Asociacións culturais recuperan entroidos ancestrais no sur de Lugo

Este é o caso, por exemplo, da Asociación Segredos de Pantón e da Asociación Serra do Courel. Uns e outros farán diferentes actividades esta fin de semana para manter vivas máscaras e tradicións doutros tempos.

Vestimenta do 'Farraquí' nunha exposición no Balneario de Augas Santas (Pantón). Foto: SdP

A asociación cultural Segredos de Pantón leva uns anos traballando arreo na recuperación de manifestacións populares do entroido no seu concello. Así, non hai moito, daban a coñecer e divulgaban os seus traballos de investigación dos Entroidos tradicionais de Budián e da Arribada a través das redes sociais e da prensa.

Este ano, seguindo con ese traballo de recuperación, organizan conxuntamente coa Asociación de veciños San Brais de San Romao de Acedre unha saída coas figuras recuperadas do Entroido de Budián, os ‘Vandebrancos’ e os ‘Farraquís’. “Sacaremos o Entroido polas aldeas da freguesía de Acedre, veremos os Vandebrancos pasear tan ben vestidos coma sempre e os Farranquís facendo das súas”, di Lucas Vázquez, presidente da asociación pantonesa.

A saída será o domingo 27 de febreiro dende as 10:00 ás 13:00 h. polas aldeas de San Romao de Acedre.

Na súa páxina web explican moi ben os detalles das figuras deste entroido que sae o domingo e doutras de parroquias veciñas.

RECUPERANDO O ENTROIDO TRADICIONAL DO COUREL

Dende a Asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel, veciñas e ANPA están a traballar para recuperar a festa do entroido. O obxectivo do seu traballo é manter vivo o patrimonio inmaterial desta festa popular galega e as súas manifestacións nas terras do Courel. Como elas mesmas indican: “que se manteña viva a tradición e non morra no esquecemento”.

En cada aldea tiñan o seu facer que se diferenciaban unhas de outras, pero na maioría dos lugares tiñan felos, mecos, xardoeiros, tiseireros, e señoritas de Romeor, entre outros. Estas figuras visitaban as aldeas acompañadas de gaiteiros e tamborileiros, e nalgúns lugares anunciaban a súa chegada facendo soar un corno. “Esta fin de semana vai soar moito o corno pola montaña do Courel”, din dende a asociación.

Co fin de recuperar estas peculiaridades entroideiras do Courel, presentan un programa de pasarrúas por Folgoso do Courel e diferentes aldeas para os días 26 e 27 de febreiro e martes 1 de marzo, día este no que se rematará coa “Queima do meco” e a “Solta do Coaño”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here