Cristina Martínez, a muller arxentina que se puxo en contacto co Xornal de Lemos para intentar atopar as súas orixes galegas, ó fin ve o seu soño cumprido.
A fin de semana do 25 26 de agosto celebráronse as festas patronais de San Fiz de Cangas, Pantón. Tras a publicación da busca que estaba a realizar Cristina polo lugar, a nova entre os veciños da parroquia correu como a pólvora. Segundo relata Cristina, “os veciños de San Fiz pasáronse o enlace da publicación do Xornal de Lemos por mensaxería e estaban todos moi atentos para axudarme. Cando chegamos ás festas de San Fiz todo o pobo me recoñeceu pola foto de portada da nova e acercáronse a falar comigo”. Cristina relata que foi un momento moi emotivo pois non era consciente do alcance que tivera o seu chamamento.
Aínda que durante os festexos estivo falando cos veciños, ningún deles lle soubo dicir con claridade cal era a casa dos seus antepasados e sobre todo, cal era a historia da súa familia.
O luns 27 pola mañá e tras indagar no Rexistro Civil sen obter novidades, acercouse ata a cantina de Serode onde a muller que rexenta o negocio comentoulle que había un veciño que si a podía axudar. Este home era “Moreno” un señor de avanzada idade que aínda lembraba con claridade todos os datos que Cristina lle foi aportando e que “coñecía a historia porque a súa neta lle-la contara”.
O Moreno díxolle que o se avó non era zapateiro, senon que era o zoqueiro. E non un calquera, senón un moi especial porque a cada peza que facía marcábaas cun sinal moi personal. Tal era a fama que tiñan as súas zocas que as facía para os curas e todas as personalidades da zona relevantes de comezos do século XX. Tamén lle dixo que ela da familia dos coñecidos no lugar como os papeleiros da Ribada.
Actualmente a casa natal de San Fiz xa non pertence a ninguén das súas raíces pero grazas ós veciños, puido coñecer a unha prima segunda súa que vive en Ourense e coa que a partir de agora, terá un vínculo familiar e de amizade.
E así, entre contos e enlazando información, Cristina puido coñecer a vida dos seus antepasados galegos e a súa importante labor que fixeron antes de emigrar para Arxentina.