Alzheimer, unha enfermidade que pode afectar só en Galicia a unhas 100.000 persoas

O vindeiro 21 de setembro é o Día Mundial do Alzheimer, e moitos colectivos sensibilizados coa enfermidade realizan campañas para informar e para recadar cartos. AFAMON, Asociación de Familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias de Monforte, tamén ten programadas diferentes actividades.

'Alois' da Praza San Antonio de Monforte / XdL

Dende a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL), este ano decidiuse conmemorar o día da enfermidade cunha campaña baixo o lema “A memoria nos camiños”. Fíxose pensando nas historias que cada persoa vai tecendo no seu camiño vital, construíndo dalgún xeito a súa propia memoria.

Todos os anos búscase coa celebración do Día Mundial do Alzheimer achegar á sociedade e ás administración públicas a problemática da enfermidade, que se estima que pode afectar só en Galicia a unhas 100.000 persoas.

Coa campaña polo Día Mundial do Alzhéimer 2019, dende a Federación Alzhéimer Galicia -FAGAL- queren incidir en tres aspectos que consideran básicos: a importancia da figura da persoa ou persoas coidadoras, as historias que se van tecendo dende a mocidade enchendo a mochila de lembranzas que non se queren esquecer nunca e a difusión fóra das nosas fronteiras do labor que fai este colectivo no ámbito das demencias en Galicia. Neste último punto pensaron que a mellor maneira de dar a coñecer este traballo era facelo a través dos peregrinos e peregrinas que están a facer o Camiño de Santiago.

Dende  Afamon (Asociación de Familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias de Monforte) tamén se suman a esta conmemoración  realizando actividades especiais para esas datas co obxectivo de informar e dar a coñecer todas as cuestións relacionadas coa enfermidade e solicitar apoio, solidariedade e compromiso  da sociedade.

Programa de actividades de Afamon

Dende o dia 4 de setembro atópase situado un dispositivo da Federación Alzheimer Galicia , denominado “Alois”, de sinalización do Camiño de Inverno na Praza de San Antonio de Monforte. Ademais de informar do paso do camiño de peregrinación a Santiago contén información impresa en tres idiomas na que se presenta o proxecto, a situación das demencias na zona e a asociación de referencia do lugar. Ao mesmo tempo ten incorporado un código QR que permite obter máis información sobre o proxecto asociativo e entrar na web da Federación de Alzheimer con detalles de cada unha das asociacións que hai en Galicia. Nos Alois tamén aparece información sobre un concurso de fotografía animando á xente a participar colgando nas redes sociais fotos con eles.

Información da campaña que se atopa en cada ‘Alois’ / XdL

Para o vindeiro día 18 de setembro está programada unha xornada lúdico-recreativa no Pazo de Tor dirixida ás persoas usuarias do Programa de Estimulación cognitiva e psicomotriz.

O venres 20 de setembro, entre as 10 e  as 14 horas, situarase unha mesa informativa na rúa Cardeal de Monforte onde membros da xunta directiva, voluntarios/as e traballadores de Afamon realizarán actividades dirixidas á poboación consistentes en informar sobre a enfermidade e as actividades que realiza a asociación, entrega de balde de libros e manuais para coidadores de doentes de Alzheimer e petición de donativos a cambio de materiais realizados por usuarios/as e participacións de Lotaría de Nadal.

A media mañá realizarase unha andaina simbólica dende a sede de Afamon, no edificio multiusos, ata a praza de San Antonio onde está o “Alois”. Participarán persoas usarias e familiares ademais daquelas persoas que o desexen.

E xa ás 14:00 horas, comida de confraternidade para os socios e socias no restaurante Lienzo de Monforte para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here