InicioMovementos sociaisAsociación de Veciños de Moreda, en Pantón: un colectivo que naceu a...

Asociación de Veciños de Moreda, en Pantón: un colectivo que naceu a partir dunha ‘recollida de fotos antigas’

Nunha nova colaboración de Segredos de Pantón, achegámonos á parroquia de San Romao de Mored, no Concello de Pantón, para coñecer a través dunha entrevista como naceu esta asociación.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

A asociación Segredos de Pantón amósanos nesta entrega do mes de setembro unha entrevista con Elena, unha das impulsoras e presidenta da Asociación de Veciños de Moreda. Este colectivo naceu de xeito espontáneo, no ano 2019, despois das boas sensacións e a participación activa da veciñanza tras unha recollida de fotos antigas para organizar unha exposición.

Aquí a entrevista que lle fixeron:

Para comezar, Elena, como é iso de ser a presidenta da asociación de veciños? Que tal o levas, acostúmaste?

Pois o de ser presidenta foi algo circunstancial, por como xurdiu a asociación. Creo que é un papel que tes que desempeñar con moita responsabilidade. O meu obxectivo principal é acadar a unión de tódolos veciños e veciñas. Pero teño que recoñecer o labor de todos os que formamos parte da asociación, sobre todo das miñas veciñas, que son as que colaboran para que tódalas actividades saian adiante.

“O meu obxectivo principal é acadar a unión de tódolos veciños e veciñas”

Por que decidistes fundar en Moreda unha asociación de veciños? Cal era a vosa intención?

A idea da asociación xurdiu de forma espontánea e creo que foi algo moi bonito. Eu sempre me defino como unha herdeira de historias, porque dende moi pequena levo escoitando miles de historias dos meus veciños e veciñas, de cousas que pasaron na parroquia, de veciños e veciñas que xa non están, de como era a vida antes… Por outra parte, tamén me gusta moito a fotografía antiga e sentía a necesidade de poñerlle cara a todos eses protagonistas das historias que levaba escoitando tantos anos. Entón, ocorréuseme facer una recollida de fotos antigas e creei un grupo de Whatsapp. E a resposta dos veciños e veciñas foi moi positiva, achegaron un montón de fotografías. A partir de aí fixemos unha primeira reunión, que naquel momento era co obxectivo de levar a cabo unha exposición de fotos, pero da que xurdiu a idea da asociación. E foi así como a puxemos en marcha a finais do 2019.

“Tamén me gusta moito a fotografía antiga e sentía a necesidade de poñerlle cara a todos eses protagonistas das historias que levaba escoitando tantos anos”

Tentades alonxarvos da idea de que a asociación só existe para as festas da parroquia e un par de eventos máis no ano e realmente organizar cousas ao longo do ano?

Si, esa é a idea. Dinamizar un pouco a parroquia, ter máis contacto entre os veciños. Intentar recuperar o patrimonio natural e cultural da parroquia, algunhas tradicións… De momento a festa da parroquia aínda non a chegamos a recuperar (risas), pero todo se andará. Creo que con ilusión pódense chegar a facer moitas cousas.

Xuntanza de veciñas/os antes da pandemia. Foto: Asoc.

Ao serdes vós a voz directa do pobo, que temas vedes que preocupan máis sobre a parroquia aos habitantes?

Pois creo que os temas que máis preocupan aos veciños e veciñas son os servizos básicos. Ter estradas en boas condicións, ter os camiños limpos, que todos os servizos como auga, saneamento, acceso a internet cheguen a tódalas parroquias.

“Os temas que máis preocupan aos veciños e veciñas son os servizos básicos”

Ata o día de hoxe tedes organizado de novo as comadres e compadres e organizastes xunto a nós unha ruta. Como vedes e como o ven os veciños toda a vosa actividade?

Dende que naceu a asociación fixemos unha cea-xuntanza, recuperamos a tradición dos compadres e comadres que levaba máis de cincuenta anos sen celebrarse na parroquia (aínda que no 2020 non a puidemos levar a cabo pola pandemia), organizamos xunto con Segredos de Pantón unha ruta por toda a parroquia e este ano participamos tamén no programa Musiqueando da Deputación de Lugo e organizamos un concerto de música tradicional. Creo que aos veciños e veciñas gústalles que se fagan actividades na parroquia. É unha maneira de xuntarse, de pasar un rato divertido e a verdade é que sempre agradecen que se leven a cabo actividades.

Comadres e compadres. Foto: Asoc. Veciños de Moreda
Roteiro con Segredos de Pantón. Foto: ASoc.
Actividade organizada baixo o programa ‘Musiqueando’ da Deputación de Lugo. Foto: Asoc.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...