Nace a “Asociación de empresarios e comerciantes Xeoparque Montañas do Courel”

Os días 10 e 11 de xuño están convocadas reunións para presentar o proxecto e animar a comerciantes e empresarios a formar parte dela. O territorio do xeoparque e a súa influenza futura está axudando a este movemento asociativo.

Logo da futura asociación. Deseño de DEIKÍ

A comarca de Quiroga semella que atopou unha oportunidade para activar a unión do comercio e dos emprendedores da zona, e faino nun momento complicado e grazas ao pulo da xente, comerciantes de Quiroga que empezaron semanas atrás coa iniciativa Quiroga Comercio Online en Facebook.

Os convocantes informan que “nestes momentos tan difíciles, consideramos que é importante que nos unamos para defender e promover o comercio de toda a comarca do Xeoparque”.

Co obxectivo de dar a coñecer e expoñer o proxecto que está nacendo convocan aos interesados/as a dúas reunións previas. Unha será este mesmo mércores día 10 de xuño, ás 20:00 h. no salón de actos de San Clodio, e a outra ao día seguinte, xoves 11 á mesma hora no salón de actos do concello de Folgoso do Courel.

Nas reunións aproveitarase para convidar a futuros membros/as da que será a “Asociación de empresarios e comerciantes Xeoparque Montañas do Courel”, entidade que se constituirá formalmente o vindeiro venres día 12 de xuño na casa de cultura de Quiroga.

Os promotores aseguran que “asociarse significa poder buscar vías de axuda e traballo en equipo, para conseguir un ben común. Todos os que nos dedicamos á venda ao público, sabemos que temos que estar en constante evolución e buscando novas formar de potenciar o noso negocio”, e engaden “consideramos agora máis que nunca que a unión fai a forza e que entre todos podemos sacar adiante o noso traballo e dinamizar o noso comercio”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here