InicioMovementos sociaisNace unha plataforma en defensa do CEIP Frei Luís de Granada

Nace unha plataforma en defensa do CEIP Frei Luís de Granada

Este movemento social xermolou o pasado 6 de febreiro despois dunha asemblea conformada pola comunidade educativa e a veciñanza sarriá. O obxectivo da mesma é ser un elemento máis de presión para conseguir un colexio público digno.

Publicado o

- Advertisement -

O xoves 6 de febreiro a comunidade educativa e a veciñanza de Sarria reuníronse en asemblea no salón de plenos do Concello de Sarria para tratar o futuro do CEIP Frei Luís de Granada.

Os temas que se abordaron e debateron estiveron relacionados directamente coa “pésima xestión e trato que a Xunta de Galicia tivo respecto da situación da infraestrutura do colexio”, segundo palabras textuais que fixeron chegar nun comunicado de prensa. Entenden que os dirixentes desta institución incorreron en mentiras e en incumprimentos, e o que é máis grave “exercendo presión sobre o profesorado, non mirando pola seguridade das crianzas”, engaden.

…os dirixentes desta institución incorreron en mentiras e en incumprimentos

Amosan o seu malestar tamén coa solución provisional de trasladar aos estudantes á Escola Fogar, edificio que non reúne as condicións mínimas para o desenvolvemento óptimo do traballo lectivo nas aulas. Segundo nos conta unha integrante da Plataforma, “a Escola Fogar non cumpre cos parámetros de habitabilidade, a calefacción non está preparada para volver a funcionar… trasladarse aquí é unha solución mala, pero polo menos segura”. Nótase a incomodidade da solución provisional pero deixa caer, con resignación, que polo menos neste realoxamento non hai risco de que o edificio se veña abaixo.

Por todo o anterior, os e as activistas alcanzaron o acordo de crear a “Plataforma en defensa do CEIP Frei Luís de Granada”, colectivo que buscará mellorar a situación actual, canalizar as demandas de pais, nais, profesorado e sociedade en xeral, co obxectivo de conseguir un colexio público digno, un colexio do século XXI. Láianse que dende o 2011 a consellería non aborda o problema como debera, recorrendo a parches construtivos.

Unha  integrante da Plataforma coméntanos que esta construción xa naceu presuntamente con vicios, como deficiencias na cimentación, unha mala execución con materiais de baixa calidade -de finais dos anos 60- e aínda por enriba unhas malas reparacións ao cambiar a cuberta anos atrás sen reforzar a estrutura, estrutura con deformacións no forxado. Todo isto dedúcese de informes sobre a construción que se coñecen e que non casan cos que traballa a consellería. Neste senso, a plataforma solicitará todos os informes técnicos do edificio dende a súa construción, o proxecto de execución e toda a información que se poda para estudar o edificio para falar con coñecemento de causa e buscar cal é a mellor solución.

A idea que defende o colectivo en defensa do colexio sería un estudo exhaustivo para saber que facer, igual si se pode restaurar e acometer unha reforma integral pero ao mellor non procede e non é viable. E mentres, segundo nos comentan, a Consellería de Educación está arranxando os voladizos e igual acomete unha reforma integral da estrutura, cuestión que a día de hoxe non se comunicou oficialmente.

Este movemento social que xorde en forma de plataforma pretende ser unha forza máis de presión, recoñecen que o Concello de Sarria e partidos políticos están involucrados e demandan solucións pero cantos máis sexan mellor. No comunicado de prensa do pasado 7 de febreiro convidaban a unirse á plataforma a ANPAS, asociacións culturais e deportivas, partidos políticos, sindicatos e demais interesados/as que queiran apoiar a causa en beneficio da vila de Sarria. Neste senso lembran que o funcionamento será transparente e democrático, que todas as persoas que o desexen poden participar e votar nas asembleas sendo as decisións adoptadas públicas.

A nosa activista informante coméntanos que aínda que acaban de nacer xa hai colectivos e xente que queren formar parte, e dinos tamén que teñen traballo por diante, farán máis mobilizacións, reunión informativas, falarán cos partidos políticos e pedirán informes técnicos para coñecer de forma real e obxectiva o estado do CEIP Frei Luís de Granada.

pedirán informes técnicos para coñecer de forma real e obxectiva o estado do CEIP Frei Luís de Granada

A mellor solución pasaría pola construción dun colexio novo porque quizais novos ‘parches’ non arranxan o problema, e así o pensan tamén na Plataforma. E como polo de agora non se contempla esta opción, a nosa informante deixa caer que “non debe interesar, nos presupostos que teñen non debe entrar construír un cole novo…”.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...