría do ERGAS en Silleda para tentar acadar a estabilidade laboral que non teñen. As “Enfermeiras Eventuais en Loita” irán todas vestidas de negro, en loito e en loita, para defender os seus dereitos e animan ademais a todo o mundo a colaborar ese día vestindo de negro en apoio á causa.

Moitas figuras do cine, da política, dos medios e da profesión están tamén a apoiar a iniciativa nas redes sociais e vestindo de negro e este colectivo puxo en marcha a campaña #OPEnegra para dar a coñecer á sociedade galega a precaria situación de enfermaría e pedir ás forzas políticas, sindicatos e asociacións profesionais medidas futuras para paliar as “enormes deficiencias da profesión”.

precariedade

Non ven razoable que unha enfermeira, por poñer un caso de moitos, teña asinado 254 contratos en once anos, 70 deles dun só día e o máis longo, de 100 días de duración, e sen dereito a vacacións e a outros permisos.

Outro problema que consideran moi grave, segundo nos contan dende “Enfermeiras Eventuais en Loita” de Monforte, é o feito de que se dean cambios de servizo constantemente. Os pacientes cada día teñen unha enfermeira didiferente, iso dificulta en gran medida a continuidade de coidados. Por outra banda, en cada unidade trabállase dun xeito diferente, con protocolos diferentes, manexando tecnoloxías moi distintas e en moitos casos de complexidade considerable. Se pensamos en unidades especiais, como quirófanos, unidades de reanimación, UCI, urxencias, etc. a cousa complícase aínda máis. Denuncian, pois, unhas condicións de traballo que lles fan vivir nun estrés constante.

eventualidade

Nun estudo de campo realizado recentemente, din dende este movemento reivindicativo, en todas as áreas descubriron que arredor dun 45% da plantilla do SERGAS é eventual, sen ter en conta á enfermería que se atopa en substitucións por baixas, vacacións, etc. Semanas atrás publicábase nalgúns medios, erroneamente, que esa porcentaxe era do 15%. Esta realidade estase a facer tanxible coas dificultades que está a haber para dar cobertura a toda a enfermaría que se presenta este domingo ao exame de oposición en Silleda. Remuneracións importantes e días libres a cambio de cubrir un turno están a ofrecerse ao persoal fixo, dobrando xornada laboral, en unidades diferentes ás que lles corresponden, etc. E aínda así está a haber problemas nun día que, sendo domingo, non hai actividade cirúrxica programada, consultas e outros servizos que só funcionan de luns a venres; é dicir, só se precisa cubrir os servizos de atención urxente e hospitalización. Se o persoal fixo fose suficiente, este problema desaparecería.

espertamonforte! apoia a causa

Maribel Garcia, como enfermeira que é dende hai moitos anos, manifesta o seu apoio e solidariedade en nome propio e de EspertaMonforte! a todos aqueles profesionais da enfermería que se presentan ao exame de oposición do Sergas en Silleda.

Tanto ela como os seus compañeiros de EspertaMonforte! amosan repulsa ante a inxustiza que se está a acometer cos profesionais do sector.

Ao longo deste domingo día 12, levarán a cabo labores propias da campaña electoral na que están inmersos vestidos coas camisetas negras de Enfermeiras Eventuais en Loita como mostra de apoio á situación que están a vivir moitos/as dos profesionais do sector.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here